Xela Arias converte maio nun «bestseller» sen precedentes das Letras Galegas
Fugas
A quinta muller homenaxeada na historia das Letras Galegas é un éxito de vendas único. Catro editoriais analizan o fenómeno Xela Arias
14 May 2021. Actualizado a las 09:06 h.
É unha autora con magnetismo. Diso non cabe dúbida. Pola súa imaxe rockeira, pola súa actitude feminista e a contracorrente, pola súa poesía afastada do canon. Xela conectou co público. Catro editoriais explícannos a tecla coa que deron este ano as Letras Galegas.
«En Xerais levamos varias edicións esgotadas de todos os libros da súa autoría ("Intempériome", "Darío a diario" e “Denuncia do equilibrio") e dos tres sobre ela ("Poesía reunida (1982-2004)" e as dúas biografías, "Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias", que preparou Yolanda Castaño para os máis pequenos e "Xela Arias. Os territorios da liberdade", de María Xesús Nogueira). A súa obra, aínda que curta, é moderna, rompedora e conecta coas xeracións máis novas, que se vén reflectidas nos seus versos. No 2011 vivimos unha situación parecida con Lois Pereiro. Dalgunha maneira, están feitos da mesma madeira», conta Celia Torres, que foi compañeira de Xela na editorial viguesa. «Foi unha pioneira na edición e na tradución en galego e foi tamén unha muller independente e libre, cun compromiso social que sempre mantivo», engade Celia.
«Había ben de tempo que non se producía unha identificación semellante. Necesitamos referentes que ofrecerlle á xente nova. Ela ten ese punto irreverente que engancha. Non é percibida como unha “experta filóloga” ou personaxe “heroico” en defensa da lingua, como outros homenaxeados, senón como alguén achegado que, dalgunha maneira, está aínda entre nós», apunta Francisco Castro, de Galaxia, que publicou o seu libro inédito "Non te amola!". «Fixemos unha tirada moi grande e esgotouse rápidamente. Está xa circulando unha segunda edición. Por outra banda, a biografía que Montse Pena Presas escribiu sobre ela está esgotando a terceira edición», subraia Franciso Castro.
«Neste ano conseguirase o obxectivo co que naceu a festividade. Todos os libros publicados precisaron reimpresión. Imos a unha por mes», di Belén López, de Baía Edicións
«Creo que neste ano conseguirase o obxectivo co que naceu a festividade. Todos ou case todos os libros publicados precisaron reimpresión, o que indica que a realidade superou as espectativas. Nós imos a unha por mes, algo nada habitual. O feito de ser muller é importante. Hai ganas de que se valorice o excelente traballo das mulleres na nosa literatura. Até agora só se lle dedicaron cinco anos. No 2011, pasou algo semellante con Lois Pereiro, aínda que creo está sendo superado por Xela. No éxito destas eleccións ten a ver moito o feito de que a xente moza os ve como a iguais, próximos», conta Belén López, de Baía Edicións, que publicou "XelArias. Palabra á intemperie".
«Abasta ollar os escaparates das librarías: moi poucas veces houbo unha oferta tan variada. Nela coinciden unha serie de características que lle confiren un valor icónico, identificable na cultura xuvenil contemporánea», di Antón Lopo, de Chan da Pólvora, que publicou "De certo, a vida ía en serio".
Celia Torres, apunta a outro factor. «Destacaría o labor importante dos libreiros que este ano apostaron polas obras da autora homenaxeada dándolle visibilidade nas librarías e nas feiras do libro. Tamén está sendo fundamental o efecto de altofalante das redes sociais que permite que traballos tan importantes como a “Chiografía de Xela Arias” de Manuel Bragado, no seu perfil de Twitter, chegue a milleiros de lectores e lectoras», defende Celia, de Xerais.
«Era unha muller chantada nun mundo dominado polo canon heteropatriarcal, o seu feminismo non obedecía aos parámetros entón máis en boga e posuía unha personalidade teimuda, fiel ás súas ideas. É curioso, en Chan da Pólvora apareceron case simultaneamente este ano os libros de Xela e o de Lois Pereiro, ao que homenaxeamos no seu 25 cabodano. Sen teñen puntos de contacto, pero tamén debemos ter en conta que son as persoas máis novas (e as máis próximas cronoloxicamente á sociedade que os celebran] de cantas lle dedicaron o Día das Letras. Comparten, ademais, xeración, estilo de vida (os dous vestían cazadoras de coiro: un risco anecdótico pero elocuente), morreron novos, pertencen á denominada xeración dos 80 e dentro dela eran figuras periféricas. Contra todo prognóstico, hoxe son o centro poético da súa xeración e ese mérito é, sobre todo, da xente, pero tamén da crítica que se aproximou a eles e da forza que seguen a ter as Letras Galegas. En calquera caso, apuntar que Xela e Lois non son casos excepcionais no 17 de maio: lembremos que a homenaxe a Uxío Novoneyra foi unha auténtica apoteose… O elemento central do éxito reside en como a xente se recoñece nunha obra. Tanto Lois como Xela ou Uxío lográrono», sentenza Lopo.