La Voz de Galicia

A Xunta recorda que as limitacións para vivir no rural o protexen do feísmo e o encarecemento dos servizos

Galicia

Viveiro La Voz

16 Feb 2019. Actualizado a las 16:02 h.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, explica que a construción xeralizada de vivendas para uso residencial en solo rústico afectaría á paisaxe do rural galego, «deste fenómeno acuñouse o concepto feísmo», din, e suporía un «encarecemento exponencial da prestación de servizos á poboación: transporte escolar, recollida do lixo, axuda social, atención sanitaria, acceso a Internet, subministración eléctrica, de auga...».

«A día de hoxe -explican desde a consellería- hai acordo de todos os axentes sociais e económicos de Galicia na lei do solo, que tratou de poñer freo a esa situación». Esta prohibición de novos usos residenciais en solo rústico ten unha excepción: a de permitir a construción de vivendas para aqueles que vivan da explotación racional dos recursos gandeiros e agrícolas. A Xunta tamén sinala que aposta «decididamente polo rural e a rehabilitación de forma que calquera construción anterior a 1975 poderá ser rehabilitada, destinándose a usos residenciais, turísticos, terciarios, pequenos talleres..., permitíndose incluso a súa ampliación nun 50% do volume existente».

«Por outro lado, Galicia conta con 37.000 núcleos rurais. Calquera persoa podería, por tanto, nunha parcela de máis de 500 metros cadrados, obter licenza municipal para edificar a súa vivenda nun núcleo rural; por suposto, estes núcleos deben estar delimitados nun planeamento e o obxectivo, declarado na Lei do Solo, é que todos os concellos de Galicia se doten dun planeamento de calidade nun prazo razoable», apuntan desde Medio Rural.

«No caso do Valadouro contan cunhas normas subsidiarias de planeamento de 1993, que xa se amosaron obsoletas. No 2008 o concello contratou a redacción do PXOM con financiamento da Xunta, pero desde 2010 non ten avanzado en ningún trámite», conclúen.


Comentar