O orgullo de aprender
Fugas
31 May 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Publícase Comando sintrom, de Beatriz García Turnes, no selo dunha nova colección que acolle Galaxia baixo o epígrafe de «Literaria Ronsel» —propostas en rústica con lapelas e cubertas moi atractivas desde o punto de vista visual— en que xa viron a luz diversas obras de voces relativamente novas como son as de Álex Mene, Xulio Teixeira ou Juan Parcero. Non é, exactamente, este o mesmo caso que os anteriores pois a autora xa probara fortuna no ámbito da literatura xuvenil hai anos onde conta con varias pezas de indiscutible éxito, alén de subscribir unha valiosa produción ensaística como se constata coas monografías que publicou vinculadas coa historia da lingua galega e con figuras como Ramón Piñeiro, Teófilo Braga ou Antero de Quental. Turnes ofrécenos neste libro oito relatos a meu entender coidadosamente construídos, gobernados pola axilidade narrativa e estruturados por volta dunha idea máis ou menos común que paira en todos eles e que nace ao outorgarlle unha consideración nuclear ás mulleres que experimentaron un percorrido vital máis ou menos longo e que, asemade, se senten activas, independentes e partícipes teimosas nas oportunidades que brinda o tempo presente. Persoas que, por veces, se teñen que enfrontar ao seu propio pasado, ao illamento ou á soidade mais que tamén son conscientes de que a vida é unha e cómpre aproveitala. Se o paso do tempo, tan vertixinoso sempre, e como se experimenta esa realidade, é un elemento que unifica uns relatos igualmente dispares en canto a situacións e contextos, é igualmente posible que entre eles haxa outros dous elementos que os singularizan: por unha banda, esa pátina fresca e natural que se acaroa ao humorismo, á retranca ou á ironía e que abrazan os máis dos personaxes sen caer nunca na ridiculización nin na sátira e, por outra, ese fío intanxible que tamén anoa estas mulleres, que dalgún xeito as fai máis resilientes, e que é esa fe ou sentimento común que se deposita na forza que xera a propia condición de muller. Comando sintrom, non teño dúbida, reclama por inmanencia o respecto que cómpre asumir e transmitir polas mulleres que xa deixaron a mocidade e a madurez atrás, pero que están aí e que, ás veces sen decatárense, conxugan con orgullo o verbo aprender.