La Voz de Galicia

Música, imaxe e poesía nun libro coral

Fugas

Ramón Nicolás
O escritor Antonio García Teijeiro publica «Se falases de min».

17 Sep 2022. Actualizado a las 15:29 h.

Talvez resulte redundante, mais ao tempo é de xustiza, evocar aquí a potencia creativa dun autor como Antonio García Teijeiro: a ductilidade que manexa á hora de enfrontarse diante de novos retos, a perfección formal que domina a súa obra poética ou o importante papel que, nos seus poemas, desempeña o ritmo e, ao mesmo tempo, a música interna. Todo o que acabo de sinalar concéntrase felizmente no que polo de agora é o seu último libro, publicado requintadamente pola editorial Elvira, baixo o título Se falases de min. Nel incorpora dous libros poéticos, diferentes entre si pero homoxéneos en canto ao suxestivo tratamento poético que lles outorga: Cando caen as follas e Palabras envoltas en cancións. No primeiro latexa certa tonalidade outoniza que apunta á dimensión nuclear do paso do tempo onde os versos son follas, mais tamén soños, fantasías e música para dialogar con voces de moi diversas tradicións poéticas cun vizoso resultado que percorre ecos hilozoístas, lorquianos, cunqueirianos, popularistas e experimentalistas ás veces, sen esquecer a intensa presenza do mundo da natureza. O segundo libro aliméntase dunha das paixóns do poeta ao articular un recoñecemento a un bo número de músicos e formacións que van de Lennon a Bob Dylan, de Janis Joplin a Alanis Morisette, de Oasis a Prince, entre outras: voces e letras obxecto de homenaxe grazas á palabra e mercé un xogo intertextual, en forma poética ou narrativa, que percorre algún dos ámbitos suxestivos das súas traxectorias, complementándose cuns breves e celmosos comentarios ad hoc da man de Jordi Sierra i Fabra.

Por esta participación última, é este un libro coral. Mais a do escritor catalán non é a única: aquí hai sitio para outras colaboracións igualmente importantes entre as que salienta a de Paco Ibáñez —que viaxa nun cedé tanto para interpretar o poema que lle dá título ao libro como para protagonizar outras gravacións en directo con García Teijeiro—, a de Xulio García Rivas, responsable dun amplo e suxestivo corpus de ilustracións que vai da ricaz policromía aos grises e aínda a do cantautor Alberto Cunha, que pon acertada música e voz a poemas do autor. Un libro memorable que é unha festa para a poesía, a música e a imaxe.


Comentar