La Voz de Galicia

Cando chegue outra vez decembro

Fugas

DIEGO AMEIXEIRAS

22 Jan 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Revisando o que se publica ao longo da tempada, calquera que siga as novidades cae na conta do lonxe que queda aquilo que aparece no primeiro trimestre do ano. Ocorre cando se bota a vista atrás durante o mes de decembro, que é o momento en que se dan a coñecer esas listas nas que se escolle, ás veces con curiosas unanimidades, «o mellor» da colleita literaria. Libros editados en xaneiro ou febreiro semellan pertencer a un período afastadísimo no tempo e desaparecen deses balances anuais en favor do máis recente, ou son rescatados por lectores atentos cunha vontade arqueolóxica que resulta certamente chocante. Temos a recepción avariada. Son obras con meses de vida, pero o mercado, con pequenas excepcións, xa as considera un anacronismo. Chegado o verán, sendo optimistas, apenas lembraremos un título ou dous deses «libros imprescindibles para comezar o ano» que se anuncian estas semanas nos xornais. Alguén dirá que por sorte. Noutros casos será por desgraza. En decembro, todos estarán desaparecidos.

Advirten os sabios que estamos esquecendo por enriba das nosas posibilidades. Vivimos unha época de ansiedade permanente que derrogou o tempo da asimilación en favor do consumo acelerado, sen permitirmos esa reflexión perdurable que debería suscitar unha experiencia satisfactoria cun libro, unha película ou unha serie. Xa ninguén pisa o freo: os pensativos son un estorbo. Á conta de Escuela de aprendices (Galaxia Gutenberg), explicaba estes días a filósofa Marina Garcés como o desbaratamento da nosa capacidade de atención, anulada polo estímulo continuo, está a converternos en consumidores culturais coa lingua fóra «ata que xa non podemos máis». Poucos fracasos tan estúpidos e contemporáneos como botar media hora metido no catálogo dunha plataforma dixital, á caza do entretemento perfecto, e logo non ver nada. Quen padece esa contrariedade con certa frecuencia sabe que o xesto que se lle queda diante da pantalla ten un aire ao sorriso de Robert de Niro en Taxi Driver. E claro que non podes máis.

O mes que vén chega Manuel Darriba ás librarías con A realidade (Xerais), unha desas noticias que alegra coma poucas o arrinque do ano literario. Hai razóns para o entusiasmo cando escritores da súa brillantez saen das súas tobeiras cunha novela nova baixo o brazo, como mandando parar pero sen que sen note, cun radicalismo silencioso. Quizais para que con eles regresemos á recepción atenta e concentrada, se é que xa non estamos perdidos para un tipo de experiencia que ameaza con converterse en vintage. Ler a Darriba é pura esixencia: non se trata dun autor sinxelo nin acomodado, pide un esforzo. Pero hai anos que pertence a ese grupo de escritores imprescindibles de verdade, nada conciliadores con esta época de distracción hipertensa. «Saín. Fun por tras de min deixando pegadas no chan», escribiu Xela Arias falando dun movemento perpetuo que nos leva a ningures ou a todos os lugares posibles. Un fermoso paradoxo. Algo así debería servirnos para avanzar por este ano con lecturas, películas e series que oxalá lembremos en decembro.

 

Comentar