La Voz de Galicia

Dez libros en galego para disfrutar este verán

Fugas

Ramón nicolás

Que mellor que un libro, ou dous, ou dez para reencontrarnos co arrecendo dos clásicos ou con novelas recentes porque, sen libros, o verán nunca é o mesmo. Traen o bo tempo

02 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.

É esta unha época na que se amorean novelas e traducións de moi diverso carácter: desde as históricas aos thrillers, dos clásicos contemporáneos ás que retratan a nosa época baixo a peneira da ficción. Velaquí unha novela de temática moi actual: Coidadora, estrea literaria de María Marco que foi Premio Xerais e que aposta por unha perspectiva innovadora ao exhibir unha arquitectura poliédrica, insólita na produción literaria en lingua galega, para reflexionar sobre a precariedade dos coidados e non só. Inxusto sería non recoller nesta selección A vida secreta de Úrsula Bas de Arantza Portabales (Galaxia): unha escritora máis en forma que nunca que, con ritmo trepidante, é quen de nos involucrar na desaparición dunha célebre escritora galega sen desatender outros focos de interese como os perigos que axexan nas redes sociais ou ese deseño da cara máis perversa da condición humana. Ao mesmo tempo, un autor de crecente presenza editorial nos últimos tempos como é Jorge Emilio Bóveda publica O libro cero (Galaxia), onde a viaxe estrutura unha historia a cabalo entre o realismo e o onírico, con certo pouso de novela de formación e, sempre, con ese distanciamento retranqueiro e crítico tan caro ao autor ourensán. Asemade, regresa Rosa Aneiros con Sibila (Xerais): unha peza que nos introduce nunha estudada atmosfera de suspense, chea de segredos e misterios, que non decae en toda a novela e onde hai sempre ocasión de reflexionar sobre algúns dos grandes temas da literatura de sempre. Pola súa parte, Manuel Gago ofrece en Nus (Xerais) unha crónica novelada, chea de humor e retranca, da Galicia dos primeiros anos oitenta, cun evidente pouso de crítica sociolóxica e co pano de fondo dos conflitos sociais cos nudistas.

 Traducións e rescates

A arañeira, do novelista e xornalista austríaco Joseph Roth, exiliado en Francia ao pouco do ascenso do nazismo, en tradución de David Á. Álvarez Martínez (Irmás Cartoné), é un retrato da figura de Theodor Lohse, un soldado desmobilizado ao concluír a Gran Guerra ao que a República de Weimar lle deparará certas solucións para colmar os seus desexos persoais. Outro rescate é o que nos posibilita o selo Hugin e Munin da man de Isabel Soto: Gobseck, de Honoré de Balzac, que recrea a historia do usureiro que lle dá título á novela, deseñado a través da evocación que se fai del por un relato alleo de marcada intencionalidade didáctica que, ademais, afonda sobre os comportamentos das persoas nun tempo que pode ser tamén o noso.

 E tres posibilidades máis que non defraudarán: Oliver Twist, de Charles Dickens (Rinoceronte) nunha fermosa edición en tapa dura forrada que traduce Moisés Barcia con limiar de Estela Villar; nel segue a brillar ese desexo de denuncia das condicións de vida da sociedade máis empobrecida da Inglaterra do momento. Tamén Barcia subscribe A trenza, de Laetitia Colombani (Rinoceronte): un éxito fulgurante da francesa que axiña será levado ao cine e no que se conxugan tres biografías de mulleres, distantes no espazo pero que se «trenzarán» esplendidamente. Pola súa parte, Faktoría K ofrece, en tradución de Fernando Moreiras, as Confesións dun artista de merda, de Philip K. Dick: única novela do autor norteamericano allea ao xénero de ciencia ficción, a abalar entre o cómico e surrealista grazas á figura de Jack Isidore, personaxe que acumula singulares ideas estrafalarias e teorías conspiranoicas.

Boas lecturas e feliz verán!


Comentar