La Voz de Galicia

Ortiga lanza novo disco: «Calquera festa dunha aldea de Laracha é mellor que a maioría das que se fan nos pobos grandes de España»

Fugas

CARLOS CRESPO

No seu terceiro disco, «Obra social», entrégase voluptuosamente aos ritmos máis bailados nas festas populares: o merengue, a cumbia e a bachata

04 Oct 2024. Actualizado a las 16:00 h.

Como ideólogo da verbena 2.0, gurú do torreiro e prescritor do neomerengue atlántico, preséntase Ortiga no seu novo disco, Obra social. Desta volta, Chicho enfía o traxecto co convencemento de quen se sabe na senda correcta, naquela póla que en verdade quere transitar. Por moito que nalgunhas cancións aínda escintilen timidamente faíscas de fogueiras prendidas nun pasado recente, os sinais deste fume son inequívocos. Ortiga reivindica e redignifica ese fascinante territorio emocional e sonoro que son as festas do pobo, entregándose voluptuosamente aos seus ritmos esenciais: o merengue, a bachata e a cumbia. E faino dende un respecto no que non hai lugar para a impostura e con total honestidade, mesmo incluíndo nas súas gravacións e agora tamén nos seus concertos un cuarteto de ventos. «Para este disco quería mellorar o meu son e introducir algún elemento máis de loucura. Así que dixen: ''Se quero merecerme o tratamento de merenguero ou cumbiero, teño que meter ventos reais''».

—Acostumado a ir só, resultouche complicado adaptarte a ter catro ventos detrás?

—Ía bastante preparado porque tiña claro que me ía meter nun cristo. O que non sabía era que o cristo ía ser tan grande. Houbo que preparar partituras de todo, adaptar as cancións anteriores, agora para ensaiar somos seis en vez dun... Pero pese a todo, compensa de longo cando escoitas o resultado final. Que cada vez se parece máis á xente que eu escoito e admiro.

—Que quen son?

—A referencia número un é Toño Rosario, un tipo que leva facendo merengue toda a vida, dende que tiña Los Hermanos Rosario, e que no 2024 segue sacando temazos. Tamén Omega el Fuerte, que é quen me meteu no mundo do merengue máis moderno. E despois, quen para min é autenticamente dios en la tierra é Juan Magán, un tipo que foi o creador de gran parte dos sons que se escoitan a día de hoxe no mundo latino.

—Está Ortiga no seu mellor momento?

—Penso que si. Eu gozo máis que nunca. Noto que teño a alegría e a ilusión intacta, como o primeiro día que me puxen a facer cancións. E, ao mesmo tempo, teño os coñecementos e a experiencia de dez anos compoñendo e tocando en concertos.

—Dalgún xeito, súmaste á revitalización da cumbia, que é un fenómeno case global.

—Si, hai moitos artistas a nivel mundial que están chegando á cumbia dende a música urbana. Pero eu chego dende ser instrumentista. Por iso creo que son un pouco máis chapado a la antigua. Dáme a sensación de que fago cancións máis parecidas a Los Hermanos Rosario, pero tuneadas coa estética de hoxe, que a Rosalía cando fai Despechá. Pero mira, por exemplo, agora mesmo Nathy Peluso fai temas de salsa ultraclásicos e á rapazada encántanlle. Se iso pode servir para descubrir música que che guste e que non sabías que che gustaba, pois xenial.

—E esa paixón polo merengue?

—O merengue é unha sorte de cravo ardente atemporal ao que sempre me podo agarrar. La dueña del swing moláballe aos meus tíos e La morocha gústalle aos meus amigos. Aí hai un fío condutor que eu levo mamando dende sempre e que sinto que me pertence.

—En Galicia temos unha cultura excepcional neses ritmos grazas ás orquestras.

—Total. Pasa, por exemplo, que agora mesmo todo o que ten que ver co tradicional está superreivindicado polos artistas, pero a verbena non tanto. E a min paréceme que é outro tipo de cultura que tamén nos pertence, que é nosa e que é tan reivindicable como a outra. Se cadra é porque eu si que estou nas verbenas e non no tradi. A min dame pena que a xente de Galicia non sexa consciente da importancia e do afortunados que somos por ter as verbenas e as orquestras que temos. Ti vas polo resto de España e as festas de pueblo son unha barra e un altavoz cun tipo poñendo música dende o móbil. Calquera festa dunha aldea de 30 habitantes da contorna de Laracha é mellor que a maioría das festas de calquera pobo grande de España.

