La Voz de Galicia

Pakolas: «O máis difícil de traballar con nenos son os pais»

Fugas

CARLOS CRESPO

É o gran embaixador do rock infantil galego, xerador de grandes doses de ilusión, maxia e tamén de conciencia, a golpe de guitarrazo

27 Dec 2024. Actualizado a las 22:25 h.

Leva 20 anos Paco Cedeira dedicado á música infantil. Formou parte de Mama Cabra, ata que no 2014 fundou A Gramola Gominola, formación que aínda combina co seu proxecto persoal de rock infantil: Pakolas. Entre unhas cousas e outras, vai rematar o ano cunhas 250 funcións, ás que lle hai que sumar os concertos con Zënzar, banda da que é guitarrista.

 

­—Galicia é unha potencia en canto a espectáculos infantís. A que cre que se debe?

—A varias circunstancias que aconteceron aquí. Empezando pola época do Xabarín. Despois, tamén axudou moito o fenómeno dos libro-cedés, no que fomos pioneiros.

—Algo que sempre se destaca dos espectáculos infantís galegos é o seu rigor e calidade, tanto a nivel de concepto, como produción, linguaxe, música...

—Eu fago espectáculos para persoas. Que teñan pouca idade non significa que non poidan gozar. É un gran erro tratar aos cativos con condescendencia ou como se fosen parvos. Eu fago a música dos meus espectáculos exactamente igual que se fose para adultos. De feito, hai pezas de Zënzar que foron feitas inicialmente para Pakolas.

—No teu caso aínda máis difícil porque propós unha música que, «a priori», non casa coas tendencias, como é o rock.

—Vouche dicir a mesma frase que dicía Thanos, o malo de Marvel, pero aplicada a este caso: o rock nin vive, nin morre, nin resucita. O rock é inevitable. Todo son ciclos. É certo que a xente que se dedica ao rock estase a queixar porque estamos en tempos baixos para o xénero. Pero xa volverán. Porque, como che digo, é inevitable.

—Como o reciben os nenos?

—Marabillosamente. Antes de facer rock para nenos, con Mamacabra facía un tema, a Muiñeira tecnopunki, na que ao carón da gaita eu metía unhas guitarras con distorsión. E os nenos saltaban das butacas. Encantáballes. A rapazada ten que escoitar música de todos os paus, pero está claro que o rock and roll lles mola.

—Que é o máis difícil de traballar con nenos?

—Os pais [ri]. E fíxate que non digo as nais. Os pais, cando levan aos cativos aos espectáculos o que tiñan que facer é participar con eles, e non estar a falar cos outros pais e facer barullo.

—Á hora de definir estes espectáculos hai como un certo tabú a citar a palabra infantil. A ti como che gusta chamalos?

—Eu non teño problema en dicir espectáculo infantil, pero gústame máis chamalo familiar. Por un motivo, porque me encanta ver como os pais e as nais participan cos cativos. Iso é superbonito.

—Din que traballar con nenos é a mellor escola que hai, que che prepara para todo.

—Non sei se é a mellor escola ou non. O que sei é que como público, gústame máis a rapazada que o que me toca nos concertos para adultos.

—Os rapaces non teñen filtros. Se nos lles mola o que ven, desconectan de inmediato.

—Non sei, nunca me pasou [ri]. Nos espectáculos infantís tes que manter sempre certa tensión. Ademais da música, eu levo moitos elementos que xeran tensión: unha maquiniña do tempo que saben que nalgún momento vou acender, unha nave espacial que nalgún momento vai voar... Todo iso fai que estean atentos agardando ver en que momento suceden as cousas.

—As túas cancións, os teus libros e os teus espectáculos levan sempre unha notable dose de compromiso e concienciación.

—Para min a transversalidade é importantísima. Nestes tempos é esencial concienciar á rapazada de moitas cousas. Sobre todo, da ecoloxía. Por exemplo, o meu último traballo é para dar a coñecer a agricultura ecolóxica e ensinar a identificala.

—Que outras mensaxes che gusta facerlles chegar?

—A min gústame que imaxinen cousas e que vexan que se poden facer cousas divertidas con material de refugallo. De feito, a maioría dos elementos que levo a escena están feito por min a partir de cousas reutilizadas. Grazas a esa potenciación do maxín, o que eles vaian interiorizando agora, se cadra desenvólveno no futuro.

—Varios dos teus espectáculos xiran arredor de Ramona. Ata que punto é importante ter un personaxe protagonista?

—É moi importante porque se converte nun fío condutor. Cando ti tes iso, todo vai máis fluído. Eu noteino. No meu primeiro espectáculo falaba de moitos animais pero non había un fío condutor. E si, o espectáculo funcionaba. Pero cando estreei a primeira función de Ramona decateime de que a ela os nenos atendíana máis.

—Que é o máis gratificante de traballar con nenos?

—Dicía miña avoa que non hai cousa máis linda ca o sorriso dun neno ou dunha nena. Pois iso, ver que boten unhas risas, a min, a verdade, é que me enche bastante.

—Convértente en neno outra vez?

—Non, eu xa son así [ri]. Nunca abandonei a miña nenez. Ben, ao mellor algún tempiño con algunha moza, si que a abandono. Pero despois sempre volvo a ela. A min sempre me gustaron moito os xogos, os xoguetes e facer cousas de nenos.

 

Un nadal cheo de música para os máis cativos: outras propostas

Así como o verán é a temporada alta para as orquestras ou para os artistas e grupos de pop, de rock ou de electrónica, para os músicos que traballan con «xente miúda» son estas datas de Nadal as que acumulan maior volume de faena. E iso, no caso de Galicia, é moito dicir porque a nosa comunidade é unha potencia no ámbito dos espectáculos musicais familiares. Que contan, ademais, cun estilo propio, afastado das estéticas, dos conceptos e das músicas máis ao uso noutros territorios. «Está ben que haxa Frozen ou Cantajuegos, pero os nenos teñen que ter outras opcións tamén», ten dito Uxía Lambona. Opcións que cada vez son máis escollidas polos pais «porque se decatan de que tratan aos nenos con respecto e como un espectador que hai que ter en conta». E esa é unha das máximas compartidas por todos os protagonistas desta escena, que foxen dese erro tan común noutros artistas de pensar que facer cousas para nenos é un xénero menor. Por certo, Uxía Lambona e a Banda Molona estará o día 30 ás 12 do mediodía no Porriño. Un dos máis activos nestas datas é Pakolas, que aposta por un Nadal rockeiro. Podes atopalo o 27 de decembro na Guarda, o 28 en Mañón, o 29 en Salceda, o 30 na Coruña, o 1 de xaneiro en Poio, o 2 en Redondela, o 3 e o 5 en Ordes e o 4 en Santiago. A Gramola Gominola, banda da que tamén forma parte Pakolas, estreou este Nadal novo espectáculo, Aí vén o Apalpador, que presentarán o 4 de xaneiro en Compostela e o 5 en Ordes. Ademais, o 28 de decembro achegarán a Ourense outra das súas montaxes, As que máis molan da Gramola Gominola.

Paco Nogueiras sostén que en Galicia hai tanta calidade no ámbito da música infantil, porque a maioría dos que agora están traballando coa xente miúda teñen unha longa traxectoria musical noutros ámbitos. El mesmo formou parte da Orquestra Os Modernos e de varios grupos de folk. Nogueiras tamén ten unha intensa axenda nestas datas que, en decembro, inclúe actuacións en Lugo (27), Vigo (28), A Estrada (29), Foz (30) e Redondela (31). O 2 de xaneiro actuará en Ribeira e o 3 en Culleredo.


Comentar