Budiño: «Pasei sete meses pechado para facer estes 31 minutos»
Fugas
Budiño retoma a gaita que non ao gaiteiro. O seu novo disco, «Branca vela», é un teimudo e fascinante traballo de moderna arquitectura sonora co que é quen de vertebrar unha chea de emocións
04 May 2023. Actualizado a las 15:45 h.
Marcouse Budiño no 2109 un mortal sen rede decidindo aparcar a gaita e sacar a voz a pasear. Haberá quen pense agora que o feito de recuperar o instrumento en Branca vela, o seu novo disco, é recuar. Ou que retomar sonoridades tradicionais é un paso atrás. Pero nada máis lonxe da realidade. O que Budiño fai neste novo álbum é situarse non seu tempo e no seu contexto coas ferramentas máis avanzadas cun poida imaxinar e cunha paixón case obsesiva. Ata o punto de que desbotou o disco que tiña na cabeza hai sete meses e decidiu empezar de cero. Budiño consigue que as pezas que conforman esta obra, a cabalo entre a arquitectura, a enxeñería e a artesanía, fosen encaixando cunha precisión milimétrica. Non hai unha décima de segundo que soe por azar. Pero sen que iso lle reste un ápice de emoción. Complexos tratamentos vocais e instrumentais, baixos e bombos moi profundos, delicadas ornamentacións electrónicas, gaitas e frautas presentes pero non protagonistas e oportunas apelacións á raíz resúmense a partir de agora nun concepto: o novo son de Budiño. Branca vela é a súa carta fundacional.
—No verán do 2022 dicía que tiña o disco case listo. Que pasou entón?
—É certo. Cando hai un ano presentei Muiñeira da lúa, tiña xa o borrador do disco. Chegou o verán, empecei a tocar, a ver as reaccións e a conexión que conseguía co público e cambioume o chip. Dixen «non é por onde tiña pensado por onde quero ir». Así que tomei a decisión de non sacar o álbum. De sentarme, estudar, atopar o son e facer o disco que realmente quería facer.
—Este disco é moi distinto daquel que tiña na cabeza hai un ano?
—Si. Absolutamente diferente.
—Cales son esas diferencias?
—Aínda que non o pareza, este é un disco con moitísimo aire. É a clave para que as frecuencias graves, medias e agudas funcionen. Hai un ano eu tiña infinidade de pistas para elixir. Pero decateime de que o que tiña que facer era quitar. E quitar é sempre o máis difícil. Picasso dixo que lle custara 80 anos aprender a debuxar como un neno. Eu tiña claro que quería facer dez cancións de tres minutos. Búscate la vida. Non podían durar máis. Pasei sete meses pechado, quitando cousas, para facer estes 31 minutos.
—A que lle dedicou máis tempo, á composición e gravación ou á produción, mestura e masterización?
—Ao que máis tempo lle dediquei foi a buscar o meu son. Entre a composición e a mestura e máis a masterización, andarán metade por metade.
—Tanto tempo empregado en axustar ao milímetro o son para que despois as cancións se escoiten nun teléfono.
—Eu era consciente diso. Pero hai infinidade de trucos tecnolóxicos para axustar o son tamén a eses dispositivos. Todo o que facía probábao en teléfonos, no coche, en altavoces bluetooth... A gran pelexa foi conseguir que se escoitase todo ata no peor dos dispositivos sen que distorsionase. Porque subir o volume é moi fácil, pero que non distorsione..., iso é o difícil.
—En todo este entramado de arquitectura sonora, onde quedan as letras?
—Mira que sempre pensei que as letras íanme custar moitísimo e non, sáenme dunha forma moi natural. Neste disco hai dúas letras que non son miñas, unha é de Manolo Rivas e outra de Antía Otero. Co resto dicía «hoxe teño que facer a letra para esta», sentábame e saíron case todas de corrido.
—Como escolleu as colaboracións que participan neste traballo?
—É curioso. Ata decembro este disco ía levar só a miña voz. Pero en decembro nace a canción Branca Vela, gravo as voces e coros e decátome de que aquilo non funcionaba. Dinme conta de que necesitaba axuda. Necesitaba vida. E aí mesmo xa xurdiu o nome de Leilía. Gustoume tanto como quedou o tema que gravei con elas que abrín a porta a outras colaboracións. Collín o teléfono e nunha semana xa estaba gravando Guadi (Galego), De Vacas e o coro de Xacarandaina. Pero, xa che digo, ata decembro ía ser un disco en solitario.
—A primeira melodía, con que a compón?
—En cada disco cun instrumento. En Fulgor todas as cancións fíxenas co piano, noutros naceron coa guitarra, e neste foi coa voz. Gravei as melodías tanto vocais como as dos instrumentos cantando no teléfono, despois chego a casa, constrúo o tema co teclado e xa me queda rexistrado.
—Non faltara quen pense que Budiño recúa neste disco e volve ao «tradi».
—Fulgor foi necesario. Sen Fulgor no habería Branca Vela. E, dende logo, o tratamento sonoro e artístico de Branca Vela non ten nada de tradicional.
—Como foi o reencontro coa gaita despois de tela castigada en «Fulgor»?
—Non sei se a castiguei a ela ou me castiguei a min [ri]. Sentín que era necesario. Eu quería probar outras fórmulas. É certo que agora reencontreime con ela pero tampouco quixen que tivera o tratamento de outros discos, o de frontman gaiteiro que lo inunda todo.
—Estará presente nos directos desta xira?
—Pasoume unha cousa moi curiosa nos concertos de Fulgor. Só saía coa gaita nunha canción. E cando aparecía no escenario todo o mundo sacaba o móbil e facía as fotos. Iso era precisamente o que eu quería. Que a botaran de menos. Nese momento aprendín que que había que dosificala. Porque a gaita é sempre un instrumento gañador.
—Ata que punto lle influíu o contexto actual da música galega á hora de facer este disco?
—Non o teño moi claro. Eu estou encantadísimo de que haxa tanta xente nova cantando en galego e escoitando música sen prexuízos. Iso ábrenos a posibilidade de novos públicos? Si, claro. Pero non foi iso o que determinou o son deste disco.
—Onde se ve Budiño a día de hoxe?
—Está por explorar. É un camiño interesante de descubrir. Pero é algo ao que xa lle perdín tanto o medo que esta vez decidín facer o disco que eu de verdade quería sen pensar en ningún momento nas reaccións. Se as hai, perfecto. Se non, pois seguirei vivindo da música como levo facendo dende hai vinte e non sei cantos anos.
—E difícil traballar con vostede?
—Se tes un grao de implicación coa profesión de 90 para arriba é doado. Se non, non é que sexa difícil, é que non me vas entender.
—O seu é unha relixión.
—Pero me estoy quitando (ri).