A música galega acelera a final de ano: os 13 discos que saen nun mes
Fugas
Chegadas estas datas, a produción discográfica multiplícase en Galicia. Aos novos traballos que che presentamos hai que sumar os inminentes lanzamentos de Guadi Galego e de Loita Amada
02 Dec 2022. Actualizado a las 16:20 h.
Son estas, polo xeral, datas propicias para o lanzamento de novidades discográficas. Á proximidade das vendas do Nadal e á celebración dese escaparate que sempre é o Culturgal hai que engadir este ano a necesidade de dar saída a moitos proxectos que quedaran atrancados pola pandemia ou retardados pola dedicación case absoluta que para os artistas supuxo a acumulación de concertos deste verán¡
O caso é que a avalancha de lanzamentos é, felizmente, incesante dende hai unhas semanas. E todo indica que vai ser unha constante ata final de ano.
Entre os máis agardados estaba o novo disco de Sés, o oitavo da súa carreira. En Diante un eco, publicado o 25N, Sés retoma elementos rítmicos e conceptos dos seus primeiros traballos e reforza as súas conexións emocionais e musicais coas grandes cantoras latinoamericanas.
Tamén había moitas ganas de degustar o primeiro traballo en solitario de Antía Muíño. Coñeciámola de proxectos anteriores ou por gravar con Xavier Díaz. Carta aberta non veu senón a acreditar con creces que estamos ante unha das artistas con maior sensibilidade e proxección de futuro desta xeración.
Máis actualidade non pode ser. Publícase hoxe mesmo. Sinto é o terceiro álbum en solitario de Berto. Nel abandona o carácter introspectivo do seu debut e os posteriores coqueteos co trap e o urbano para retornar ás sonoridades máis pop e disco que tan bo resultado lle deran conVerto, o seu proxecto anterior.
Era un dos lanzamentos máis agardados do ano. Puxeron Lamontagne & Picoamperio as expectativas moi altas cos seus primeiros adiantos e cos moitos directos nos que se prodigaron este verán. A comezos de novembro lanzaron Algo que sinalar, un novo camiño para a vangarda galega co que é imposible sentirse defraudado.
Tamén no territorio da música disco, iso si, actualizada e peneirada polo autotune, sitúan Monoulious Dop o seu novo álbum. Disco Disko titúlase, por se a alguén lle quedaba algunha dúbida, e é todo el un incontible convite á festa cheo do sentido do humor marca da casa.
Tamén hai cousas duns días, coñecemos Nunha aldea, a primeira entrega discográfica de Catuxa Salom, chea de simbolismos tribais e referencias á súa dobre orixe.
A darlle unha nova visión, dende a súa voz e unha vertente electrónica, á lírica medieval galaico-portuguesa dedicouse tamén Carolina Rubirosa en Soldadeiras, o disco que vén de publicar a pasada semana.
Tras doce años sen noticias de Fanny & Alexander, por fin volvemos saber deles. O dúo compostelán acaba de publicar A túa ausencia neste ar, o seu cuarto disco longo. Un álbum no que, como o mariñeiro embarcado, a emigrada retornada ou o exiliado político, volven a casa á procura do que foron. Un disco de querenza conceptual e profunda carga poética no que as cancións xiran arredor da perda e da ausencia, plasmando un pop bastardo e escuro, cargado de referencias experimentais tomadas da electrónica, o shoegaze e incluso o folk.
Da man de Ferror Records, Rayotaser, o proxecto agora en solitario de Álex Mera, acaba de presentar Incendio, unha nova entrega de electrónica e synth pop intenso e emocional.
O inquedo selo ferrolán tamén vén de editar nestas últimas semanas Atenta, un sete polgadas de Óscar Quant e Un círculo helado, segundo traballo de Carlos Ordóñez, o músico vigués que baixo o apelativo de Prozac foi referencia do underground galego a finais do século pasado.
Outra estrea, aínda que neste caso veña da man dun veterano da nosa escena musical, é a de Tesouro, o novo proxecto de Carlos Rego. Aquí conmigo reúne dez píldoras de exquisito power pop, dese que xa é sinal de identidade do músico ourensán.
A maiores destes discos longos ou epés, neste febril outono musical tamén fomos coñecendo un par de sinxelos do que será o primeiro álbum de Carlangas, dous tamén do novo de Igloo, un de Ataque Escampe, a marabilla que nos adiantou Sinestesia, o moi prometedor de Fillas de Cassandra, a versión de La leyenda del tiempo de Xosé Lois Romero & Aliboria, a colaboración de Baiuca e Alba Reche ou temas novos de Rodrigo Ramos, The Rapants, Terrae e The Limboos.
E que nos queda por coñecer de aquí a fin de ano? Pois aínda moito e moi interesante. Por exemplo, o novo disco de Guadi Galego. Titúlase Roibén, publícase o venres 16 e incide e afonda nesa procura de novas e fascinantes sonoridades á que a artista de Cedeira nos ten acostumados nos seus últimos traballos.
Tamén haberá lugar para a sorpresa, seguro, o 19 de decembro en Viva a loita amada revolucionaria, o disco de debut de Loita Amada, o novo proxecto de Jásper (tres anos despois de finiquitar Nao) xunto á cantareira e pandeireteira Nébeda.