Marilar Aleixandre, o triunfo das mulleres
Fugas
Naceu o reivindicativo 1 de maio e esta foi sempre a súa posición: a rebeldía. Escolleu o apelido materno para firmar os seus libros e fixo do feminismo obra mestra, crúa, crítica, mais aberta á esperanza
27 Oct 2022. Actualizado a las 17:58 h.
Marilar Aleixandre gañou este martes o Nacional de Narrativa coa súa novela As malas mulleres (Editorial Galaxia), que xa fora recoñecida co Premio Blanco Amor. Un día antes, subía ás súas redes unha imaxe das probas da tradución ao castelán, sen saber a alegría que lle ían dar aquelas páxinas horas despois.
Filla dun andaluz e dunha valenciana, foi a primoxénita dunha familia numerosa que se asentou en Madrid, pero que antes vivira en Ceuta e Valladolid. Na capital realizou Marilar os seus estudos e alí parecía que tería futuro na universidade, como unha eminente entomóloga. Se ben, no camiño tropezou cun profesor que sistematicamente a relegaba en favor doutros compañeiros, co argumento de que as mulleres axiña casaban e tiñan fillos. Para ela, que fora criada na igualdade, aquelas palabras resultáronlle ofensivas e decidiu opositar ao ensino medio. Foi así como no curso 73-74 cambia o rumbo da súa vida ao obter destino en Vigo, onde asistiu a clandestinas clases de galego e formou parte da Asociación de Mulleres do Calvario. Só ano e medio precisou para impartir a materia de Bioloxía no seu novo idioma.
Confesou algunha vez que a súa é unha lingua bífida ou rachada, porque asume ambas como propias. En realidade, isto non era novo para ela, pois de pequena era quen de falar andaluz co pai e evitar o seseo e os demais trazos cando estaba en Madrid. Incluso súa nai lle falaba francés ás comidas, polo que a súa sensibilidade lingüística vén de lonxe. Marilar tivo a riqueza de criarse entre varias culturas, de medrar coas cores de Ceuta, co arrecendo a aceite acabado de prensar do muíño dos avós na serra de Córdoba, coa sensibilidade da nai que con tres anos lle aprendeu a ler nunhas cartolinas que ela mesma facía. Na súa casa os Reis Magos sempre deixaban no balcón contos, entón descoñecía que a nai tamén escribía poemas que remataba rompendo. A súa morte prematura impediulles saber máis a unha da outra, pero Marilar, en homenaxe a ela, escolleu o apelido materno para firmar a súa obra literaria.
O seu primeiro libro infantil, A formiga coxa (1988), naceu como un relato co que entreter os seus sobriños, aínda que nun primeiro momento fose unha cascuda. O seu coñecemento dos insectos déixase ver en moitas das súas obras, tamén nos poemarios, como no fantástico Catálogo de velenos. Aínda que a poesía é un xénero máis ocasional na súa escrita, o certo é que na súa voz poética tamén están parte das constantes da súa narrativa: as relacións materno-filiais, a revisión dos contos tradicionais, a memoria ou o feminismo. E xunto a toda a súa obra literaria non é menos interesante o seu uso comprometido do galego nas ciencias. De feito, Marilar comezou autoeditando xunto a uns compañeiros un libro de texto a comezos dos oitenta, labor que continuou despois na USC.
Naceu un día reivindicativo, o 1 de maio, e esa sempre foi a súa posición ante a vida: a rebeldía, a denuncia social, o compromiso cívico e o feminismo, que é sen dúbida a identidade en que máis se recoñece. Dende a súa militancia política redactou moitos panfletos e artigos para revistas clandestinas ata que comezou coa literatura e, en seguida, chegaron os recoñecementos de público e crítica. Cantas xeracións non viaxaron canda a protagonista n’A expedición do Pacífico? Ou se identificaron coa rapaza d’A banda sen futuro?, unha historia que supera as vinte edicións. Marilar gañou todos os premios importantes e agora recibe o Nacional cunha novela de adultos, onde mestura personaxes reais, como Concepción Arenal ou Juana de Vega, con outros ficticios. Así achégase á historia do cárcere de mulleres da Coruña, onde está Sisca por asistir a súa nai nun aborto. A memoria sempre é necesaria, tamén para lembrar un pasado que non nos gusta, en que a dor, a inxustiza, pero tamén a esperanza e a sororidade están moi presentes.
A autora comentou algunha vez que lle gustaba escribir a lapis porque, a diferenza do bolígrafo, nunca se corre a tinta, nunca mancha nin fai borróns, algo que ten que ver coa súa formación como bióloga. Sabemos que escribiu As malas mulleres durante o confinamento, pero non se empregou o lapis para trazar con firmeza as personaxes, para darlles voz, o que si é evidente é que a súa escrita non se vai diluír co tempo.