Margarita Pérez Herraiz: «En COU suspendín o seminario de relixión por atea e o de política por roja»
Galicia
A candidata ao Congreso polo PSOE en Lugo leva ben ter unha irmá concelleira por Lugonovo e di que o Parlamento galego é menos caótico que o Congreso
04 Dec 2015. Actualizado a las 04:00 h.
No seu salón mandan os libros. Novelas e ensaios, coas fotos familiares poñendo puntos e comas nas ringleiras dos estantes. Dan cor os xoguetes da súa neta. Margarita Pérez Herraiz (Lugo, 1955) é a candidata socialista ao Congreso en Lugo.
-Así que o seu é o sendeirismo.
-O sendeirismo gustoume de sempre. Fun co meu home aos Pirineos hai moitos anos. Morreu hai 24. Neste lexislatura só estiven no Congreso un ano e volvín ao meu traballo na Xunta. Alí entereime que había un grupo de sendeirismo, Acivro no que a maioría son funcionarios. Apunteime e gústame. Facemos entre dezaoito e vinte e pico quilómetros. Levo peor baixar que subir. Teño pouco equilibrio e dáme medo. Baixando adiántanme.
-¿Algún exercicio máis?
-Se o horario mo permite, vou ao ximnasio. As fin de semana ando, baixo ao río Miño. Empecei a andar porque hai uns dez anos fixéronme unha intervención, una histerectomía total, porque tiña un tumor. Ao ter unha menopausa súbita empecei a facer exercicio para evitar as consecuencias.
Vou con cascos para escoitar inglés. Avancei moito coas cintas de Vaughan. Isto é unha dobre motivación, camiñas porque aprendes inglés e viceversa. Agora vexo as películas en versión orixinal sen subtítulos. Entéromo da metade. Son moi cabezota e disciplinada, é para facer oído.
-Ten moitos libros na casa. ¿Como vai de lectura?
-Lin moitos ensaios. Agora leo no avión, co libro electrónico e en inglés, pero menos que antes. Lin así varias novelas de Paul Auster. En castelán, o último foi o de Javier Marías, Así empieza lo malo. Pola noite prefiro a tele, programas de información política.
-¿Como interpreta o auxe das tertulias políticas na tele?
-Que haxa información política paréceme moi ben, supoño que facilita que máis xente se implique. Pero poñénme nervosa algunhas tertulias pola súa simplicidade de bos e malos, polas interrupcións... Gústanme máis os debates de V Televisión porque son máis serenos.
-¿Hai desafección política ou non?
-Hai disposición a facer ruído, pero poucas gañas de implicarse. Sempre somos a mesma xente os que estamos nos partidos, sindicatos, asociacións de pais... Uns poucos que se moven en distintos frontes. Na desafección inflúe que algúns políticos ofrezan milagres. A xente frústrase. Non podes garantir o paraíso para todo o mundo.
-¿Como se implicou vostede na política?
-Sempre tiven inquietude política, son militante desde hai máis de corenta anos. Empecei a traballar con 16 anos nas oficinas dunha fábrica de pensos en Lugo e fixen COU nocturno. Ao final de curso vivía un pouco das rendas dos meses anteriores e eu non tiña moito interese, porque xa estaba co meu marido e ía casar. Pero non puiden facer a selectividade en xuño porque suspendín o seminario de relixión por atea e o de política por roja. Sempre se me notou o que penso na cara. Supoño que pasaría iso nalgunha das conversas que nos obrigaban a manter na clase.
-Ten unha irmá concelleira por Lugonovo. ¿Como o levan?
-Ben. Son eu a que máis evita falar de política para non incorporar interferencias. Comemos todos os sábados na casa da miña nai, que ten 83 anos, e nunca falamos moito de política. Pero paréceme ben que a xente se implique, non vou protestar cando esa implicación é noutra organización.
-Cando se foi do Parlamento ao Congreso os rivais despedírona con aplausos e eloxios.
