«Dorna», 40 anos de singradura poética
Fugas
Como tantas iniciativas, partiu da sociedade civil, na Illa de Arousa. Hoxe segue a ser unha publicación emblemática e inconfundible na que os poetas galegos atopan o seu rumbo
04 Jun 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Dende hai xa anos sopra vento en popa para a poesía, afeito o barco da nosa cultura a navegar de bolina. Este ano a revista Dorna. Expresión poética galega cumpre catro décadas e mantense con temón firme despois dunha longa singradura que comezou o 17 de maio de 1981. Como tantas outras iniciativas partiu da sociedade civil, da Asociación Cultural Dorna, na Illa de Arousa, coordinada por Luís G. Tosar, Manolo Loxo e Suso Molanes. Aquel primeiro número abríao Méndez Ferrín e nel dábanse cita poetas novos, pois esa sempre foi unha das metas da publicación, dar voz a quen comeza.
Nos inicios da navegación fixéronse precisos outros ventos, así foi como Tosar, que segue termando da escota da vela, buscou a complicidade do Departamento de Filoloxía Galega e atopou o apoio de Ramón Lorenzo, aínda hoxe á fronte como director. Daquela, o profesor xa publicara o poemario O que se foi perdendo e formara parte do grupo Brais Pinto e, aínda que se encamiñara cara á investigación filolóxica, sempre sentiu o pulo da poesía. Naquela primeira etapa o comité de redacción foise renovando e estiveron Henrique Monteagudo, Helena Pousa, Ramiro Fonte, Rei Núñez, Forcadela, Antón Dobao ou Dolores Vilavedra.
Logo a dorna estivo varada tres anos, ata que en 1995 retoma a viaxe sempre moi apegada á universidade e contando con alumnado interesado na literatura. Isto levou a que os cambios fosen constantes, pois no momento en que se desvinculaban da facultade e emprendían novos proxectos deixaban de colaborar na publicación. En 2013 tomaba o relevo a poeta Alba Cid e dous anos despois uníaselle Ismael Ramos, que dende entón forman o comité de redacción, dous poetas novos de traxectorias brillantes e recoñecidas que, como dixo Castelao, cando o vento se pon de proa baixan as velas e botan man aos remos para que Dorna siga navegando.
Tamén inclúe narración e teatro
Aínda sendo unha revista poética, tamén inclúe narracións breves, teatro e traducións. Noutras etapas tiveron cabida a crítica literaria ou as entrevistas. Se ben hai contidos que se solicitan e se preparan, tamén moitas das colaboracións chegan a través do enderezo electrónico que está aberto para quen queira enviar os seus textos. Sen dúbida Dorna axudou ao longo destas catro décadas a dar a coñecer a autores e autoras antes de que publicasen obra e axudou ao desenvolvemento da literatura galega como espazo de creación aberta. Tamén se coida moito o aspecto formal e cobran especial importancia as artes plásticas. Así os mellores artistas galegos ilustraron a revista, e tamén houbo números en que se apostou pola fotografía nunha clara vontade de renovación estética. O último, por exemplo, ilumínase con pinturas de Lúa Gándara, unha nova artista multidisciplinar viguesa.
Houbo momentos en que Dorna organizou recitais poéticos, mais hoxe permanece como unha revista de lectura e de culto: cómpre acudir a ela se se fala de poesía galega. Nas súas páxinas atopamos dende números dedicados a poetas falecidos como Eusebio Baleirón, que fora ademais colaborador, ou Lois Pereiro, pero tamén ao pintor e escritor Reimundo Patiño. Non estraña tampouco que máis de cincocentas voces colaborasen, algunhas de maneira ocasional e outras de forma continuada, case non hai poeta do país de relevancia que non teña publicado nela. Na súa primeira época aparecen os nomes de Margarita Ledo Andión, Antón Reixa, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Fiz Vergara Vilariño, Avilés de Taramancos ou Xela Arias. Na segunda, a poeta que máis veces se enrolou foi Chus Pato, seguida de Marta Dacosta e María do Cebreiro, tres voces poéticas ben distintas, pero referentes das súas xeracións. Tamén son habituais Carlos Negro, María Lado, Emma Pedreira, Daniel Salgado ou David Pobra. En realidade é inxusto citar só algunhas sinaturas das medio millar que fixeron posible a singradura, porque a Dorna mantivo o seu rumbo grazas a cada persoa que estivo no equipo redactor, a quen enviou colaboracións, a quen traduciu, a quen cedeu as súas imaxes plásticas... É unha publicación emblemática, única, senlleira, inconfundible como a propia embarcación de vela de relinga a terzo.
UN MONLLO DE PLUMAS
O último número, o 43, é un bo exemplo do monllo de plumas que en cada botadura se poden atopar na revista, dende as máis novas como Regina Touceda ata autores consagrados como Alfonso Pexegueiro, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro ou, de novo, Chus Pato. Nesta ocasión o broche de ouro pono un diálogo entre Marilar Aleixandre e Pilar Pallarés, que protagonizan unha vizosa sección titulada Poéticas.
Se Dorna segue a navegar será unha boa nova para a literatura galega e aínda que ás veces haxa temporal de seguro sempre haberá un abrigo onde fondear para logo continuar a necesaria singradura. Como di a xente do mar da Arousa: que os ventos lle sexan portantes!