La Voz de Galicia

Lou Reed e os fenómenos estraños

Fugas

Diego Ameixeiras

14 May 2021. Actualizado a las 15:09 h.

Aos que descubrimos a obra de Xela Arias despois do seu falecemento chegounos a imaxe dunha escritora con vocación autónoma, libre para marcar territorio propio, moderna no sentido máis antagonista da palabra. Ese debuxo mantense fresco no 2021. A autora de Denuncia do equilibrio reivindicaba a poesía nos bares, quería reencarnarse en Lou Reed e sentíase máis preto do rock'n'roll ca dos poetas galegos do seu tempo. Quizais hoxe non nos pareza unha declaración de principios tan provocadora coma na década dos 80, cando as batallas eran outras, pero atendamos o espírito do seu manifesto: en materia poética, a Xela Arias gustáballe camiñar soa, subir o volume da música e levar a contraria, condicións que garanten unha obra honesta e sen servidumes. «Teño a alma abrazada por fenómenos estraños», escribiu. Así, entre o misterio e o arrebato, medrou o seu legado nos últimos anos.

Iso de que lle gustaría reencarnarse en Lou Reed contoullo a Manuel Rivas nunha entrevista, en 1990, publicada neste xornal. Tiña vinte e oito anos e Tigres coma cabalos nas librarías. Adoita citarse esta confesión para ilustrar as influencias musicais que sobrevoaron os seus versos e alimentar unha estampa de poeta con cazadora de coiro e vaso de tubo na man, inalterable ao paso do tempo. Repasar as entrevistas que deu nesa época esperta fascinación, un punto de tenrura: aí está a escritora en formación, mestura de inocencia e rebeldía, abrindo camiños para as xeracións posteriores. Son palabras que, en paralelo, nos interpelan por unha espontaneidade na diagnose que hoxe temos bastante desfalecida. Ao desexo de ser Lou Reed «en feminino» séguelle un vaticinio menos citado, quen sabe se nacido á luz da foto de Mike Tyson que a acompañaba na súa mesa de traballo en Xerais: «Creo que hai moitas cousas que valorar e recuperar na literatura galega, pero que tamén chegará o momento en que se pasará da metade do que hoxe temos por clásicos». Ata que iso se cumpra, soan os seis minutos e medio de Coney Island Baby e todo, como na alma de Xela, son fenómenos estraños.


Comentar