La Voz de Galicia

Valeriano Martínez: «Non hai razóns para que os galegos carguen coa débeda»

Galicia

juan capeáns santiago / la voz conselleiro de Facenda

O responsable das contas da Xunta di que o recurso xudicial chegará «máis cedo que tarde»

23 Jan 2020. Actualizado a las 05:00 h.

Valeriano Martínez (Cangas, 1961) enviou ao Ministerio de Hacienda ata tres solucións distintas para resolver o pago dos 200 millóns do IVE, que el engadiu aos Orzamentos galegos do 2019 confiando na palabra de María Jesús Montero.

-Agardaba esta saída da ministra?

-Xa coñezo ben ao persoal e sei o que podo esperar deles. Tiña claro desde hai tempo que chegariamos a esta situación, porque este Goberno está moi ideoloxizado, cando isto non ten nada de ideolóxico. O que fan en realidade é agochar a súa incapacidade de xestión ao longo do 2019.

-Comeza mal a lexislatura?

-Podemos estar fartos de razón, e estámolo, pero a lección é que temos que ser máis pragmáticos nas nosas relacións. Con este equipo en Hacienda vai ser complicado chegar a ningures, porque de cada catro palabras que din, tres son mentira. A primeira é que xa non poden pagar: iso non se sostén.

-É reversible a situación?

-Si, con vontade política. O real decreto que habilita o pago esgotouse no 2019, é certo, pero había e hai solucións. O Goberno tiña capacidade para endebedarse por un tempo limitado e asumir esas cantidades que son das comunidades autónomas. Isto pódeno facer mañá mesmo. Agora temos que intentar sentar no Consello de Política Fiscal e poñer as cartas cara arriba.

-Cando será esa reunión?

-O Goberno de España ten certa urxencia por elaborar os seus orzamentos e precisan ter o marco financeiro e do déficit autorizado, e iso terán que resolvelo a finais de febreiro, calculo eu. A mágoa foi non ter a capacidade para forzar ese encontro das comunidades en setembro para arranxar o problema. O resto é provocar ruído, e esta ministra séntese moi cómoda nese ambiente, pero cando analizas o que di non ten razón en nada, non dá unha.

-Madrid e Cataluña xa avanzan na vía xudicial. E Galicia?

-Chegará un momento no que haberá que tomar unha decisión, e será máis cedo que tarde.

-Hoxe mesmo?

-Nun prazo curto, pero ese é un pronunciamento que ten que facer o presidente da Xunta. O tempo esgotouse, e xa non é cuestión de ir pola vía xudicial por ir, senón de dicir con claridade que xa está ben de cachondeo.

 

-Deste xeito Sánchez terá complicado acadar esa «paz territorial» da que fala.

-Iso só o di pola metade de Cataluña, o resto non existimos.

-Como afectou ás contas da Xunta a falla dos cartos?

-Deixou un burato, e iso só ten dúas solucións: ou débeda ou créditos. E ten máis efectos, porque o cumprimento financeiro é fundamental, por exemplo, para poder cubrir o 108 % da taxa de reposición dos empregados públicos, que é importante para o Sergas; ou para non pedirlle permiso ao Goberno para sacar a túa débeda, como pasa en Andalucía. E aínda por riba dirán que non cumprimos. Entón é cando quedas con cara de parvo, porque non hai razóns para que os galegos carguen coa débeda dos 200 millóns.

-E os outros 170 millóns, os dos incentivos por cumprir no 2017 e no 2018?

-Teño a impresión de que nunca os van recoñecer.

-Logo, do 2019 nin falamos.

-Os do 2019 non os van recoñecer tampouco porque non hai recordo legal do compromiso, ao non saír adiante os orzamentos.

-Houbo problemas de tesourería?

-Home, remataron os pagos das entregas a conta o 30 de decembro. O problema foi resistir todo o ano.

-O BNG tivo a chave da investidura, pero non reclamou estes cartos.

-Se o fixeran terían que darlle a razón a Feijoo. Imposible.

-Que espera dos orzamentos do Estado?

-Van ser moi semellantes aos que tiñan no proxecto non nato do ano pasado. Son moitos a contentar, e buscarán uns que lles sirvan para dous ou tres anos.

-Vostede é partidario de esgotar a lexislatura en Galicia?

-Si, téñoo claro. Hai que cumprir, aínda que nos chamen aburridos. Os Orzamentos hai que executalos ata o final.


Comentar