La Voz de Galicia

Os grupos galegos que o rebentan

Fugas

CARME D. PROL A.A

Verto, Ortiga ou Tanxugueiras refrescaron unha escena musical na que conviven con éxito xéneros urbanos e tradicionais. Triunfan, en galego, alá onde van

17 Sep 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Este verán os carteis dos festivais galegos compartiron varios nomes estrela: Verto, Ortiga, Tanxugueiras e Baiuca encheron os limitados aforos, consolidándose como os grupos fortes da escena musical. Á súa vez, conviven con outros músicos veteranos, como Guadi Galego ou Familia Caamagno nun panorama cada vez máis rico. A fusión entre referentes tradicionais e urbanos e unhas letras en galego que conectan cos mozos son as claves para que estes grupos non paren de soar.

Como representantes desta onda de artistas están Verto, o dúo formado por Fer e Berto, dous amigos que se coñeceron estudando Medicina e empezaron a facer música por afección. Agora triunfan alá onde van. Teñen un estilo no que podemos ler referentes da música actual e tamén de décadas pasadas e letras que falan de ti a ti ao seu público, maioritariamente novo. Manuel, mánager do grupo desde a discográfica Tremendo Audiovisual, destaca «o diálogo tanto de Verto como doutros grupos como Boyanka Kostova coa música urbana e o feito de que o fan en galego» como algunhas das razóns do seu éxito. «Achegáronse a moita xente que non adoitaba escoitar música en galego e mesmo comezaron a falalo habitualmente motivados por eles», conta Manuel.

Ortiga presentou novo discoSandra Alonso

Pepe Cunha, responsable do blog Ábrete de Orellas, celebra o éxito de grupos como Tanxugueiras, Ortiga ou Verto. «Hai que aproveitar a visibilidade destes grupos para afianzar unha escena e que ver músicos galegos nos festivais sexa normal». Este camiño, tamén fóra de Galicia, é o que leva uns anos abrindo Novedades Carminha. O seu mánager, Josiño, de Ernie Records, defíneos como unha banda «fresca e impactante en directo». Hoxe están consolidados no panorama nacional e Ortiga era o chamado a seguir os seus pasos: «Iba encaminado a posicionarse bien en España, pero la pandemia lo frenó y ahora vuelve con otro disco». Dos músicos mencionados, quizais Ortiga sexa o que máis anima ao público para moverse, xa que, nos seus concertos, como relata Josiño, «o que non baila é o que chama a atención».

Esta revolución musical tamén se fai notar nos locais. Marcos Rivas, xerente e programador da sala Karma, destaca que vivimos un momento de cambio. «El rock y el indie lo están pasando mal. Lo que piden los jóvenes, que son los que se mueven por sus artistas son a Verto, Ortiga o Grande Amore», explica. Cabe destacar que moitos destes artistas comparten escenario. Por exemplo, Ortiga forma parte tamén de Boyanka Kostova e, xunto con Grande Amore, do proxecto Os Rastrexadores. «Es un momento de transición y ellos lo están aprovechando», sentencia o programador.

RENOVANDO A MUIÑEIRA

Se Verto ou Ortiga beben de referentes urbanos e clásicos, para Tanxugueiras e Baiuca a clara inspiración é a música tradicional galega. No caso de Baiuca, o proxecto con máis proxección internacional dos mencionados, utiliza as raíces da música galega para mesturalas con electrónica. «Vivimos unha revisitación da música tradicional dende unha óptica contemporánea, algo que xa pasou nos anos 90 con Carlos Núñez ou con Luar na Lubre», declara Manuel.

O grupo TanxugueirasMónica Irago

No caso de Tanxugueiras, as súas influencias, especialmente nas dúas últimas cancións publicadas -unha delas favorita dos fans de Eurovisión para o próximo festival-, nacen tamén da música urbana: «Están formadas na música tradicional dunha forma impecable, pero son rapazas do seu tempo e agora están a conectar moito coa mocidade», destaca Pepe Cunha.

Aínda que estes dous proxectos sexan os máis puramente folk, o certo é que os xa mencionados Verto ou Boyanka Kostova tamén xogaron con estes sons. No caso de Verto, co tema Muinheira de Chantada e Boyanka Kostova con Muinheira de Interior. Nunca se sabe que será o próximo en triunfar e probablemente poucos auguraban que o que bailarían os mozos serían muiñeiras, non?

Sobre o que nos espera no futuro, Manuel ten claro que as pistas as veremos cando volvan á plena actividade os locais con música en directo: «A Bala, un grupo con gran proxección internacional, vinas por primeira vez nun bar de dous metros, aí é onde medra todo. Igual atopo aos próximos Verto un martes, nun local calquera de Vigo...». Estaremos atentos.


Comentar