Guadi Galego: «Son moi fan dos tópicos, son a antítese da pedantería»
Fugas
Fuxindo do «prêt-à-porter», no seu novo disco, «Costuras», Guadi traza exclusivos patróns na crónica sonora e sentimental deste tempo
04 Dec 2020. Actualizado a las 17:48 h.
Como aqueles abrigos de patchwork, Guadi Galego teceu este disco con dez panos —dez cancións— de moi distintas cores e texturas. Teceuno cunha sensibilidade extrema, puntada fina e fíos case invisibles. E rematouno con escintilantes incrustacións poéticas e sutís detalles instrumentais que fan del unha auténtica peza de alta costura.
Afonda a de Cedeira neste disco no seu moi persoal universo sonoro e creativo. A cabalo entre o orgánico e o electrónico. Entre o poético e a crónica sentimental dunha vida e dun tempo. Ata o punto de dicir: «Son eu, creo que máis que nunca».
—Houbo moito que tecer para sacar adiante este disco?
—Houbo, houbo. Costuras son dez panos que fan un abrigo. Pero un pano é de la, outro é de liño… Son panos todos distintos. Porque desta volta quería que se vise un pouco todo o que eu son. Así que houbo que tecer, si. É un disco fresco e sofisticado á vez. Ten un pouco de risco.
—«A cordura escóase polas costuras», empeza dicindo.
—A cordura e a fartura. E así debe ser. Ser escravos da cordura sería horroroso.
—Di tamén que «a resistencia é o regreso».
—Si, sempre. Resistir, aguantar nas barricadas, conleva reiniciarte constantemente e volverte a encher de forza. Se claudicas e deixas que te asoballen e moi complicado volverte levantar.
—Hai, logo, que «militar na fortaleza»?
—Si, si. «Militar na fortaleza… Que do malo, malo será». O que ha chegar é un canto á resiliencia e está cheo de tópicos. Hai dous temas cheos de tópicos, ese e Creo.
—De onde lle vén esa querenza polos tópicos?
—Os tópicos están na historia da humanidade e na antropoloxía dos pobos por algo. Dáme moita rabia cando me din «é que iso é un tópico», para desprezar un argumento. Pois non. Se é un tópico será por algo. Eu son moi fan de moitos tópicos. Son a antítese da pedantería.
—Dedícalle un tema á «liberdade ambigua». Onde comeza e remata a liberdade?
—Ai, amigo! Dende que naces, e dependendo de onde nazas, xa vés como cun contrato que che vai dicir cal é o teu máximo e o teu mínimo de liberdade. E mesmo cal vai ser o teu concepto de liberdade. Porque esa é outra, o que cada un entende como a súa liberdade.
—Pódese ser ambiguo nesa cuestión?
—Si, claro. Agora mesmo hai un espectro da sociedade ao que se lle enche a boca falando todo o día de liberdade e a min ponme bastante nerviosa. A liberdade pode ser moi ambigua dende o momento no que ti sitúas a túa por riba da miña.
—«Se mordo a lingua non podo falar», di nese tema. Paga a pena morder a lingua?
—A veces. Pero non creas que moitas. Cos anos aprendín a dicir o que quero e o que sinto bastante ben, sen que soe demasiado ofensivo. Non, non son moito de morder a lingua. Basta con saber dicir as cousas.
—«E se non calan non podo escoitar». Hai moito ruído aí fóra?
—Uf, si!! Hai tanto ruído constantemente que non deixan que poidamos escoitar o que de verdade é importante. Penso que é unha estratexia para que non nos dea tempo a pensar nin reflexionar e, polo tanto, tampouco a actuar. Eu valoro moito o silencio. Por exemplo, cando saio dun ensaio non se me ocorre poñer música. Preciso do silencio para procesalo todo.
—No disco xoga moito cos contrastes e mesmo coas contradicións.
—Como di o poema de Antía Otero, «todo semella inxusto e fermoso á vez». Si, ese paréceme un xeito moi intenso de experimentar todo o que nos ofrece a vida.
—Ata que punto condicionou a pandemia este disco?
—A metade dos temas estaban feitos antes e outra metade fíxenos en pandemia. E condicionou, claro que condicionou. Pero non para mal, eh! Eu creo que ao final estas situacións tan extremas traen cousas boas e malas pero ao que sempre te levan é a unha reflexión. E eu agardo que esta crise sirva para sentar as bases doutro xeito de proceder.
—Por que ideou ese xogo de ter que rascar para descubrir a portada do disco?
—Quería aportarlle algo a quen aposta por mercar o disco en formato físico. Ten que ver coa lembranza da nenez. E tamén con deixar que a xente, dependendo de como rasque, faga a súa propia capa. Que sexan parte da obra. Que creen con nós.
—O disco péchase con «Mesta néboa», un fermoso canto ao optimismo coas voces dos seus fillos e seu sobriño.
—Si. É un pouco trasladar á comunidade, a través das voces das máis pequenas, ese canto de optimismo de cara a un futuro que nos vai a levar a que as cousas funcionen se as facemos con amor. Non hai palabra no mundo que soe mellor que amor na boca dun cativo.