La Voz de Galicia

Silvia Penide, cantante : «Nesta profesión hai que fuxir de palabras como éxito ou ego»

Fugas

CARLOS CRESPO

Vinte anos de profesión, reivindicando e honrando a canción de autor, ben merecen un aplauso, un disco e unha pequena revolución 

04 Aug 2023. Actualizado a las 13:24 h.

Un precioso vinilo branco dentro dun cartafol no mesmo ton é o agasallo que Silvia Penide (A Coruña, 1979) se fai -e nos fai- para celebrar 20 anos de honesta traxectoria no non sempre tan honesto mundo da música. A cantautora escolleu dez cancións de diversas épocas e regravou algunhas delas para darlle coherencia sonora ao conxunto. «Mientras dure el aplauso» conta con estelares colaboracións, como as de Víctor Manuel, Andrés Suárez, Mercedes Ferrer, Guadi Galego, Ugía Pedreira ou Javier Álvarez, entre outras.

—Por que saíu o disco só en vinilo?

—Foi idea de Tomi Legido, o responsable da miña discográfica, 10de10. Foi el quen propuxo facer unha primeira tirada en vinilo de só 250 copias numeradas á man, para que fose algo como moi exclusivo. En setembro publicarase en plataformas, e despois xa veremos se facemos cedé.

—Di o tango que «veinte años no es nada».

—A verdade é que non. Eu síntome moi nova. Que estou empezando. Como me dixeron hai uns días, só son os 20 primeiros.

—Que descubriches ao botar a ollada atrás cara á túa traxectoria nestes 20 anos?

—Ratifiquei o compromiso tan forte que teño coa miña profesión. E, ao tempo, agradezo moito o feito de seguir aquí. Era algo impensable para min hai 20 anos. Estou moi orgullosa do feito e do camiño que vou deixando para a xente que veña detrás.

—Dis na contracapa que este disco é tamén un resumo de vida. Vai parella a túa creación artística e a túa traxectoria vital?

—Si, ao final si, porque eu falo do que coñezo. Non me gusta vender fume, e, se falase de algo que non me remove por dentro, estaría facéndoo. Loxicamente nótanse moitas diferenzas da Silvia do primeiro disco a este. Antes era moito máis botada para adiante. Agora son algo máis comedida. Agora poño o primeiro pé e despois vexo se podo poñer o seguinte. Antes non, antes ía correndo ao trote. Pero a Silvia que facía as cousas porque quería desfrutalas, a Silvia xoguetona que se ría un pouco de todo, incluso da súa propia vida, esa segue estando. Nesta profesión, se a tomas demasiado en serio, comezan a asomar as pantasmas de palabras como éxito ou ego, conceptos que hai que desmitificar e dos que hai que fuxir.

—Hai unha liña moi fina entre ser prudente e ser covarde. Non temes acovardarte?

—Supoño que cada un ten que mirarse e ver con que está a gusto. Nesta profesión, arriscar sempre se arrisca. Eu non teño medo nin son negativa. O que son é superrealista. E traballo sabendo que o que vou facer vai funcionar dentro das miñas expectativas. Por iso case sempre sae ben.

—«Guitarra, papel y boli como artefactos de pequeña revolución», escribes. Ata que punto é importante manter esa ansia revolucionaria no mundo da música?

—Se cadra hoxe o é máis que nunca. Mentres poida, eu estarei pelexando e facendo a miña pequena revolución.

—A industria musical cambiou de xeito radical nos últimos 20 anos. En que momento te sentiches máis cómoda?

—A verdade é que eu sempre fun atopando o meu sitio. Sei perfectamente onde estou como artista. Sei que son unha artista que non enche, pero si que sempre teño traballo. Non estou moito coa industria. Teño a sorte de moverme libremente, e, moi tranquiliña, sigo sempre pola miña senda.

—Outro dos sentimentos que seguro que aflorou nalgún momento nestes 20 anos é o da frustración. Como se xestiona?

—Naturalizándoo. Xa hai moito que non me pasa, porque me fixen amiga da frustración grazas a entender por que aparecía. Era porque as miñas expectativas estaban equivocadas e non miraba con lupa o que estaba facendo. Moitas veces semella que a vida dunha artista é o que se ve nas redes sociais. E non. Ti nas túas redes podes construír o que ti queiras, pero a realidade é a que che dita o corazón e tamén a conta bancaria. Eu aprendín a convivir coa frustración non frustrándome. Sabendo perfectamente o que son e onde estou. Así non hai lugar a expectativas que despois se vexan truncadas.

—O disco titúlase cunha frase que cantas en «Sobre el mismo alambre»: «Sobrevivimos mientras dura el aplauso». E cando o aplauso se apague?

—Cando o aplauso se apague, pecharei a persiana superorgullosa, direi «moitísimas, moitísimas grazas», e a outra cousa. Sen ningún tipo de problema. A día de hoxe, podo ter a cabeza ben alta e sentirme moi feliz co que fun facendo dende o meu pequeno sitio neste mundo. Se o aplauso se apaga, agradecerei moitísimo que soase durante tanto tempo.

—O que xa non vas facer, como dis en «El colchón y el diván», é pedir máis perdón.

—Nada. A culpa para fóra. Sobre iso estou escribindo agora. Sobre esa culpa que moita xente leva enriba. Eu tamén levei durante moito tempo unha mochila moi pesada, e ao final non paga a pena. Por aí van os tiros do novo que sacarei dentro dun tempiño.

—Cando?

—A idea é pechar esta xira do 20 aniversario, seguir escribindo con calmiña, entrar en estudio o ano que vén, e sacalo no 2025.


Comentar