La Voz de Galicia

Hipólito Puente: «Os pais sobreprotectores vólcanse no benestar, mal entendido, dos fillos»

Galicia

Tamara Montero Redacción / La Voz

O psicólogo educativo e vicedecano do Colexio de Psicoloxía de Galicia insiste en que o problema dos grupos de Whatsapp é o mal uso que se fai da tecnoloxía

11 Apr 2016. Actualizado a las 05:00 h.

As actitudes sobreprotectoras cos fillos e a coñecida como hiperpaternidade poden ter graves consecuencias no desenvolvemento emocional do neno. Explícao Hipólito Puente, psicólogo educativo e vicedecano do Colexio de Psicoloxía de Galicia, que insiste en que o problema cos grupos de pais do WhatsApp non é a tecnoloxía, que é neutra, senón que se faga un mal uso dela por parte das persoas.

-¿Teñen algo positivo os grupos de pais do WhatsApp?

-Se se usan ben son positivos. Outra cousa é que se usen para cousas como criticar ao profesor.

-¿Por que aparecen este tipo de comportamentos?

-Pode haber competitividade e pais sobreprotectores, pais que non aceptan o fracaso do fillo e non escoitan ao profesor. E o fillo pode que distorsione a realidade e nalgún caso incluso minta.

-Fala de pais sobreprotectores. ¿É algo máis estendido que antes?

-Son unha minoría, pero hai máis. Son pais escravizados polos seus fillos. Existe un factor que é a personalidade dos pais, que teñen por exemplo algunha experiencia negativa, pero a maioría é porque hai unha angustia dos pais por protexelos. É certo que protexer aos nenos é nunha necesidade e unha obriga dos pais e dos adultos, pero neste caso é unha angustia inmotivada e unha necesidade de ter todo controlado.

-Fala de causas persoais. ¿Hai algunha motivación social?

-Hai tamén causas de tipo social. Os pais queren que os seus fillos vivan mellor do que viviron eles, pero cando un se sobrepasa chégase a estes extremos. Nas sociedades menos desenvolvidas, os nenos teñen, por así dicilo, que brujulear por si mesmos e incluso axudar á familia. Nas sociedades máis desenvolvidas os pais vólcanse máis no benestar dos nenos, pero neste caso é un benestar mal entendido, porque lle impiden ter experiencias vitais e impiden ou minimizan o contacto dos nenos coa realidade.

-¿Cales son as consecuencias para os rapaces dunha actitude sobreprotectora?

-Esta actitude non é que sexa maioritaria, pero pode ser un problema importante que lles impida ter autonomía e que crean que os demais teñen que dar todo sen el dar nada e sen esforzarse. Iso pode rematar incluso cunha inmadurez emocional que ten repercusión nos estudos, na vida e na relación de parella destes nenos cando son adultos, porque agardan que lles dean todo sen eles ter que dar nada. Afortunadamente, non todos os casos rematan así.

-¿Como reaccionan os rapaces cando medran?

-Algúns agóbianse tanto porque non teñen liberdade que acaban rebelándose e cortan cos pais e ás veces con toda a familia. Outros sométense toda a vida a esa sobreprotección e outros déixanse querer pero no fondo fan o que lles dá a gana.

-A hiperpaternidade tamén ten que ser esgotadora para os pais e as nais.

-Todo o que lle sucede aos fillos víveno como se lle acontecera a eles. Só viven para os fillos, non teñen unha vida propia. Hai pais que están excesivamente implicados, hai unha sobrededicación e por exemplo os deberes son unha prioridade e condicionan a vida familiar. A participación é tan activa que non poden saír polos deberes e semella que son eles os que están castigados. Non me gusta a expresión o rei da casa porque onde hai reis tamén hai vasalos, e os nenos teñen que ser un membro máis da familia.


Comentar