La Voz de Galicia

Ana Boullón: «Un bo criterio sería que no caso de non haber acordo se puxese como primeiro apelido o menos frecuente»

Galicia

T.M. santiago / AGENCIA

Antes había que ir a un proceso de cambio de apelido, que iso é complicadísimo, pero agora é un proceso que se fai por delegación de vontade di a experta en antroponimia

28 Jan 2018. Actualizado a las 05:00 h.

A investigadora de Filoloxía da USC Ana Boullón leva anos traballando na antroponimia e onomástica galega.

-Sábese tamén o índice de apelidos que recuperaron a forma orixinal? 

-Isto é moito máis difícil de ver, porque os nomes, como se van poñendo novos cada ano, é fácil ver as persoas que van nacendo e os nomes que teñen grazas aos servizos de estatística, pero os apelidos non se pode saber cantos foron cambiados. Para cambiar o apelido hai que ir ao rexistro e o que fan é poñer unha anotación no ano no que naciches, pero non hai unha lista de apelidos que foron cambiados.

-O proceso de cambio é complicado?

-Facilísimo. Antes había que ir a un proceso de cambio de apelido, que iso é complicadísimo, pero agora é un proceso que se fai por delegación de vontade. Só hai que ir ao Rexistro e dicir eu chámome Seijas e quero poñer o meu apelido como Seixas. É unha cousa rápida. Igual que de cambiar a orde.

-Dende hai pouco xa non prevalece o apelido do pai.

-Aínda hoxe é medio tabú iso, como se poñerlle o apelido da nai fose minusvalorar á familia do pai. En caso de que non haxa acordo, que son casos rarísimos, como se dirime? Antes se non estaban de acordo ía o pai, pero agora decide o encargado do rexistro. Un bo criterio sería que no caso de non poñerse de acordo os pais se escollera como primeiro apelido o menos frecuente dos dous. Porque os apelidos teñen como función básica e orixinal a de favorecer a identificación da persoa, e canto menos frecuente sexa, mellor cumpre esa función.


Comentar