La Voz de Galicia

Unha fuxida con Cuba e Nova York de fondo

Fugas

Ramón Nicolás

08 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Gustei moito, xa en afastados días, da lectura daquel A nosa cinza (1980), hai pouco adaptada con fortuna ao formato de novela gráfica por Manuel Cráneo e, ademais, incorporado agora como segundo volume da colección Xavier Alcalá: proxecto que botou a andar Galaxia hai escasos meses e que estrea este libro: A capital do mundo.

Un admirou de sempre o pulso e o alento de Alcalá na construción de proxectos, sexan estes curtos ou de longo alcance, como testemuña a memorable triloxía Evanxélica Memoria esgotada hai xa algún tempo. Propostas todas elas merecentes dunha excepcional acollida como demostran tanto o número de exemplares postos en circulación como a propia recepción crítica. Ofrécesenos agora, así pois, a primeira entrega dun díptico que se presenta baixo a denominación xeral de Mayimbes: cubanismo que designa aos dirixentes ou persoas que desempeñan altos cargos nalgunha institución ou colectivo, onde descansa certo matiz semántico pexorativo.

Neste libro, como noutras ocasións, Alcalá exhibe un fluído, documentado e experimentado pulso narrativo —non se entendería doutro xeito— para debullar unha historia que vén sendo un relato dentro doutro relato e que nace ao abeiro dun adulterio que implica a fuxida dunha muller no ano 1957. Lémbrese que, durante o franquismo, volveu tipificarse o delito de adulterio con pena xudicial só aplicable ás mulleres, ao tempo que aínda se reactivaba o «uxoricidio por honor» cun castigo para quen o cometera, como máximo, de desterro. Este é o contexto que impulsa a Nieves Ocampo a fuxir a Nova York, cunha parada previa na Habana, de maneira que asistimos a un escenario onde, tal e como Mariana realizara na amentada Verde oliva (2012), Nieves será, a través da voz de Henrique, hábil xornalista e escritor, quen nos deseñe os vimbios podrecidos da ditadura de Batista que preludian os días da revolución revelando, sobre todo, os anos previos da protagonista: a súa contorna familiar, os espazos que percorreu ao longo dos seus anos infantís e de mocidade ata desembocar nun periplo vital que completará case tres decenios de vida a cabalo entre Nova York e Cuba, o que preludia ademais moito aínda por ler e coñecer.

 


Comentar