La Voz de Galicia

«Traballo na bolsa, recado aquí e alá»

Galicia

O exalcalde Xoán Gato co edificio do Concello de Narón, un dos seus proxectos estrela, ao fondo

Un auténtico animal político. O «arquitecto» do actual Narón, a aldea que mudou en cidade ao longo dos seus 23 anos na alcaldía, goza agora da xubilación e reivindica o seu legado

25 Jul 2019. Actualizado a las 09:34 h.

Unha década despois de deixar a alcaldía, Xoán Gato (Ferrol, 1946) camiña polas rúas de Narón intercambiando saúdos e estreitando mans. Non perdeu nin un ápice da súa popularidade, cando menos entre os máis veteranos, a pesar de que, como asegura, el xa é historia. Aínda que recoñece que hai veciños que aínda lle piden axuda para amañar problemiñas co Concello.

Asegura relaxado, mentres saborea un café, que a súa nova vida está nos antípodas da anterior. «Estou moi tranquilo, despois dunha etapa no Concello marcada pola hiperactividade», sostén xusto antes de engadir que «foron anos de moita xestión e de moita tensión, porque non se entendía o que estabamos facendo».

Extracto de un número de La Voz de Galicia del año 1992La Voz

Móstrase orgulloso do seu legado -locais sociais, escolas infantís, ramais da autovía, vivendas para mozos, o edificio do Concello, o Pazo da Cultura e, sobre todo, Río do Pozo, un dos grandes polígonos de Galicia-, e esténdese ao lembrar os obstáculos xurdidos no camiño -«a Xunta e a Deputación non che daban un peso se non levabas unha camiseta da súa cor»-. E non era o caso. Gobernou máis de dúas décadas pactando a destra e sinistra, pero mantívose alleo aos grandes partidos. E tampouco faltou a incomprensión dun sector dos veciños. «Fixen cirurxía urbanística, é dicir, expropiaba para facer». E, neste sentido, recoñece que rematou «queimado de tanta loita».

O que fora rexedor e mesmo candidato de Terra Galega á Xunta -unha aposta frustrada- presume agora dun apracible retiro. «A diario traballo na bolsa -asegura irónico-, recado por aquí e por alá». O seu tempo máis feliz é o que comparte cos seus -esposa, fillos e netos-, e tamén o que dedica aos faladoiros cos amigos, tanto en Narón como en Pantín, onde ten casa dende hai anos.

Aínda que Gato móvese tamén por outras latitudes. «Paso tranquilamente catro ou cinco meses ao ano en Benidorm. Xa teño cuadrilla. Alí son anónimo. Son Juan Gato. E se están comigo non é polo que fun nin por intereses». Nesta liña, recoñece que ao deixar o poder parou de soar o teléfono, e minguaron as invitacións para comer -«a diabetes que teño vénme de tanta comida por aí para traer empresas»-. E anota que, de toda a súa axenda, «o 90 % desapareceu. Quedaron os amigos, amigos».

«Volver á política? Nestes anos chamáronme desde siglas de todo tipo, pero non se me ocorrería», confesa. Soou no seu día como candidato en Ferrol, presidiu fugazmente a Cámara de Comercio da cidade naval e mesmo impulsou unha escisión de TeGa, o partido dos seus excompañeiros. «Cando marchei, o fundamental de Narón xa estaba feito, quedaba poñelo bonito. Foi a fin dunha etapa», conclúe.

 

Xoán Gato con Camilo Nogueira en una manifestación por las calles de Ferrol en 1999

Fun

Edil en Narón dende as primeiras eleccións e alcalde entre 1985 e o 2009

JOSE PARDO

Son

Un xubilado máis que goza cada ano das praias de Benidorm


Comentar