«Os escraches son unha defensa dos cidadáns que son agredidos»
Galicia
Tacha de «nazinecios» aos que criminalizan ese tipo de protestas
21 Apr 2013. Actualizado a las 07:00 h.
Aos 77 anos, Xosé Manuel Beiras inicia a que pode ser a súa terceira vida política, logo de fundar o PSG en 1963 e o BNG en 1982. Agora tócalle a Anova, a forza que hoxe celebra a súa primeira asemblea nacional coa vocación de ser o vehículo político da indignación social. Porque como Galeano, Beiras tamén é dos que na sociedade distingue entre indignados e indignos.
-¿Que quer ser Anova?
-Ten que ser o que queira a xente que a está configurando dende o 14 de xullo pasado. O que a min me gustaría é que os nacionalistas de esquerdas tivesen en conta que hai que actuar en dous eixos cardinais: por un lado, a cuestión nacional galega e, por outro, a esquerda social. O ultraliberalismo aínda sigue dominando e por iso a cuestión nacional ten que xogar moi combinada co outro eixo.
-Xa, pero ¿quer ser máis soberanista ou máis de esquerdas?
-Hai un marco xurídico político e nel Galicia é unha nación dentro do Estado español que, á súa vez, é un protectorado da Unión Europea. Por iso temos que operar en varios espazos superpostos, pero nos que Galicia é o centro de gravidade.
-¿Vese a si mesmo coma un antisistema, un rupturista?
-Si, no fondo sempre o fun. E radicaliceime co tempo.
-¿E qué opinión ten dos escraches?
-Os escraches son unha defensa dos cidadáns que son absolutamente agredidos, e persoas como De Cospedal fan o que facían os nazis, que criminalizaban aos xudeus cando os xudeus eran os agredidos. Son nazinecios: danlle a volta á situación para tentar aliñarnos.
-¿Non lle parece eticamente reprobable que nunha democracia se leve a presión ata os domicilios particulares?
-Non, en absoluto...
-Pois Pachi Vázquez xa tivo que aguantar unha protesta diante da súa casa e a vostede poden irlle montar unha á Reboraina.
-Claro que me pode pasar, pero a diferenza é que se o fan serían uns fachas. Mire: hai xente que a sacan das casas a rastro coa policía mallando neles e nos que se solidarizan con eles. Non podemos considerar a violencia polo mesmo raseiro, hai que establecer unha fronteira.
-¿Daquela hai violencia que se pode xustificar?
-Vou a Albert Camus, un pacifista a tope, que nos anos da Francia ocupada escribíalle a un suposto amigo alemán que tivo que aprender que, ás veces, a razón sen a espada non pode nada fronte á forza da espada, pero que a forza da razón combinada coa espada é segura vencedora.
-Pois tece unha franxa moi feble entre violencia e non violencia.
-Non, porque a violencia revolucionaria non é o mesmo, só se exerce excepcionalmente para restablecer a non violencia.
-¿E se os afectados polas preferentes sacoden a empregados da banca á saída do traballo, iso é violencia revolucionaria?
-Se fan iso, diríalles que non se trabuquen de inimigo. Esa é a responsabilidade política da esquerda: orientar a pulsión da rebelión que haxa na cidadanía
-¿Qué sensación lle chega dende o novo BNG de Vence?
-Chégame o desexo do propio Xavier Vence de falar, pero non axudan as invectivas que cadros moi sabidos do BNG lanzan cara a nós, que raian na difamación.
-¿A que se refire?
-Ao discurso de Guillerme Vázquez na última asemblea, que foi unha descarga contra nós, ou a que Pilar García Negro diga en V Televisión que fixemos a campaña con fondos de alcaldías usurpadas ao BNG, cando fixemos todo con catro cadelas. Ningún nacionalista podemos ignorar ao BNG, pero esas actitudes invalidan o entendemento.
Beiras fai unha valoración do Goberno de Feijoo, do futuro de AGE e os posibles herdeiros.
-¿Qué valoración fai do Goberno de Feijoo?
-Cando empezou a gobernar dixen que era unha brigada de demolición do país, e agora é aínda peor. O verdadeiro crime é que os apoleirados nas institucións utilicen o autogoberno para todo o contrario do que naceu. Dalgún xeito son criminais que perderon a lexitimidade, aínda que teñen a legalidade.
-Falou algunha vez de moción de censura contra Feijoo: ¿é útil ou hai que deixala aparcada?
-Pode ser útil, non a descarto, pero dependería de que os tres grupos da oposición, non só AGE, chegáramos á conclusión de que hai que presentala.
-Dicía antes das autonómicas que cando unha parella se xunta nunca se sabe canto vai durar. ¿Vai durar moito AGE?
-Pois depende.
-¿De que?
-De dúas cousas: de que AGE respectemos o deseño de como foi construída e de que non pretendamos converter a AGE nun grupo político que actúe como tal na sociedade civil, senón que iso deben facelo as diferentes forzas que están dentro, como Anova.
-¿Cre que se manterá esa alianza para as eleccións europeas?
-Non podo dicilo aínda, é prematuro. Anova estase constituíndo e ten que responder a cuestións como esta.
-Pero é pouco probable que EU-IU vaia ás eleccións fora da federación de Izquierda Unida.
-¿E por que hai que descartalo? As probabilidades son como a lotería: se un se fía das probabilidades de que lle toque, que son infinitesimais, ninguén compraría un décimo.
-¿Quen é o herdeiro político de Beiras?
-Son persoas que teñen que conformar un liderado colectivo e buscar a figura que actúe de catalizador. Hai un, que é Martiño Noriega, que ten esas características, pero non hai que caer no de sinalar sucesor, eu falo de persoas como Laura Ogando, Paula Verao, Raúl Asegurado ou deputados como David Fernández, Chelo Martínez ou Antón Sánchez.