La Voz de Galicia

Óliver Laxe: «Se alguén sae de aquí pensando que non debe facer a peli, será unha bendición»

Fugas

carlos crespo
O director Óliver Laxe, na presentación na Coruña da película «O que arde»

«Os cineastas teñen que perderse. Ese é o consello que eu sempre dou», revela o director de «O que arde», que está no proceso de cásting dunha nova película

14 Apr 2023. Actualizado a las 05:00 h.

O pasado setembro Óliver Laxe impulsou e realizou unha residencia de desenvolvemento de proxectos cinematográficos nos Ancares. O director de O que arde fai agora un paréntese no proceso de casting da súa nova película para asistir, esta vez como mentor, ao Conecta Lab.

 

—Que importancia poden ter estas residencias para os novos creadores?

—Poden ser moi malas. Invitar a estes cineastas que están comezando a que se enfronten a moitos espellos pode ser malo. Eu creo que os cineastas teñen que perderse. Ese é o consello que eu sempre dou. Hai que ser moi delicado e ter moito coidado porque rapidamente podes xerar medos neles. Entón, en vez de que sexan máis valentes, se abandonen e se perdan, o que ás veces provocamos nestes foros é que traballen dende un lugar de inseguridades, con decisións conservadoras e que acaben tendo miradas moi homoxeneizadas. Eu o que intento é, sobre todo, falar dos seus medos, que é o que fai que sexan menos creativos. Falo moito da miña experiencia en primeira persoa para que convivan mellor coa vulnerabilidade, que tan boa é nos procesos creativos. Fálolles de que equivocarse non é un problema. De que, ás veces, os accidentes, os erros, o imprevisible é o máis importante dunha obra de arte.

—Como foi a túa experiencia das residencias nos Ancares?

—Iso habería que preguntárllelo aos cineastas que as fixeron. Eu ás veces fun duro. Tes que selo. Empregas a agulla do amor.

—Unha das actividades que desenvolves é unha asesoría de guión. Cales son os erros que con máis frecuencia cometen?

—Polo xeral, adoitan ser moi bos proxectos. Eu traballo como titor..., ben, prefiro dicir como acompañante, e son unha persoa transparente. Si que lles digo o que penso. Pero no meu método pedagóxico non valoro se as películas van ser boas ou malas, senón se van ser importantes para os seus autores. É dicir, se poñen algo en xogo deles. Esa para min é a clave. Ese é o éxito dunha obra de arte. Que permita ao autor coñecerse un pouco máis e polo tanto ser un pouco máis libre.

—Tes dito que facer cine é decidir o mundo no que queres vivir. Vaia compromiso, non?

—É que mira os tempos nos que vivimos. É moi serio facer unha película. Ademais do gasto que supón, tanto enerxético como dos cartos que se poñen en xogo. Vivimos nun momento límite a moitos niveis. Estamos nos albores da fin de algo. O colapso chéirase no ambiente. Eu creo que os artistas neste momento de moita escuridade temos que poñer luz, temos que poñer corazón e serenar á xente. Crear un mundo. Ese novo mundo. Máis san, máis consciente, máis luminoso.

—Os Ancares, San Simón... Ata que punto é importante a contorna para a realización destas actividades e para o desenvolvemento creativo?

—En xeral, na sociedade corremos moito. Temos medo de vernos, de profundar en nós. O importante destas residencias é que paras e faste preguntas que no día a día non te fas. Por que quero facer unha película? Que rexión da miña personalidade quero descubrir? En que estou poñendo a miña enerxía? É unha maneira de buscar amor ou comprensión? É unha maneira de xerar unha imaxe ideal de min mesmo? Espazos na natureza ou como a illa de San Simón axudan a que nos fagamos esas preguntas tan claves. Preguntas cuxa resposta pode ser: «Pois mira, non preciso facer esta película. É mellor que non a faga».

—Mira que se alguén sae da residencia pensando que non ten que facer a peli...

—Pois é unha bendición. Porque facer películas é verdadeiramente excesivo. É unha profesión moi desestructuradora. Sitúaste en estados de fraxilidade moi forte.

—Percibes esa corrente de interese polo actual cine galego da que tanto se está a falar?

—Nin idea porque o meu termómetro é cando estreo peli. E eu estreei a última no 2019. Non sei se dende entón mudaron as cousas. Pero si que sei que a filmografía galega está cada vez máis consolidada.

—En que estás traballando agora mesmo?

—Pois estou aí, esculpindo. Como Michelangelo cando na súa última etapa facía as esculturas non tanto tallando senón depurando, quitando. Estou a ver que pide a peli. Teño bastante claro a película que quero facer pero teño bastantes dúbidas co casting. E nos casting xógase unha película. Tiven sorte en O que arde pero ao mellor nalgunha non acerto. Despois de tres películas que deron a volta ao mundo, o traballo que fago conmigo mesmo é ir máis aló do éxito e do fracaso e pensar que se unha peli non funciona, ao mellor tamén me sirve para crecer e coñecerme. E iso xa é un éxito. É o que lles digo sempre nas residencias: poñede sempre o proceso creativo nunha perspectiva de crecemento persoal. Iso quita moitas angustias.

—Hai prazos para esa nova película?

—Eu quería rodar este ano, pero ata que non teña o casting claro non me vou precipitar.

—Vala rodar en Galicia?

—Non. Ao mellor algunhas secuencias, pero o groso da peli vouna filmar entre España e Marrocos. Creo que vou ir facendo así, unha peli fóra, unha en casa.

 

 


Comentar