La Voz de Galicia

Tereixa Paz: «A renovación non pode quedar en algo cosmético»

Galicia

Serafín Lorenzo Santiago / La Voz Deputada autonómica do BNG e militante da UPG

A deputada autonómica corrobora que outros militantes da UPG contradín como ela as teses do partido hexemónico no BNG

15 Feb 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Parlamentaria autonómica e militante da UPG, Tereixa Paz é a cara máis visible da fenda aberta dentro do que aínda é o partido hexemónico no BNG sobre o camiño a seguir polo proxecto nacionalista que volver ser visto pola sociedade como unha opción atractiva. Paz urxe unha refundación en profundidade, «parecida ao que foi Riazor», e constata que outros militantes de peso na UPG comparten as súas ideas.

-¿Será desta volta unha refundación en profundidade do BNG ou quedará nun lavado de cara?

-Falta medio mes para que culmine o proceso na asemblea da Coruña. Hai marxe para que, coa participación de toda a militancia, avancemos no diálogo para chegar a acordos. Hai que profundizar na renovación para que non quede nun lavado de cara, en algo cosmético. É necesario que a poboación perciba que o BNG tomou nota dos resultados electorais e que actúa. Ten que ser algo parecido ao que fixo o nacionalismo en Riazor [a asemblea fundacional, en 1982]. Isto require adecuar o discurso á Galicia de hoxe, porque está claro que a sociedade non percibiu que o BNG fose útil para resolver os problemas máis acuciantes.

-¿E pensa que ese proceso debe abordarse con urxencia, para resolvelo antes das autonómicas?

-Penso que a realidade nos ven imposta. En Galicia haberá un proceso electoral este ano, que vai atravesar todas as actuacións políticas. Por iso o proceso de refundación ten que facerse xa e con xenerosidade cara outras forzas. Debe ser antes das eleccións, porque toca facer algo para que os cidadáns vexan que tomamos nota dos resultados electorais.

-No voto particular que asina con Carme Adán apostan por estudar unha alianza con En Marea.

-O que propoñemos é mandatar á dirección que saia desta asemblea para que inicie un diálogo con todas as forzas nacionalistas e de esquerdas para buscar un acordo en torno a cinco principios programáticos, que poden ser máis. Falamos de autodeterminación, defensa dos sectores produtivos, recuperación dos sectores públicos, creación dunha banca pública e defensa da lingua e a cultura galegas. Trátase de chegar a unha coalición o máis ampla posible para derrotar ao PP. Ese acordo, de producirse, sería sometido en última instancia ao refrendo da militancia.

-E apostan tamén por superar a estrutura interna de partidos.

-No noso voto particular falamos de catro ámbitos sobre os que se debe construír o nacionalismo do futuro, a partir da refundación: o político, o social, o electoral e o organizativo. Neste último, enunciamos principios para unha organización máis áxil e participativa. Pero non hai que pechar iso nesta asemblea nacional. Sería o punto final do debate.

-¿Pero pensa realmente que teñen opcións de prosperar estas propostas, tan alonxadas dunhas teses oficiais máis inmobilistas?

-No BNG sempre tivemos unha cultura baseada na participación da militancia, que ten a última palabra. A finalidade do voto particular é que se dea un debate aberto e plural.

-Vostede milita na UPG e desafía os seus postulados.

-Non se trata dun desafío, nin moito menos. Pero si creo que, nun momento tan delicado como o que atravesa o BNG, todas as persoas, e máis as que formamos parte da dirección, temos a obriga de posicionarnos e de dicir o que pensamos que é mellor. Ademais, no meu caso, esta é a demostración de que na UPG se poden defender outras opcións.

-Hai máis xente que pertence á UPG que está na mesma liña que vostede, como Suárez Canal.

-Hai persoas, mesmo no consello nacional do BNG, que son militantes da UPG e manifestan opinións diferentes, en artigos e nas asembleas comarcais. Con normalidade e sen que pase nada.

-Tanto os votos particulares como as enmendas ao texto oficial prosperaron, o que garante un debate aberto na asemblea. Pero costa pensar que vaian superar as ideas da formación que nuclea a parte máis activa da militancia.

-Os dous aspectos fundamentais nos que temos que facer máis esforzos no BNG son a intensidade e a velocidade para abordar a refundación. Pero, si todos estamos dacordo en que a sociedade nos traslada que non somos útiles como estamos funcionando, entenderemos que hai que facer a refundación o antes posible. A estratexia electoral non hai que facela nesta asemblea. Non é tanto que decidamos o día 28 como ir ás eleccións, senón que se exploren alternativas e que a militancia decida en maio ou xuño como quere ir. Quero facer un chamado á militancia, porque ten o dereito e case o deber de participar neste proceso.


Comentar