Guadi Galego: «O mar é o meu imaxinario máis potente, pero non sei nadar»
Fugas
Tras máis dun ano sen actuar en Galicia por decisión propia, a artista de Cedeira retorna aos teatros con «Síntese horizonte», un espectáculo que é un pouco «como a vida mesma»
19 Jan 2024. Actualizado a las 12:57 h.
Desandar os camiños non sempre é a evidencia dun erro ou dunha insatisfacción. No caso de Guadi Galego (Cedeira, 1974), ese percorrer a contracorrente ten máis que ver co seu inquebrantable afán á procura de novas inquedanzas, de novos horizontes, de non ficar acomodada alí onde o sol quenta. De non ir polo rego nin sequera tendo a certeza que o rego desemboca nunha fértil leira.
Dende o seu adeus a Berrogüetto, alá polo 2008, Guadi non deixou nunca de explorar na definición da súa identidade como artista. Un proceso inexorablemente unido á procura tamén da definición do seu xeito de estar no mundo. A conxunción de todas esas experiencias rematou por conformar un corpus artístico tan persoal como indisoluble que, sempre dende a coherencia, foi mutando en diversas formas a medida que se foron sucedendo os discos e as xiras. Acrecentando o seu recoñecemento e prestixio a cada chanzo. Ao que a de Cedeira respondeu sempre fuxindo da compracencia e do conformismo como alma que leva o diaño. O seu último traballo discográfico, Roibén, foi unha proba máis que elocuente. Chegou xusto despois de Costuras, a xira e o disco cos que máis alto chegou Guadi Galego na súa carreira en solitario. A súa reacción foi facer un seguinte álbum moito máis escuro, denso e profundo. E non só iso. Aínda que Roibén se publicou en setembro do 2022, Guadi decidiu non actuar en Galicia ata o 2024. «O público necesita descansar de min», dixo cando anunciou aquela determinación.
Pois ben, rematou o barbeito e Guadi Galego retorna aos palcos. De momento, con Síntese horizonte, unha xira de teatros que ten as súas primeiras citas o venres 26 en Santiago e o sábado 27 en Ferrol para chegar despois a Pontevedra o 13 de abril, e na que Guadi estará acompañada por ese luxazo que ten por banda: Guillerme Fernández (guitarra), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez (coros).
—Que sensacións tes neste momento?
—Pois, mira, pasei por todos os estados dentro do proceso de creación e agora xa teño moita ilusión por saír.
—Como van ser os concertos desta xira?
—Costuras foi un espectáculo moi pop. E Síntese Horizonte está dividido en tres partes: unha máis escura ao principio, que é a que se corresponde con Roibén e que a min me gusta especialmente; unha segunda que se abre máis, e rematamos con outra como máis impetuosa, menos transcendental. Ao final, o conxunto é un pouco como a propia vida.
—Case todos os músicos teñen unha etapa escura. É esta a de Guadi Galego?
—Non, que va! O meu momento máis escuro xa o pasei. Onde el vai!
—Desta volta, vaste enfrontar a un proceso que non viviches nunca, que é facer a xira dun disco máis dun ano despois de que fose publicado. Afróntase dun xeito diferente? Como se perciben agora as cancións coa perspectiva deste tempo?
—É unha pasada. Estou pasando por un momento marabilloso. Fixen arranxos novos e os temas colleron outro pouso, outra madurez. Como que todo foi ao sitio. Estou moi contenta coas cancións de Roibén. Máis contenta incluso que cando saíu.
—Inclúes nestes concertos as cancións que fuches publicando soltas despois de «Roibén»?
—Non. Só facemos O.D.A. O resto déixoas para outro capítulo.
—Sentes que por fin fuches quen de reivindicarte na ousadía?
—Si, fun quen. Custoume moito máis traballo do que eu pensaba. Tomar a decisión de reivindicarse na ousadía e tomar as rendas de todo esixe facelo sen medo ás consecuencias. E iso non é doado. Teño a sensación de que ás artistas novas non lles pasa iso. Teñen outros medos, pero ese non.
—Que medos teñen?
—O medo a defraudar, a non ser capaces de atopar o seu son, a que o que están facendo non sexa o que tiñan que facer... No meu caso, o que había era moita presión. Había que cantar ben, que expresar ben, non dicir máis do que debes... E por riba eu non era guapa nin ía de guapa. Todo iso pesoume moito. Pero as novas xeracións xa veñen sen todo iso. Veñen sen filtros, con alegría. Moito máis botadas para adiante.
—«Se algo aprendín é que non hai que ter medo a dicir o que unha pensa», dixeches nunha ocasión.
—Así é. Eu non teño ese medo. Estar nun debate constante cunha mesma e coa sociedade é o único que nos pode salvar. Penso que nestes tempos, máis que nunca, hai que dicir o que se pensa. O que xa non quero é dar a chapa nos meus concertos. Todo está nas miñas letras e no meu xeito de enfrontarme á profesión.
—Eu non coñezo a ninguén máis «indie» ca ti.
—[Ri] Eu hai moito que fuxín das etiquetas e agora, por fin, xa non se levan. A min custoume moito desfacerme delas. Pero si, agora síntome bastante independente. No sentido de yo me lo guiso, yo me lo como y yo me lo pago. Non entro dentro de ningún circuíto establecido, non son unha autora ao uso...
