As boas poetas nunca morren
Fugas
14 May 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Come, be my april fool. Iso di Patti Smith nunha canción. Escóitoa sentada fronte á páxina en branco. Sei que non significa iso, pero gústame pensar que di vén, sé o meu tolo abril. Tamén podería ser, vén, abril, e vén moi tolo, e a crueldade déixaa só para a terra baldía e para os títulos de novela con nome de verso, como aquel que usou Diego Ameixeiras. Para a miña, eu xa teño o meu, un chulísimo de Gonzalo Hermo, agora só me falta escribila, ese pequeno detalle.
Cando escribo isto xa é maio e chove sobre os tellados de C., sobre as rúas baleiras, sobre o mar azul escuro, sobre o perfil das illas desertas que non alcanzo a ver, pero si a soñar. O vento abanea as plantas, nin sequera as de mentira resisten a forza da natureza, e eu bebo viño nunha copa de cristal, non unha calquera, unha delicada e fermosa como unha pompa de xabón. Regalouma un home con bo gusto que non tiña intención de beber comigo, por iso teño só unha. A miña nova amiga sueca vén dunha fábrica moi antiga, e é tan lixeira que a miro aprensiva esperando o momento que se me desfaga nas mans. Pasará pronto, quizais será un tremor, un latido acelerado, un recordo inesperado que move o corpo, algún movemento sísmico emocional, apenas perceptible, que me fará apertar o puño, sentir o obxecto estragado nas mans, o líquido púrpura derramado sobre a mesa, sobre os libros.
No meu exemplar da poesía completa de Xela Arias quedarán unas manchas escuras, estraña metáfora da morte que tan cedo lle segou a vida. Tamén teño, sen manchar, o seu Darío a diario. Días atrás, Su escribiume para dicirme que esa maternidade lle recordaba a miña. «A heroína era unha romántica a debater criterios establecidos». Fun quen de compralo inmediatamente.
Era tan guapa! Iso me di L., que recoñece o libro e á autora porque leron poemas na escola. Este ano os días dedicados ás letras galegas son diferentes, suxestivos, apetecibles ata para os nenos.
Miraba á cámara como unha actriz, engade L., entusiasta. E ademais, as boas poetas nunca morren.