Xosé Carlos Caneiro: «Son un escritor cancelado, pero téñome por afortunado e son feliz»
Fugas
O autor de Verín ultima a súa próxima novela mentres prepara a estrea de «A lingua somos todos», un novo espectáculo xunto co cantautor Emilio Rúa que arranca este outono
30 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Apenas tres meses despois de sacar ao mercado a súa última publicación en narrativa —Paraíso, la balada de las cuatro nueces— no forno no que se cociña a creatividade de Xosé Carlos Caneiro están cocéndose xa a bo ritmo outros dous pratos literarios. Un, en forma de novela; o outro dará sostén a un novo espectáculo poético musical formando tándem con Emilio Rúa que titulou A lingua somos todos. Este será o primeiro en saír á luz, neste mesmo outono.
—Está abonado aos recitais poéticos. Como explica que se cumprise xa unha década desde a súa última publicación nese xénero literario?
—En realidade, unha das cousas que máis me agrada dende sempre é recitar. Eu considero o meu bautizo como escritor precisamente cando recitei o meu primeiro poemario, unha publicación completamente pirata que fixeron uns amigos a base de fotocopias e grampadora. Titulouse cun verso de Eduardo Blanco Amor: O sorriso esculpido dos teus beizos. É certo que levo tempo sen publicar un libro físico de poesía e o público tenme por un narrador, porén eu sempre me sentín poeta. O que pasa é que non sinto a necesidade de plasmar nun libro físico, pero si o fago noutros formatos. Acabo de sacar un cedé con Emilio Rúa. Nos nosos espectáculos, o que intentamos é que a poesía non sexa unha cuestión de minorías senón de maiorías.
—E iso como se consegue?
—Demostrando que a poesía pode ser divertida, moi entusiasta e emotiva. Debe ser directa, chegar ao corazón e emocionar. Non ten que ser sempre melancólica e hermética. En Galicia temos unha tradición de poetas herméticos que é espantosa e que distancia á xente.
—Como vai «Paraíso, la balada de las cuatro nueces»?
—Os libros, unha vez publicados, deixan de existir para o escritor. Esa é a sensación que eu teño e, de feito, intento distanciarme deles o máximo posible. Sempre quedo cunha enorme insatisfacción por non poder corrixilos e reeditalos unha e outra vez. Eu son un constante inconformista e sempre quedo insatisfeito con todos os meus libros.
—Pero nese en concreto si que o fixo. Vostede recoñeceu que non é unha tradución literal ao castelán do primeiro «Paraíso», se non unha revisión.
—Si, pero agora mesmo reescribiría as dúas de novo.
—Aváncenos algo da novela na que está traballando agora.
—Que me estou divertindo moito. É a primeira vez que escribo sobre a actualidade, sobre política, sobre a autocensura que se está impoñendo no mundo da cultura e sobre o noxo que me causa o politicamente correcto. En definitiva, sobre a realidade social que estamos a vivir agora mesmo e que me preocupa moitísimo.
«A poesía non ten que ser sempre melancóica e hermética»
—Por que?
—Porque eu síntome máis apurado coas normas da corrección política que hai corenta anos. Daquela escribía con máis liberdade. Penso que estamos a vivir un tempo terrible para a cultura e o libre pensamento. Teño 61 anos, comecei a escribir a finais da década dos setenta e nunca vivín unha época máis censora que esta. O máis triste é que os que sempre falaron de tolerancia, refírome á esquerda, agora son os máis sectarios, os máis intransixentes e os máis intolerantes.
—Séntese máis limitado como creador hoxe que hai corenta anos?
—Non. Eu intento escribir con esa mesma liberdade porque o que non podo é traizoar a literatura na que creo para poder acadar máis público ou máis recoñecemento. Pero entendo que os máis novos, os que están empezando, teñan medo de ser afastados dos resortes do mundo cultural, se non seguen o politicamente correcto. Unha das cousas que máis me perturba en Galicia é o papel que xogan as grandes institucións culturais que son o Consello da Cutura e a Real Academia Galega.
—Vostede considérase excluído?
—Son plenamente consciente de que, cando te decantas por non seguir ao rabaño e ser un escritor inimigo do politicamente correcto, de contado te eliminan, desapareces. O mundo cultural en Galicia é nacionalista e socialista e tanto aquí como no resto de España chegouse á máxima de que a cultura ou é de esquerdas ou non é. Eu fun un nacionalista sentimental ata que abrín os ollos e me decatei de que o nacionalismo lle estaba facendo máis dano que ben a Galicia. E como sempre opinei libremente e ademais publicamente, seguino facendo. Nese momento, todos os afectos que eu tiña nese mundo quebraron. Deixaron de falarme, desprazáronme e déronme as costas. Hai moitos anos que me declarei conservador, católico e politicamente incorrecto e dende entón son un escritor eliminado ou cancelado que é o termo que se usa agora.
«Teño 61 anos e nunca vivín unha época máis censora que esta»
—Pésalle?
—Non me importa o máis mínimo. Considérome un escritor fracasado, pero téñome por unha persoa afortunada e son moi feliz porque teño unha familia marabillosa e amigos inmellorables e leais. Polo demais, sempre fun moi distante de todos os conciliábulos literarios, sexan de editoriais ou de autores. Por aí non me poden facer dano. Escribín nunha soidade absoluta, nunha vila pequecha, lonxe de todo o ruído comercial e dos círculos do poder literario. E nela sigo. Se hai moitos anos, cando me empezaron a traducir noutros idiomas, decidise marchar a Madrid, probablemente dende o punto de vista máis pecuniario da profesión iríame moito mellor. Dende esa faceta máis comercial da profesión literaria teño a impresión de que estes corenta anos foron un solemne e absoluto fracaso, pero tamén digo que fracasei con elegancia. Eu son un escritor absolutamente independente porque non me dediquei a isto para gañarme a vida. Son profesor. Non me importa ser cancelado e vou seguir dicindo o que penso.
—Non se queixará dos premios que leva acumulado.
—Fun multipremiado ata o 2000 ou algo máis. A verdade é que os meus libros sempre gozaron de críticas excelentes, hai persoas que se dedican a estudalos e mesmo hai unha tese de doutoramento sobre a miña obra. E teño a sorte de que os poucos lectores que teño son fieis e os ecos que eu recibo deles sempre son positivos. En canto aos premios, dende que cambiei ideoloxicamente, a miña repercusión como escritor tamén o fixo. Pasei de ser un autor marxinal a ser inexistente para o universo cultural.