La Voz de Galicia

Contos para nenos que fan rir, pensar e medrar as ganas de ler

Fugas

olalla sánchez

Neste outono aínda estival no que os xogos ao sol se combinan coa volta ao cole, as editoriais mesturan tamén nas súas estreas infantís ambas estacións

10 Oct 2022. Actualizado a las 23:14 h.

Elixe un conto... e medra! Unha aventura xeracional sobre as vacacións de 1990 en Galicia convida aos lectores a lembrar e a non pasar aínda páxina ao verán. Para aqueles xa centrados na escola, irrompen con forza tanto propostas divertidas sobre situacións cómicas nas aulas coma outras que fan pensar... 

 

«Quen son? Crías de animais. Australia»

Tándem Seceda / E.García

Kalandraka, 40 páxinas, 14 euros

Nesta cativadora serie, coa que o selo galego non deixa de sorprender, sete crías, poboadoras de cada continente, coma o koala ou a cucaburra en Oceanía, dan pistas para que os máis pequenos adiviñen a que especie pertencen e, a continuación, solucionen a adiviñanza. Con textos rigorosos e comprensibles, fermosísimas ilustracións e unha reflexión final, o álbum alenta no coidado da fauna e esperta a curiosidade. Os nenos descubrirán que lle pasa ao diaño de Tasmania cando está nervioso ou por que se chaman así os petauros do azucre. Para deterse en cada páxina.

«Unha mestra en apuros 3»

P. Serrano, J. Campos

Bululú, 64 páxinas, 12 euros

Nesta volta ás aulas medra para os nenos a terceira parte dun divertido cómic no que a prolífica escritora e profesora Pilar Serrano reflicte de forma xocosa e cunha gran naturalidade tanto as aventuras, equívocos e situacións límite que se dan nunha aula de infantil, coa picardía dos seus alumnos para librarse da merenda ou escamotear xoguetes, coma a visión persoal do mundo dos pequenos, coa súa espontaneidade e absoluta sinceridade. O volume logra que eles se sintan identificados e axuda aos pais a valorar o traballo dos mestres. Unha nova oportunidade para rir e reflexionar sobre a importancia de non perder nunca a imaxinación.

«Faro e o seu día importante»

A. blanco / A. santiso

Galaxia, 36 páxinas, 15,20 euros

Un neno que acomete nunha xornada o reto de superar o seu pesadelo a falar diante de todo o mundo na escola sen ficar mudo, unha tarefa na que lle axudarán os seus pais Alberte e Alexandre, protagoniza este apropiado álbum, de cálidas e emotivas ilustracións, que anima aos rapaces a atravesar os seus medos na busca de autonomía e desenvolvemento persoal. Un relato, de linguaxe actual e escenas cotiás, que toma a iniciativa e abraza a diversidade, podendo axudar a distintas familias nestes días nos que nas aulas se suceden as presentacións dos nenos. Unha grata sorpresa.

«A gruta da torre»

Lois pérez / Rosalía Díaz

xerais192 páxinas, 13,95 euros

Case como despedida do verán chega esta premiada novela coral, ambientada no Ribadeo de 1990, e na que unha cuadrilla de preadolescentes, entre os que se atopaba o propio narrador, vive unha aventura estival iniciada a partir dun documento atopado na excepcional Torre dos Moreno. Un relato de días felices, amizade e primeiros amores no que, cun ritmo áxil, se ofrecen mensaxes relevantes, como o de encarar as discriminacións ou recoñecer o valor dos libros. Unha entretida lectura que atrapa non só aos mozos de 12 anos. Os adultos esbozarán un sorriso cómplice ante acenos xeracionais.

«Superheroes da escola»

J.C. Román/ l. Martín

Triqueta Verde, 40 páxinas, 16, 50 euros

Só un ano despois da destacada acollida que tivo en Galicia «A gran tribo», un álbum no que se describe o día o día no cole, autor e ilustradora volven reunirse noutra amena historia na que, de novo a partir dunha metáfora e xogando coa dualidade entre texto desenfadado e imaxes festivas, se anima aos máis pequenos neste inicio de curso. No xa exitoso volume, uns rapaces amosan nun suposto lugar secreto, que é a escola, as calidades que todo neno debe ter para converterse nun superheroe, entre elas, traballar en equipo ou dicir sempre a verdade. Unha proposta instrutiva, entretida e fresca. As ilustracións, nas que se xoga coa cor, acentúan a expresividade e unha fantasía axeitada aos primeiros lectores.

«Daniela e as mulleres piratas da historia»

Susanna Isern / Gómez

Nubeocho60 páxinas, 17,90

O personaxe de Daniela Pirata, que atrapou ao lector infantil no 2017 cun álbum inicial no que se reivindicaba a liberdade das nenas de ser o que se propoñan, guía esta cuarta e nova entrega da saga. Nela, a protagonista atopa e presenta un libro que recolle, nun percorrido que vai dende a antiga Grecia ata principios do século XX, a vida e as fazañas de dez mulleres corsarias reais, como esa filla dun rei que fuxiu dun matrimonio non desexado e capitaneou unha tripulación mixta de piratas. Un título, axeitado para maiores de 6 anos, de lectura amena e mensaxe poderoso.


Comentar