La Voz de Galicia

Artistas, nazis e maltratadores

Fugas

Diego Ameixeiras
Detalle de la versión de «El rapto de las Sabinas», de Picasso, que toma como referencia el cuadro de Poussin.

23 Sep 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Sendo marxista, Paul Nizan non tivo reparos en louvar a obra de Louis-Ferdinand Céline, desprezable filonazi capaz de erguer en 1932 un monumento literario titulado Viaxe ao fin da noite: “Arrinca todas as máscaras, todas as camuflaxes, derruba os decorados das ilusións, agranda a conciencia da decadencia actual do individuo”, escribiu nas páxinas de L'Humanité. E sabemos que acertou de cheo no diagnóstico, porque o retrato social que pinta o colaboracionista na novela é extraordinario, un explosivo de potencia demoledora que chega ata os nosos días. Hai quen sostén que Nizan podía terlle certa envexa, pero o daquela militante do PCF ?os comunistas franceses? tamén sabía facer literatura para a posteridade. Poucos paseos tan reveladores, por exemplo, coma o que nos describe en A conspiración, tráxico itinerario polas inseguridades da primeira xuventude. Pero o que nos chama a atención hoxe é que alguén dende as antípodas ideolóxicas do outro sexa quen de atreverse cun aplauso á súa obra, neste caso un home de esquerdas recoñecendo a altura literaria dun antisemita. Non vivimos tempos proclives a este tipo de eloxios que separan o autor da súa produción. 

Polo contrario, os últimos debates van por outro camiño: véxase a posibilidade, formulada por algúns, de cancelar o aniversario da morte de Picasso por ter sido un maltratador e un misóxino. Por suposto que non se pode esquecer que lle estragou a vida á fotógrafa Dora Maar, vítima do seu carácter violento e á que empurrou por un horrible calvario físico e psicolóxico. Debe destacarse que era un tipo abominable, capaz de comportarse coma un monstro. Pero estaremos moi desorientados se pretendemos que a xente torza o fociño ante o Guernica ou As señoritas de Avignon polo feito de ser obra dun individuo ao que hoxe quereriamos ver, sen dúbida, declarando diante dun xuíz polos seus delictos. Repitámolo de novo: cuestionar a persoa ?sexa un nazi ou un maltratador? non debería obrigarnos a cuestionar o artista. Unha tarde calquera, antes de morrer na Batalla de Dunkerque, Paul Nizan podía cargar contra a burguesía idealista en Os cans gardiáns. E pola noite, dende o órgano oficial do PCF, celebrar sen problemas a prosa dun antisemita. Ambicionar que nos acheguemos a unha obra artística unicamente se o seu o autor nos parece aceptable dende un punto de vista moral, só pode traer calamidades. 


Comentar