«En adiante imos repetir os festivais que funcionaron mellor no Xacobeo»
Galicia
05 Dec 2010. Actualizado a las 02:00 h.
A 26 días de que peche a Porta Santa e remate o ano xubilar 2010, o titular de Turismo na Administración Feijoo mira cara atrás orgulloso polo traballo «ben feito» nestes 11 meses e, ao tempo, bota a vista á fronte esperanzado. Arela que o Xacobeo non sexa lembrado como un «fogo de artificio illado», senón que constitúa o inicio dunha próspera etapa de estabilidade para un sector que xa supón o 14% do PIB galego.
-Vai alá o Xacobeo, practicamente. ¿Que balance fai?
-Foi extraordinariamente positivo, superou as nosas expectativas. Batéronse practicamente tódolos récords históricos de visitantes, de viaxeiros, de peregrinos? E fixemos actos culturais en toda Galicia cun índice de asistencia fantástico e unha calidade sen discusión.
-Ata outubro, Galicia recibira 8,2 millóns de visitantes. ¿Con cantos ha de rematar o ano?
-Preferiría non ter que dar unha cifra. Superado o obxectivo dos oito millóns, xa nos podemos dar por máis que satisfeitos.
-O momento estrela foi?
-Dous: a Festa dos Mundos na Coruña, que foi moi especial, absolutamente irrepetible, e a estrea da ópera Parsiphal.
-¿E a decepción?
-Levei un pequeno desgusto cos concertos gratuítos, especialmente, con dous: o de Carlos Núñez no Obradoiro, porque houbo unha reacción por certa parte do público, para min, absolutamente inaceptable e que estragou en certa medida un momento histórico; e o de Arcade Fire, no que, por unha situación xerada de certo pánico, de medo, o Monte do Gozo non chegou a encherse, como me tivera gustado e como merecía o grupo.
-Remata un ciclo de 11 anos no que houbo tres Xacobeos (1999, 2004 e 2010) e comeza outro de igual duración, ata o 2021, no que non haberá ningún. ¿Teme que sexa unha sorte de longa noite de pedra?
-Iso é o que estamos intentando evitar a toda costa. ¿Como? Seguiremos traballando como ata o de agora no Camiño de Santiago, que é a pedra angular do turismo de Galicia, e seguiremos facendo programación, por así dicilo, especificamente xacobea.
-Logo, máis alá do Sonar, ¿reeditarán no 2011 e en adiante festivais como os de este ano?
-Eu asumín o compromiso de que o Xacobeo 2010 non fora un acto anual, un fogo de artificio illado, sen continuidade, e o vou cumprir. Evidentemente, cando corren estes tempos e con orzamentos moi inferiores, en adiante non podemos repetir todo o que pasou nestes meses, pero si repetir aquelas propostas que funcionaron mellor: o caso do Sonar na Coruña, un festival en Vigo, outros no Monte do Gozo?
-Tamén para o 2011 están a negociar voos internacionais coas aeroliñas. ¿Pecharon xa algún acordo de patrocinio?
-Estamos a piques de pechar algún, pero agora mesmo non o podo revelar. O obxectivo é repetir o mapa de rutas do 2010 ou conseguir un mesmo mellor que aquel, e cun orzamento 1,5 millóns inferior.
-¿Descarta amplialo en caso de necesidade, xa que logo?
-Isa é a cantidade orzamentada, si. Pero cómpre lembrar que os aeroportos non son competencia da Xunta, senón do Goberno central, e que os concellos deberían complementar o noso esforzo neste eido, que son dous realmente: o turístico e o da mobilidade.
-¿Poderían esas negociacións dar como froito a implantación dunha nova compañía aquí?
-Estamos en contacto con todas, coas que estaban xa e con algunhas que non e poderían facer voos suplementarios.
-¿E con que prazos traballan agora?
-Pois a toda présa, cos máis curtos posibles, porque as compañías necesitan pechar as súas programacións da vindeira tempada e porque xa perdemos tempo dabondo para nada.
-¿Pagou a pena realmente embarcarse no frustrado invento do comité de rutas?
-Lamento que non chegara a bo porto. Os alcaldes, algún deles nomeadamente, non adoptaron aí a actitude correcta, penso; deberían traballar máis pensando en Galicia e menos nos localismos. Un non pode chegar a unha mesa e dicir: «Non poño nada, pero quero tanto».
-¿Pensa, como a súa secretaria xeral de Turismo, que Ryanair extorsionou á Xunta?
-Non. No fragor do Parlamento ás veces dinse cousas que non se corresponden co que un pensa en realidade estritamente. Tamén creo que, si, Ryanair ten unhas técnicas negociadoras de moita presión para obter os mellores resultados no menor tempo posible.