—Ti fuches de «bicos furtivos detrás do palco da orquestra»?

—Home, quen non tivo algunha vez os seus máis e os seus menos nos palcos das orquestras? Nas verbenas a xente está embriagada de instintos. Eu penso que non hai ningún galego que non papase algunha vez nunha verbena.

—Pero as orquestras agora fan «medleys», antes chamábanlles pupurrís, de David Guetta ou Dua Lipa.

—Claro. É que o que importa é que a xente o pase ben. Que é algo que a min tamén me gusta moito porque, ao final, é moi galego. Pragmatismo puro y duro. Tamén é algo que eu intento meter nos meus shows. Si, fago merengues, pero tamén teño temas de electrónica ou de trap, para darlle un aire diferente e que non sexa todo o tempo igual.

—Ademais de Los Satélites, que gravaron contigo neste disco, cales son as túas orquestras favoritas?

—Coa Cinema quítome o sombreiro. Son uns rapaces novos que curran moitísimo e teñen nivel moi alto. Eu véxome bastante reflexado no sentido de que somos xente da mesma idade que queren ter un grupo e traballar o máximo posible.

—Se unha orquestra che invita a colaborar con eles, aceptaríalo?

—Buah! Para min sería un soño. Imaxínate..., compoñer dende cero un tema para cantalo coa Panorama, coa Cinema ou cos Satélites. Sería a hostia. De feito, o meu soño é cantar cunha orquestra detrás.

—Dis que non estás no «tradi», pero en «A raíz do toxo» anímaste a botar un «ailalelo».

—Digo que no tradi non, dende o respecto, no sentido de que eu non toco ningún instrumento tradicional nin case nunca fun a foliadas. Non vou bicar agora o escudo do tradi cando nunca estiven aí dentro. Pero eses versos sempre me pareceron a hostia así que dixen: «Por que non metelos nun merengue?». Pero sería unha ousadía pola miña parte dicir que por tomar eses versos prestados reivindico o tradicional.

—Sénteste cómodo na actual escena musical galega?

—Eu véxome xenial. A xente chámame para tocar, hai un montón de xente coa que me levo moi ben, coa que fago música e coa que teño un montón de sinerxías... E mentres poida seguir facendo música e estando tranquilo e contento... Para min isto é un soño. Eu sempre quixen vivir da música e poder facelo dunha forma independente é un regalo. Un regalo que o traballo todos os días, pero que máis podo pedir?

—Xa tiñas adiantados varios temas deste disco, así que iImos falar dos novos. Que me contas de «Como ti queiras»?

—Ese tema é una homenaxe ao trap, porque sinto que é o movemento estético que máis me inflúe despois da música latina. Eu que son merenguero e trapero dixen «teño que facer un merengue con esa estrutura tan típica do trap de coller unha frase e repetila 45 veces». E aí está.

—«Andiamo fare la bossa nova».

—Italia mólame moito e teño a sorte de ter alí colegas e ir con frecuencia. E cando estou alí falo no meu itañolo e eles rinse. Así que dixen «joder, pois estas frases molan», e fixen unha especie de collage con frases que xurdiron durante unha fin de semana de festa por Roma cunha base musical entre o italodisco e o latin house. Esta canción metina tamén porque me apetecía romper un pouco a dinámica do disco, que non fose todo cumbia e merengue.

—«Cumbia vertical».

—Esa fíxena a raíz dunha viaxe que fixen cun colega que é escalador. É a canción do disco á que máis voltas lle din. Graveina hai un ano e volvín ao estudo 50 veces ata que dixen «agora está guai».

—«Quinta dimensión».

Quinta dimensión e Fin de semana, que van como un pouco unidas, son as dúas primeiras cancións que fixen para este disco. Fíxenas estando pechado, a finais do 2021, a primeira vez que collín o covid. E foi coas que vin claro a liña que quería seguir. Dalgún xeito, digamos que eses dous temas son os que conectan o anterior disco con este.

 

—No disco hai moitas cancións de amor...

—Xa o di Rodrigo Cuevas en Allí arribita: le puedes cantar al amor o a la libertad. Punto. É o que hai. É así.

—Ti nalgún caso tamén lle cantas ao sexo, ás drogas...

Libertad (ri). É o que é.

 


Comentar