-Fixéronme unha despedida moi cariñosa. Especialmente Manuel Ruiz, do PP. Procuro relacionarme con cortesía con todos. Unha cousa é ser duro e outra menosprezar ao opoñente. Iso é un erro de moitos militantes, crer que o mal está sempre no outro. Defendemos modelos diferentes, pero non teño que pensar que eu o fago con boa intención e eles con mala. A min gustoume o paso polo Parlamento de Galicia, máis que o Congreso.
-¿Por que?
-Os meus compañeiros do Congreso que non estiveron nun Parlamento autonómico mírano por enriba do ombro. Pero o importante, a educación ou a sanidade, son competencias autonómicas. O que é exclusivo das Cortes son cuestións demasiado grandes para a maioría de nós. Defensa, política exterior... E o Parlamento de Galicia, ao mellor por ser menos antigo que o Congreso, ten acumulados menos malos hábitos, é menos caótico. Non recordo ter dúas comisións á mesma hora no Parlamento, e no Congreso igual se reúnen todas o mesmo día. Ademais, no galego outra familiaridade, son 75 deputados e todo o mundo se coñece.
«É unha simpleza crer que os obreiros teñen que ser de esquerdas e os ricos de dereitas»
Margarita Pérez xa sabe o que é vivir entre Lugo e Madrid polo seu traballo no Congreso.
-¿Que tal iso de estar entre as dúas cidades?
-É unha vida moi desordenada. Teño a vantaxe de que isto me pillou xa cos fillos maiores. Agora teñen 40 e 39 anos. Xa o eran cando entrei no Parlamento de Galicia, no ano 2001. E non teño parella. Se a tivera ao mellor non me compensaba non ter tempo para compartir a vida con outra persoa. Somos xente pegada a unha maleta, pero é unha boa vida, non me queixo. Vivimos bastante nos aeroportos, aínda que agora un pouco menos. Agora hai más puntualidade, notouse o dos controladores.
-Refírese ao toque de Pepe Blanco.
-Eu creo que resultou. Non sei se é casualidade, pero casualidades hai moi poucas.
-Ten boa relación con Blanco.
-Teño boa relación, cos altos e baixos lóxicos das relacións que duran moitos anos. Agora teño a percepción de que os grupos do partido son difusos, menos estables, pero durante moito tempo eu fun do mesmo grupo que Pepe Blanco, procediamos do PSP [Partido Socialista Popular]. Cando pasou a ser secretario de organización do PSOE trasladou a súa residencia a Madrid e desde entón tivemos menos ámbitos de convivencia.
-¿Que lle parece que lles chaman casta ou os da vella política?
-Lin un artigo que dicía que esta lexislatura ía ser diferente, o cal é certo, pero engadía que a cuestión xa non é esquerda/dereita, que é vello/novo. É un slogan máis. Téndese a simplificar en exceso. Nós somos un partido antigo. Non é bo nin malo. Ti es bo ou malo en función do que propós e de como o fas. No fondo, a forma de facer dos novos non é tan diferente. O asemblearismo non é ningún descubrimento. Aí está parte do BNG. Eu fíome máis dunha xerarquía. Algúns dos novos que defenden o asemblearismo sáltano para tomar certas decisións. Todos temos uns ideais e despois comportámonos daquela maneira. Creo na dialéctica esquerda/dereita. Agora falan de arriba/abaixo.
-¿Como ve iso?
-Paréceme unha simpleza estúpida pensar que os obreiros teñen que ser de esquerdas e os ricos de dereitas. Entón eu mesma e moitos dos meus compañeiros teriamos que ser de dereitas, porque temos un bo nivel de vida. Os de esquerdas pensamos que non hai liberdade se non hai igualdade de oportunidades. A dereita dálle máis importancia á liberdade.
De todo un pouco
-¿Que materia escolar se lle resistía?
-As de memorizar. Era un pouco vaga para iso.
-Un político que non sexa do seu partido.
-Son moi pouco mitómana, incluso cos do meu propio partido. Hai compañeiros que tenden a unha idealización, eu son máis fría para esas cousas. Resulta simpática a proximidade de José Mújica, pero recordeino porque o vin o outro día na televisión, non porque seguira especialmente a súa traxectoria.
-¿Que viaxe ten pendente?
-Visitar Arxentina. Bos Aires ten que ser unha cidade moi atractiva. E están tamén a Pampa, o sur...