La Voz de Galicia

María Casares volve á escena nunha fusión de teatro, música e poesía

Fugas

m. g. iglesias
A actriz Melania Cruz en «Continente María».

«Continente María», que se pode ver ata o domingo no Salón Teatro, súmase ás iniciativas impulsadas desde a Xunta para divulgar a figura da actriz no centenario do seu nacemento

27 May 2022. Actualizado a las 05:00 h.

A figura de María Casares volve encher a escena na conmemoración do centenario do seu nacemento. Faino a través de Continente María, un espectáculo de teatro contemporáneo para divulgar a súa figura desde as táboas, o lugar no que esta actriz, nada na Coruña, foi a gran referente da súa época en Francia, onde tivo que exiliarse a raíz da Guerra Civil. Esta coprodución do Centro Dramático Galego (CDG), Ainé Producións, A Quinta Cuadrante e o Concello da Coruña pódese ver ata o domingo no Salón Teatro de Santiago e únese a outras propostas desenvolvidas durante os últimos meses para dar a coñecer a vida e o traballo da intérprete, como poden ser conferencias, exposicións e iniciativas audiovisuais.

 

Continente María mestura teatro, poesía, música en directo e o traballo audiovisual nese obxectivo de difundir entre todo o público a figura da actriz. Pero non só mira ao pasado, senón tamén ao presente. «O que nós quixemos non foi tanto contar a vida de María Casares, que xa está no inconsciente colectivo, senón tratar de reflectir no escenario a pegada emocional e de aprendizaxe que deixou en nós. O que a súa figura nos achega a nós, que somos habitantes deste teatro do século XXI», afirmou Tito Asorey, director desta peza protagonizada pola actriz Melania Cruz, que está acompañada en escena polo músico Vadim Yukhnevich. O equipo complétano Laura Iturralde como responsable de iluminación, José Faro Coti, da escenografía, e Jairo Iglesias, do vídeo. Do texto encargouse a dramaturga uruguaia Marianella Morena.

Durante os setenta minutos da proposta escénica, o obxectivo, resaltan, non foi interpretar a María Casares, «senón ser o canal para que a súa figura e a súa voz aparezan en escena». «Non é que eu encarne a María Casares, senón que se establece un diálogo entre as dúas», resaltou a actriz Melania Cruz. Trátase dun percorrido por determinados momentos da súa vida, desde a súa infancia ata o seu exilio en Francia. «É unha muller que foi absolutamente libre en todos os aspectos da súa vida e que buscou sempre a súa liberdade individual, que non se conformou nunca e que sempre estivo na procura de cousas», subliñou o director da peza, que engadiu que o título da montaxe vén dunha frase que pronunciou a propia actriz. «Ela, despois dunha vida dedicada ao teatro, di: "Non sei se me gusta o teatro. O que me gusta é ter a posibilidade de habitar o continente dun poeta, pero non como un turista, senón como alguén que quere vivir nel". A partir desa frase é como nós concibimos o espectáculo. María Casares é o continente que nós desexamos habitar, non como turista, senón desde a fondura, dese mergullarse completamente na súa figura», sinalou Tito Asorey.

Para Melania Cruz, o gran reto é que aqueles que acudan a ver este espectáculo queden con ganas de ler máis sobre María Casares e afondar na súa figura: «Con que a xente queira seguir descubrindo máis sobre ela xa estaría ben porque, por desgraza, é unha gran descoñecida xa que forma parte dese borrado cultural e de mulleres que foi consecuencia da Guerra Civil e de corenta anos de ditadura, que pasan moita factura». Precisamente, Tito Asorey engadiu que, á hora de concibir a proposta escénica, tiveron moi en conta que servise para difundir a figura de María Casares. A idea, segundo destacou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, é que esta montaxe se vexa moito en Galicia. «Ela non volveu desde que se exiliou, e isto é un xeito de ter a María Casares aquí», afirmou.

 

As outras propostas

Este espectáculo teatral forma parte do conxunto de propostas impulsadas pola Xunta de Galicia, en colaboración con diversas institucións e entidades, que se desenvolven tanto en Galicia como en Madrid e en París. Hai iniciativas expositivas, editoriais, audiovisuais... En Santiago pódese ver na avenida Xoán XXIII ata finais de mes a mostra itinerante 100 % María Casares. O teatro é o refuxio. Foi concibida como unha instalación exterior e despois desprazarase a diferentes espazos de Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, onde rematará en novembro. A mostra, articulada arredor de cinco grandes paneis situados en forma de estrela, afonda nas diferentes facetas da actriz e en aspectos curiosos e menos coñecidos. Tamén en Santiago, neste caso na Cidade da Cultura, pódese ver a exposición María Casares-Pedro Soler. Collioure 1989, que inclúe obxectos e pezas inéditas pertencentes ao recital que a actriz fixo na cidade francesa de Collioure en 1989 acompañada polo guitarrista Pedro Soler. A mostra inclúe documentos orixinais, así como fotografías e manuscritos da propia actriz. Neste caso, permanecerá exposta no Museo Gaiás ata finais de agosto.

Por outra banda, tamén se acaban de estrear dúas pezas audiovisuais realizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia co apoio da Xunta. Baixo o título María Casares: Voces para un centenario conforman un díptico para retratar á actriz. Estes traballos, que foron dados a coñecer polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e representantes do colectivo de intérpretes, pódense ver na canle de YouTube da Secretaría Xeral de Política Lingüística. María Casares. O deber da memoria constitúe a primeira parte do díptico e céntrase na posición da intérprete fronte ao exilio, a diáspora galega, o republicanismo ou a figura política do seu pai, Santiago Casares Quiroga. A segunda, María Casares e o festival de Avignon, detalla a evolución teatral da actriz a través da súa participación no certame escénico francés. A Xunta tamén impulsa un ciclo de conferencias no Museo de Belas Artes da Coruña sobre María Casares, que comezou en febreiro. Retomarase en outubro coa especialista na súa figura María Lopo.


Comentar