La Voz de Galicia

Uxía renóvase e renova en «A fala» o compromiso vital coa lingua

Fugas

CARLOS CRESPO

A canción sobre o poema de Manuel María vén de cobrar nova vida cunha nova versión

12 Jun 2020. Actualizado a las 05:00 h.

«O idioma é a chave coa que abrimos o mundo». Con esta enorme verdade inicia Manuel María o poema A Fala, musicado por Uxía e Sérgio Tannus no disco no que a artista lle canta ao poeta de Outeiro de Rei. A canción vén de cobrar unha nova vida coa publicación dun vídeo cunha nova versión -«con máis enerxía e máis forza»- na que se lle engaden baixo eléctrico, arpa e os coros de Tanxugueiras e Faia.

O videoclip, promovido pola plataforma cidadá Queremos Galego, conta con máis dun cento de participantes de diferentes xeracións, entre os que figuran destacados nomes do mundo da cultura e da comunicación de Galicia, aos que se unen, por aquilo de abrir o mundo, artistas de Portugal, Brasil e Mozambique como Luiz Caracol, Chico César, Ceumar ou Tinoca Zimba.

«A canción é unha chamada a manter viva a chama da lingua», conta Uxía. O reto era chegar con ela ao máis amplo abano posible de públicos. E entre eles, á mocidade. De aí a presenza desas voces femininas emerxentes. E de aí tamén que o vídeo teña ese carácter aberto e festivo. «Cando o pensamos, eu lembreime moito da explosión do Xabarín, que conectou a lingua coa xente máis nova e urbanita», engade Uxía. «É por iso que non se debe esquecer que a música e os músicos podemos xogar nesa conexión un papel fundamental».

Á canción quédalle agora por diante o percorrido nos concertos de Uxía. Un percorrido polo de agora incerto dadas as circunstancias, recoñece a cantora. «Estou desexando facer un directo potente coa miña banda para poder cantar este tema, coas convidadas se é posible, e darlle aínda máis visibilidade».

En calquera caso o primeiro dos obxectivos semella xa cumprido. «Queriamos facer chegar á xente a idea de que a lingua é o noso sinal de identidade máis importante, que é o que nos fai diferentes». Que, como di a letra, se perdemos a fala non seremos ninguén. «É moi forte o que di Manuel María, pero é a realidade. Renunciar á lingua é morrer».


Comentar