La Voz de Galicia

Antón Reixa: «Os galegos somos unha etnia nada dogmática, somos un país de preguntas»

Fugas

Carlos Crespo

Corenta anos despois, Avendaño, Reixa e Romón revitalizan o colectivo e retornan á escena galega cun espectáculo multidisciplinar. «Sobre Rompente pesou sempre un absurdo malditismo», di

26 Nov 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Rompente aparece na escena artística galega en 1975 da man de tres activistas culturais: Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manuel Romón. Fano cunha actitude inédita e unha estética vangardista. Ata que en 1983, nun xesto que hoxe cualifican de «dignidade punk», optaron por desaparecer como colectivo. Tras case 40 anos de silencio, no 2021, «nun entorno menos hostil», Rompente retorna á actividade coa edición dun libro, Que hostia din os rumorosos, e un novo espectáculo, Algo que levar á boca.

­—Rematada esta xira de 8 funcións, cal é a valoración que fai deste reencontro?

—O reencontro foi moi grato. No 83 decidimos cesar a actividade porque estabamos fartos da escena literaria galega. Había sobre nós un absurdo malditismo que tiña máis que ver con que a xeración coetánea de escritores e, sobre todo de poetas, era máis ben acomodaticia. Pero dentro e fóra da literatura, os tres seguimos sempre activos. Case sempre traballando en medios de comunicación máis próximos á cultura de masas. No 2019, a conta dunha invitación do festival Kerouac de Vigo, xuntámonos e tivemos esa sensación que eu chamaría de asociación de antigos alumnos [ri]. Parecía que nos tiñamos visto o día anterior, non se notaba o paso dos 30 anos. Iso, unido a que Alberto Avendaño regresou de Estados Unidos, animounos a formalizar o retorno. E estamos moi contentos porque supón recomezar un camiño co que non contabamos.

—Mais alá dese reencontro persoal, por que era necesario recuperar Rompente? Que vén a achegar dende o punto de vista estético, conceptual ou ideolóxico?

—Volvemos como unha banda de rock and roll que reinicia o seu camiño. Con materiais inéditos, pero cos mesmos postulados estéticos porque sentimos que aínda están vixentes. Ideoloxicamente, a nós, que estivemos en posicións moi independentes —basicamente porque nunca tivemos un espírito gregario—, pero un tanto marxinais, a historia recente acabou por darnos a razón. Aquela polarización que vivimos naqueles anos, nos que se debatía entre reforma ou ruptura —nós sempre fomos máis de ruptura—, vólvese dar hoxe no debate político. Gustaríanos ser orixinais no debate artístico e ideolóxico, pero semella que seguimos inmersos nese ciclo maléfico e vicioso. Se ben nós afrontámolo agora con moita máis serenidade. Esa que che dá o paso do tempo.

—Que diferenzas advirten entre a irrupción de Rompente e esta reaparición?

—Unha moi notable é que agora non nos rodea aquel malditismo. De feito, e é algo que nunca nos podería ter pasado hai 30 anos, esta xira contou cun apoio institucional, neste caso da Consellería de Cultura a través do Xacobeo. Por outra banda, a actualidade poética galega é moito máis interesante que a que nós vivimos entón. Sentímonos moi representados coa nova escena poética galega. É un gusto dicilo.

—Hai 40 anos Rompente era pura vangarda. Que ou quen representan hoxe a vangarda en Galicia?

—A vangarda é un concepto que a propia industria cultural fagocitou. Para ben ou para mal. Eu creo que máis para ben. Cando nós comezamos eramos percibidos como provocadores. Hoxe a provocación, como tal, non existe. Basta que queiras provocar para que quedes como un cursi. E se existe, está máis no receptor que no emisor.

—Bota de menos na escena cultural ou na sociedade no seu conxunto aquel afán provocador e comprometido, aquela «chamada á insurrección permanente»?

—Ao mellor non tanto como un fenómeno sociolóxico de conciencia colectiva. Boto en falta un certo esplendor no público. Naquel momento, na axenda de todos os que viñamos, rebeldes e rabudos, de loitar contra o franquismo estaba a recuperación do espazo público, do colectivo, porque iso conlevaba unha compoñente afectiva e o afectivo sempre é revolucionario. Hoxe iso non se ten en consideración.

—Por que nun momento dado decide cambiar a poesía pola música?

—Non foi un cambio programado. Como che dixen, con Rompente paramos cando sentimos que non tiñamos máis que dicir, que non nos sentiamos a gusto no contexto daquela Galicia de premios literarios e tipos que se premiaban entre eles, porque os que gañaban un, despois formaban parte do seguinte xurado e lle daban os premios ao outros. E, de súpeto, no rock and roll descubrín que cunha maqueta xa podías estar soando en Radio Nacional de España e cun disco estabas tocando diante de 5.000 persoas. Era unha escala moi distinta. Era brutal.

—Despois de todos estes anos e destas 8 funcións, está en condicións de dicirnos «Que hostia din os rumorosos»?

—Non che vou dar resposta a iso porque nós como país somos un país de preguntas. E ademais somos unha potencia. Pensa que unicamente hai dous himnos nacionais que comezan cunha pregunta: o de Galicia e o de Estados Unidos. Eu creo que hai algo sabio niso. Cando se di dos galegos que respondemos con preguntas ou que nin si nin non, que preferimos un depende, ben, pois iso é un legado da sabedoría. Se non depende, é un dogma. E os galegos somos unha etnia nada dogmática. Por iso nese caldo rumoroso erguemos a cabeza sinalando ese desconcerto e esa perplexidade.

 


Comentar