«Mentres a situación económica siga así, no Gaiás non se construirá nada»
Galicia
23 Oct 2011. Actualizado a las 06:00 h.
Dous anos e medio despois de asumir o cargo de conselleiro de Cultura e Turismo, a Roberto Varela (Meaño, 1959) xa non lle obsesiona, ao contrario que daquela, poñer unha data de remate ao complexo do monte Gaiás, que consta de seis edificios: un par xa en funcionamento, outros tantos a piques de ser inaugurados e dous máis que, un inexistente e o segundo en cimentos, se atopan paralizados. De feito, non desbota que o recinto quede así, inconcluso, por sempre.
-Os Orzamentos da Xunta para o 2012 non destinan un só euro a construír os dous inmobles que, valorados en 175 millóns, quedan pendentes do proxecto do Gaiás. ¿Que van facer con ambos a medio e longo prazo?
-Nada. Polo menos nesta lexislatura, non vamos facer nada. Mentres a situación económica siga así, nesta tesitura, dende logo alí non se vai facer absolutamente nada novo. Vamos concentrarnos nos catro edificios que xa están rematados ou ben a piques de estalo. E os outros dous continuarán pospostos ata que chegue un tempo que permita plantexar a reflexión de continualos ou non. Polo de agora, temos pechado un acordo [de paralización coas contratistas] ata o 2014 e, ata entón, non imos tocar nada de ningún dos dous.
-Xa que logo, ¿valoran retomalos no 2014 ou non?
-Non, non. Non estamos a falar de retomar os edificios entón, senón de iniciar unha reflexión sobre se procede ou non continualos. Mentres a situación económica siga así, alí non se vai a construír nada.
-Iso é algo indefinido, ¿non si? A Xunta non renuncia a facelos nin tampouco ao contrario...
-A Xunta, polo de agora, concéntrase no que hai feito porque o seu obxectivo é poñer iso a funcionar e consolidalo. O oco dos edificios por construír sempre estará aí e chegará un momento en que se poda reflexionar sobre esa posibilidade de facelos. Pero ese momento non existe agora nin vai existir nos próximos anos. Este Goberno non vai a facer nada que a xente non entenda, nada que os galegos consideren que non se deba facer. Nesta lexislatura non se vai a plantexar nin a reflexionar nin a debater a construción de futuros edificios.
-¿Que opinan diso as contratistas de ambas obras? ¿Non esixen nada a cambio da situación á que se están a enfrontar?
-Polo de agora, chegamos coas empresas a un acordo provisional ata o 2014 no que non se contempla ningún tipo de penalización. No 2014 teremos que falar e ver cal é a situación: se seguimos ou non, se cancelamos ou non... Pero esa non é unha decisión que debamos tomar agora. Agora temos que vivir no momento actual. Porque hoxe non sabemos cal será daquela, nese futuro, a situación política, a cultural nin, sobre todo, a económica. Nin tampouco cal será a relación do Estado co proxecto, a súa posible participación...
-¿Como vai quedar ese espazo, o solar baleiro, namentres?
-Valado, para que non supoña ningún tipo de perigo para o público dos outros edificios.
-Un dos primeiros compromisos que vostede asumiu ao comezo da lexislatura foi, en relación co Gaiás, o da transparencia no gasto. ¿Canto se leva gastado alí a día de hoxe exactamente?
-Case 300 millóns de euros.
-E, excluídos eses dous edificios paralizados, ¿en canto quedaría así a factura final logo?
-En 300.
-E, de agora en adiante, cos catro edificios xa en marcha, ¿cal vai ser o custe anual do recinto para as arcas públicas?
-Hai que distinguir os gastos de mantemento e persoal, que ascenderán a uns cinco millóns, dos gastos de funcionamento ou programación. Pero entre un 80 e un 90 % de esa segunda parte será financiada polo capital privado a través da Fundación Gaiás. É unha cifra, penso, razoable e que a consellería pode permitirse. Para a viabilidade da Cidade da Cultura é moi importante que traballemos, como xa vimos facendo, coa empresa privada. Cunha cantidade mínima de fondos propios, alí haberá durante todo o ano que ven actividades a diario. Iso, para min, é un dos grandes éxitos da miña xestión. Así o digo.
-¿Nunca van cobrar por nada?
-Si, por alugueres de espazos e polo acceso ao museo cando comecen as exposicións. Serán cantidades pequenas e haberá excepcións con nenos, con maiores, os domingos... pero si imos cobrar. Non todo pode ser gratis xa. A xente non pode ver, non debe ver, normal pagar 200 euros por ir ao fútbol e non 3, 5 ou 6 por visitar unha exposición.
-¿Cando abrirán ese museo?
-O 2 de novembro abrirá, de balde e con reserva previa, para que as visitas guiadas podan coñecer o edificio, a arquitectura. Logo, cara maio, inauguraremos unha grandísima exposición sobre a historia de Galicia a través da pedra, dende os castros ata os nosos días. Xa despois, queremos facer unha segunda sobre o coleccionismo privado galego, reunindo pintura e escultura das caixas de aforros, de bancos, de particulares... A partires de aí, o director do museo, ao cal nomearemos por concurso internacional, será o que faga a programación do mesmo.
-¿Que hai de aqueles contactos para entrar nos grandes circuítos expositivos do mundo?
-En novembro traeremos a un foro no Gaiás a responsables do MoMA, do Guggenheim, da Biblioteca de Alejandría, do Niemeyer, do Smithsonian, do Barbicam, do IRCAM... Ese será o momento de presentar o Gaiás ao mundo e poñelo no circuíto.
-¿E o famoso Plan Gaiás?
-O Plan Estratéxico Gaiás presentarase en xaneiro, non en novembro polas eleccións, e fixará a filosofía e o contido da Cidade da Cultura. Céntrase só nos edificios que xa hai e contén á súa vez catro plans: un de acción cultural, un de márketing e comunicación, un de explotación e outro de participación privada. Marca as pautas de traballo e a estratexia empresarial.
roberto varela fariña conselleiro de cultura e turismo