La Voz de Galicia

De muíños e xigantes

Fugas

Mercedes Corbillón

Quen nos ía dicir que a metáfora quixotesca se faría realidade e os muíños acabarían convertidos en mostros reais. Deberíamos mirar ao campo, pero mellor un sen contaminar

06 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Todo sería silencio se non fose polos paxaros, que desfrutan dos últimos instantes do verán. As pegas están sempre. Unha construíu a súa casa no poste da luz, fronte a miña terraza de C. Os cables cruzados redimíronse coa beleza do niño feito de ramiñas de árbore. Fotográfoo para enviarlle a imaxe a mamá. Ela ama a natureza, a paisaxe, a vida mínima, elemental. Papá, en cambio, prefire o progreso. Entendo a ambos os dous. Se fose avogada, faría como meu amigo U., que defende as compañías eléctricas e as comunidades de veciños que loitan contra os muíños de vento. É imposible pórse de acordo ata cun mesmo. Quen nos ía dicir que a metáfora quixotesca se faría realidade e os muíños acabarían convertidos en monstros reais.

Non imaxinamos que nos ían resultar hostís as enerxías renovables, que non contaminan, pero nos agreden coa súa fealdade. Xa non digamos as pasteiras, que ocupan miles de metros de ceo e terra co seu horror. Creo que era George Sand a que dicía que os ingleses non eran civilizados pola súa obsesión co progreso.

No nome do progreso imos perdendo a natureza. Habería que preguntarse se de verdade é necesario de calquera maneira, a calquera prezo. A estas alturas xa deberiamos saber que uns cantos postos de traballo non supoñen a riqueza absoluta, sobre todo porque as empresas, canto máis grandes, máis cartos públicos reciben. A rendibilidade obrigatoria só é un problema dos pequenos comerciantes. Para todo o demais, economía intervida.

Coa vista elevándose ás veces sobre os tellados, leo o ensaio «Perdiendo el edén», de Lucy Jones, unha periodista inglesa que escribe sobre o efecto da natureza en nós. Un montón de científicos buscan en distintos estudos as probas do que xa sabían pensadores como Thoreau ou Emerson ou séculos antes Virxilio ou o Damodara que escribiu en sánscrito sobre a felicidade que ofrece a vista dun vasto horizonte: a relación entre o ser humano e a súa contorna natural ten influencia no seu estado de saúde física, psicolóxica, emocional. Por iso os ricos miran sempre ao mar ou as árbores que crecen no seu xardín que se mide nas hectáreas que ocupan as roseiras. Deberiamos mirar ao campo, mellor un sen contaminar.

 


Comentar