La Voz de Galicia

Vero Boquete, Borja Iglesias, Diego López e Tere Abelleira, este martes nas xornadas online da Federación Galega de Fútbol

Futbol gallego

SANTIAGO LA VOZ

A cita comezará ás 19.30 horas e será retransmitida en directo na canle oficial de Youtube

11 May 2020. Actualizado a las 18:43 h.

Paco Jémez, Miroslav Djukic, Eusebio Sacristán, Sergio González, Pitu Abelardo, José Luis Mendilibar, Óscar García, Fernando Vázquez, Curro Torres, Bruno García, Miguel Rodrigo, Jesús Velasco, Jorge Braz, Rubén Albés, Rafa Sáez, Luis Carro, Toña Is, Manu Sánchez, María Pry, Diego Martínez e Unai Emery, Luis de la Fuente e Asier Garitano, Héctor Souto e Juanma Marrube. Os seguintes: Vero Boquete, Tere Abelleira, Diego López e Borja Iglesias.

O Comité Galego de Adestradores e o Departamento de Comunicación da Real Federación Galega de Fútbol volven á carga este martes día 12 de maio e apostan por primeira vez por futbolistas galegos/as de primeiro nivel. Así, os/as seguintes en desfilar polas Xornadas Online serán catro profesionais de primeira fila como son a nosa xogadora máis internacional, Verónica Boquete; unha das perlas do fútbol feminino nacional, a xogadora do RC Deportivo Abanca Teresa Abelleira; o porteiro do RCD Espanyol Diego López; e o dianteiro do Real Betis Borja Iglesias. A cita será este martes día 12 de maio a partir das 19.30 horas na nosa canle de Youtube e a través de Facebook Live.

Vero Boquete é a compostelán máis internacional. As portas do Rio Tinto, o estadio de Utah Royals, abríronse o ano pasado para recibir á súa gran fichaxe: Vero Boquete. A futbolista galega, que chegou por primeira vez a Estados Unidos en 2010, uniuse en 2019 ao equipo cun obxectivo ambicioso: conquistar o título da National Women' s Soccer League (NWSL), que se lle escapou en con Philadelphia Independence en 2011 tras caer nos penaltis. Estados Unidos foi o seu país talismán.

Tere Abelleira, unha das perlas do fútbol feminino nacional foi clave para ascender ao Deportivo á Primeira Iberdrola e, xa na máxima categoría, está a consolidarse como a xogadora revelación da máxima categoría. A pesar dos seus 20 anos, Teresa Abelleira acumula xa unha ampla experiencia internacional. Foi subcampioa de Europa Sub 17 e campioa de Europa Sub 19.

A Diego López, un mozo dunha aldea de Lugo, Paradela, preto de Sarria, o fútbol cambioulle a vida. Aos 38 anos, este gardameta, que chegou a ser internacional e xogou no Real Madrid (durante dúas etapas), o Vilarreal, o Sevilla e o Milan, remata esta campaña contrato co RCD Espanyol.

Borja Iglesias, disposto a facer historia no Real Betis. Naceu en Santiago un 17 de xaneiro de 1993. Empezou nisto do fútbol no colexio. No seu caso foi no colexio La Salle de Santiago de Compostela. Con 14 anos, tras un campionato de seleccións autonómicas, tomou unha das decisións máis importantes da súa vida: deixar a súa terra para probar sorte na outra punta de España en busca dun soño. Tras o seu paso por Valencia e Vilarreal voltou a casa da man do RC Celta, onde se converteu no máximo goleador histórico do filial. En Zaragoza (23 goles) namorouse e o RCD Espanyol (20 goles) permitiulle cumprir o soño de xogar na elite. O 14 de agosto de 2019 o Real Betis abriulle as portas.

 En directo en Youtube

A xornada online "Falemos de Fútbol desde casa con Vero Boquete, Tere Abelleira, Diego López e Borja Iglesias" comezará ás 19.30 horas e será retransmitida en directo na canle oficial de Youtube da Real Federación Galega de Fútbol.


Comentar