—Es disfrutona?
—Uf! A tope. Eu son unha supermotivada.
—Sénteste cómoda no papel de antidiva?
—Supercómoda. Para min, o primeiro son as miñas cancións e o meu concepto artístico. Iso sempre vai por diante de min.
—Prefires ser a «brillante activista da vida cotiá»?
—Antes de falar contigo veño de pasar o ferro tres cuartos de hora. Así que si, son unha activista da vida cotiá a tope. Eu creo no pico e pala e en ser consecuente coas cousas que fas. Que non é algo doado. Equilibrar a vida custa moito.
—O luns cumpres 50 anos. Xa te empezas a considerar algo matriarca?
—Non, que va. Síntome cada vez máis lonxe diso. O que sinto é que nos 50 quero facer cousas que non fixen aínda. Ir a formatos máis pequenos, para aínda menos xente, con moitas caras bes, con versións... Quero mostrar máis rexistros de min mesma. Pero, de momento, o inmediato, é que teño que facer Síntese horizonte.
—Haberá versión expandida deste espectáculo?
—Este espectáculo vai ser só para teatros. O que faremos é outro formato para todo o que sexa no exterior, cun repertorio máis axeitado para fóra.
—Se te chaman para un festival?
—Vou encantada. Nos festivais hai de todo. Hai xente que vai moito pola música e que vai ver cousas que se non as ve nun festi seguramente non vai ter oportunidade de velas, e despois hai quen vai só a divertirse. Nos festivais hai xente para todo, pero tamén hai sitio para todo. E o artista cando vai alí sabe de sobra ao que vai xogar.
—No 2022 estiveches no Son do Camiño. Como foi a túa experiencia?
—A miña foi boa. Eu non son unha artista de masas e iso implica que a xente que foi á miña hora estaba alí porque quería ver a Guadi Galego. Porque xa lle gustaba ou por curiosidade. En calquera dos casos, está guai.
—A túa vontade de ir contracorrente foi sempre o teu sinal de identidade. Ti abandonas a música tradicional no momento no que empeza a despegar. Como estás a vivir todo o que está pasando neste momento coas nosas músicas de raíz?
—Eu estou supercontenta e superorgullosa. Emocióname mogollón. O outro día dicíalles a Mondra e a Fillas de Cassandra, «este Coliseum das Tanxugueiras non pode quedar nunha batalla gañada. Os seguintes teñen que ser os vosos». Eu teño claro que a min xa non me corresponde iso. A min correspóndeme seguir no meu sitio, neses espazos de 400 ou 500 persoas nos que case poida tocar á miña xente.
—Tamén che corresponde seguir rompendo os moldes establecidos, para que as que veñan detrás o aproveiten?
—Eu nunca me sentín un referente no musical, pero si que me sinto referente nun xeito de facer. A escena galega pode estar forte se cremos realmente que este é o xeito de estar nela. Dende a profesionalidade, apostando pola dignidade, cobrando o que hai que cobrar, defendendo os espazos que nos corresponden e estando nos sitios nos que temos que estar e nas condicións nas que temos que estar. Está claro que non podemos ser todos cabeza de cartel. Tampouco todos queremos ser cabeza de cartel. Pero os nosos teñen que estar.
—Que botas de menos na escena galega?
—Boto de menos máis diversidade nos palcos. Boto de menos que non nos repitamos tanto. Boto de menos a compañeiros e compañeiras noutros formatos e noutros circuítos. A escena galega, ao nivel no que está agora mesmo, se a traballamos ben, pode soster moitos palcos diferentes.
—En «Roibén» dedícaslle unha canción á fortuna. Considéraste afortunada?
—Para min, a fortuna son as cousas das que falo nese tema. Un bo xantar, unha boa conversa, ter a posibilidade de abstraerse e de estar nunha bañeira e sentirse no mar... A fortuna é a familia, a amizade e, evidentemente, a música e compartir. Eu son un ser social.
—O mar é o teu refuxio, como dis en «Imaxinando»?
—Máis que un refuxio, o mar é o meu imaxinario máis potente. E con el sufro moitas contradicións, porque así como é o meu referente poético máis importante e algo que me apaixona, pois non sei nadar.
—Como ti tes apuntado, «a perfección é a maior das mentiras».
—Sen dúbida. A perfección non existe. Iso é unha patraña absoluta. O equilibrio está en que os seres humanos sexamos imperfectos para poder complementarnos. Ten que haber un impulsivo, un reflexivo, un apaixonado e un pirado para que todo camiñe como ten que camiñar. O que realmente paga a pena é procurar cousas que che fagan sentir mellor. Que ao mellor resulta que non son as que están establecidas como perfectas, pero son as que che manteñen no teu equilibrio. Isto soa como moi zen pero é a base de todo para poder seguir tirando.
- SANTIAGO. TEATRO PRINCIPAL. VENRES 26 XANEIRO. ENTRADAS ESGOTADAS
- FERROL. TEATRO JOFRE. SÁBADO 27 XANEIRO. ENTRADAS: DESDE 9 EUROS
- PONTEVEDRA. TEATRO PRINCIPAL. SÁBADO 13 ABRIL. ENTRADAS: DESDE 14,30 EUROS