Susana López Abella: «Algo falla cando hai 1.121 ordes de protección a mulleres nun ano»
Galicia
06 Jan 2013. Actualizado a las 07:00 h.
Pese ao recorte orzamentario, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, asegura que as contas do seu departamento mantéñense na loita contra a violencia machista.
-¿Que vai pasar no 2013 cos orzamentos de Igualdade?
-En algo que nos preocupa tanto como a loita contra a violencia de xénero hai liñas de actuación onde se mantén ou aumenta o orzamento no 2013. As axudas económicas ás vítimas mantéñense, e aparecen como crédito ampliable por se se precisa, e a asistencia social integral sube un 3,36 % respecto ao 2012.
-¿Que demanda unha muller cando decide denunciar?
-Información, porque moitas veces están desorientadas. Cando se deciden a dar o paso é moi importante o seu círculo de familia e de amizades. Primeiro está o teléfono de atención a mulleres, un primeiro contacto, e logo os centros de información, os CIM, en colaboración cos concellos, onde xa hai apoio xurídico e psicolóxico.
-Baixaron as vítimas mortais en España, pero Galicia presentou unha mala estatística no 2012.
-Foron catro mulleres asasinadas, non existe explicación. Hai anos tráxicos, pero temos que seguir traballando na sensibilización da sociedade, e nas idades máis temperás, unha das nosas preocupacións.
-¿Que falla?
-Moitas cousas, cando tivemos catro mulleres mortas e 412 vítimas de violencia de xénero que son perceptoras de axudas. Dende o 1 de xaneiro do 2012 ata o 27 de decembro ditáronse 1.121 medidas de protección, co cal algo falla. Estamos traballando nunha enquisa sobre a percepción deste tipo de violencia en Galicia, porque para dirixir ben as políticas de erradicación é fundamental coñecer o sentir da poboación. A veces é un fallo de coordinación, así que hai que blindar a protección das vítimas.
-¿A crise diminúe as denuncias?
-Estamos nas mesmas cifras en ordes de protección.
-¿Hai un perfil de maltratador?
-Hai estudos a nivel estatal e mesmo europeo onde se insiste que non hai perfís determinados de agresores, nin responden a unha capa social ou a unha relación con alcol e drogas.