La Voz de Galicia

Dominio público

Galicia

Victoriano Urgorri Victoriano Urgorri

21 Mar 2012. Actualizado a las 07:00 h.

En 1987, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda encargou un estudo para elaborar un plan de saneamento para cinco sistemas de rías galegas (Ferrol, A Coruña, Arousa-Umia, Pontevedra e Vigo) e un cuarto de século despois estamos a velas vir. Xa daquela, a situación ambiental das rías non era doada. Agora a situación é catastrófica, ao menos nas rías de Ferrol, O Burgo e Vigo. De nada vai servir a expedición de eurodeputados a Galicia para comprobar os efectos da contaminación, que son de dominio público. A razón principal é un problema de políticos, non da política. Mentres fagan as cousas con impunidade e sen responsabilidade, imos de improvisacións en chambonadas e viceversa. O caso da ría de Ferrol é exemplificante. Hai xa catro anos que se rematou a estación de bombeo de A Cabana e un pouco despois o túnel que levará as augas fecais. E, polo que sei eu, xa está listo o emisario submarino. Semella que xa todo pode funcionar. ¡Pois non! Para que todas as instalación funcionen necesítanse os colectores que leven as fecais ata a estación de bombeo. A obra dos colectores é de recente adxudicación e nin eles saben cando estará rematada. ¿Como se pode planificar a depuración da ría por entregas? ¿Tivo mantemento a estación de bombeo nestes anos? ¿O ten a EDAR entrementres non funcione?, e unha afirmación: a expedición de eurodeputados tiña que depurar responsabilidades. Para o demais só é preciso achegar o fociño a calquera ría.


Comentar