La Voz de Galicia

Un Estatuto que fixo pouco país

Galicia

Xosé M. Núñez Seixas Catedrático de Historia Contemporánea da USC. Premio Nacional de Ensaio. Acaba de publicar Guaridas del lobo
Reunión de representantes de diferentes partidos para abordar a redacción do Estatuto de Autonomía

Existiu unha diferenza esencial entre aqueles a quen o autogoberno ilusionaba e motivaba, e quen o vían como unha panca de poder circunstancial e utilitaria

24 Apr 2021. Actualizado a las 17:09 h.

O Estatuto de Galicia plebiscitado en decembro de 1980 xurdiu en estrañas circunstancias. Foi froito dunha morna presión popular e dun entusiasmo limitado das elites dos partidos políticos daquela parlamentarios (UCD, PSOE e AP), e naceu coa oposición da esquerda nacionalista. A adopción do criterio de plebiscitar un Estatuto de Autonomía con anterioridade á Guerra Civil (isto é, ao 18 de xullo de 1936) permitiu que, por tres semanas —de o golpe militar producirse antes ou despois, Galicia non entraría no lote, ou faríano tamén Andalucía ou Aragón—, Galicia fose considerada merecente da vía do artigo 151, a reservada a Cataluña e o País Vasco. Xa que logo, ser autonomía «de primeira», e mesmo nacionalidade.

Porén, nin a UCD nin o PSOE tiñan grande entusiasmo en estender a descentralización, e tentaron rebaixar o autogoberno previsto para o resto de territorios, comezando por Galicia. A reacción dos cadros locais deses partidos (ou de sectores deles), da esquerda autonomista, do galeguismo histórico e mesmo da posfranquista AP, fixo fracasar o Estatuto «da aldraxe». Quen máis crían no autogoberno, a esquerda nacionalista, rexeitaba en boa medida unha autonomía que, «comerciada por caciques / maldita falla facía» (Fuxan os ventos).

A nacente autonomía sentiu pouca calor popular, como evidenciou a baixa participación no referendo. Naceu en parte do oportunismo de elites políticas locais que non se mobilizarían como fixeron se non fose polo principio de imitación e reacción que caracterizaría a dinámica de competencia etnoterritorial do que sería o Estado das Autonomías. Algo así manifestárase xa en 1917-1919 e na Segunda República: protestemos para non sermos menos que os cataláns, pois non somos menos españois. Ademais, a descentralización crearía espazos de poder e novos escenarios de concorrencia política. A facilidade e oportunismo coa que algúns políticos pasaron do autonomismo ao localismo, e viceversa, obedecía a ese cálculo.

Ilusión por construír? A xusta. Nas memorias do primeiro lehendakari do Goberno vasco após 1979, Carlos Garaikoetxea (Euskadi, la transición inacabada, 2002) ou nas de Jordi Pujol apréciase que para eles construír o autogoberno era unha tarefa apaixonante, na que converxían vontades moi diversas. Queríase facer país, alén das aspiracións no longo prazo, construír consciencia nacional, ou cando menos colectiva. Tomábase en serio a recuperación cultural, administrar e xestionar con eficiencia os propios recursos. Non era unha deputación grande, era outra cousa.

A autonomía galega naceu eivada por esa banda. Alén da vontade ferreña de personalidades e grupos concretos, de minorías galeguistas inseridas nos partidos estatais, e de reconversións paulinas logo esaxeradas, o autogoberno galego non foi xestionado por quen realmente querían facer país. Moitos querían facer unha grande provincia, consolidar leiriñas e clientelas, e xestionar sen proxecto. Partidos minoritarios como Esquerda Galega presentaron entre 1981 e 1985 máis proxectos de lei no Parlamento para artellar a autonomía que ningún outro. Non só era que Camilo Nogueira fose incansábel. Existía unha diferenza esencial entre aqueles a quen o autogoberno ilusionaba e motivaba, e quen o vían como unha panca de poder circunstancial e utilitaria, ou máis adiante como unha ferramenta para acadar unha maior eficiencia da xestión pública.

Sen dúbida, o órgano creou a función. Nolens volens tamén xurdiu un discurso institucional de reforzamento do feito diferencial, dun marco de intereses supralocal. Adoito contribuíron máis a iso quen non mandaban, pero influían, que quen gobernaban.

Logo de corenta anos de Estatuto, sen dúbida houbo avances; mais pódese apreciar tamén o insuficiente uso que se fixo desa ferramenta. O que tamén afunde as súas raiceiras en algo moi sinxelo: moitos de quen gobernaron coa autonomía non crían o conto, malia adoptaren unha retórica galeguista cando tocaba. Quen viron nela unha oportunidade gobernaron pouco, e tarde.

Éche o que hai.

 


Comentar