Asedio literario ao acoso escolar
Fugas
10 Jan 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Ás veces, os focos de atención literaria que revelan a presenza de determinadas voces van asentándose no tempo; ás veces, hai circunstancias que son froito da insistencia e do traballo, tamén do talento persoal claro é, que poden converter uns meses nunha sorte de rodopío instalado nas publicacións que precisamente nun período curto de tempo, ven a luz. O caso de Raquel Fernández ha ser un que se engade a este último grupo: en poucos meses viu publicada en Galaxia a súa primeira novela de público xuvenil: Contas de buxo e tamén I'm Obélix que, ademais, resultou galardoada na décimo sexta edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Desde un punto de vista literario este é, sen dúbida, un texto ben construído, dono dunha arquitectura coral e meditada; ao mesmo tempo áxil e de doada lectura grazas a priorizar a mensaxe diante doutras posibles esixencias. Aclaremos que a novela está dominada por un afán de verosimilitude e recrea como un rapaz de 13 anos recibe unha diagnose de TDAH no momento en que comeza o curso do instituto. É aí, no seu día a día, onde comezan a agromar os problemas de parte da vítima, o profesorado e o alumnado. Este é o aspecto, a súa temática, onde a novela precisaría algún puído pois ás veces emerxe unha crónica, e non sei se ben balanceada, duns acontecementos que se sitúan nun centro público de ensino de secundaria onde, ao meu ver, será no acoso escolar onde se sitúe o foco de atención principal e non precisamente no neno que sofre TDAH. En I'm Obélix falta, paréceme, unha visión desde dentro, isto é, desde o territorio onde se dan os conflitos. A meu ver, todo se deseña desde fóra para construír unha suposta atmosfera verista e nela medran certos tópicos e estereotipos. Sospeito, aínda así, que a persoas alleas ao mundo docente a proposta talvez lles suxira outra valoración. Malia ser consciente, e talvez por iso, de que se recrea un problema serio e real, falla a construción dun decorado que mesmo pode contribuír a estender clixés e trivialidades que pouco favorecen a comprensión do acoso escolar. Asumindo mesmo que é ficción, claro, cun evidente afán de denuncia pero na que se cadra o zoom co que se opera merecería outro axuste.