Un neno que soña con cancións dos Rolling Stones e The Beatles
Fugas
08 Oct 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Introducir aos nenos de dous a doce anos nas bandas británicas clásicas dos anos sesenta. Facelo cunha linguaxe de conto infantil. E, ademais, agora en galego. Ese é o espírito de Little Neno, a tradución que para Galicia fai A Reixa Producións da serie Little Niño, creada por Dani Llabrés e Jaime Pantoja. «Coñecíaos porque eu estou moi ligado ao ambiente sixties, de festivais como o Purple Weekend e o Euro Yeyé e eles tamén. Pensei na idea de facelos en galego», explica Fran Villasenín. Dito e feito. As aventuras deste personaxe rescatado da tira do clásico americano Little Nemo xa se poden ler na lingua de Rosalía. E, ademais, con notable éxito.
En Little Neno descobre aos Beatles, o rapaz ve como o seu osiño de peluche Renato marcha nun submarino amarelo e para recuperalo terá que contar coa axuda de personaxes sorprendentes coma o home ovo, Lucy no seu ceo de diamantes ou unha morsa. Obviamente todos están inspirados en temas dos Fab Four. No caso de Little Neno descobre aos Rolling Stones ambos espertan nunha cidade de cor rubí na que vive Mick, un rapaz que quere pintalo todo de negro, en referencia ao clásico Paint It Black.
«A verdade é que está funcionando moi ben. O Xabarín Club mercounos varios e están regalándoos aos novos socios», explica Fran. Ademais, deseñaron cos actores Neves Rodríguez e Marcos Taibo un espectáculo teatral con música en directo e intérprete de lingua de signos que levan por toda Galicia. «A nosa idea é ir traducindo todos os libros que eles vaian editando», adianta. En castelán xa existen os volumes dedicados a Aretha Franklin, David Bowie e Elvis Presley.
Pero a postura de A Reixa non queda só aí. Queren tomar a iniciativa e facer volumes propios. «Queremos facer un Little Neno de Los Tamara. Foron un grupo moi importante que na súa época tocaba versións de Deep Purple e Otis Redding. O especialista en música galega dos sesenta Alfonso Espiño interviría. Ímolo facer, que eu son moi insistente», di.