Salustiano Mato: «Todos somos vaidosos»
Galicia
O exreitor da Universidade de Vigo, que está a investigar sobre bioplásticos e sobre a velutina, asegura que non volverá a política, tras rexeitar varias ofertas
03 Aug 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Nun despachiño de apenas 6 metros cadrados, se é que chegan, o exreitor Salustiano Mato (Santiago, 1960) non para.
—Iso de Salustiano... de onde lle vén?
—Púxoo meu avó. Cando pasaban lista, todos os nenos rían. Entón eu, con oito anos, preguntei ao meu avó, que era un tipo moi estudoso, un cabaleiro do século XIX. E dixo: «Es un derivatio nomini -el falaba así- de Salustio, que en su etimología griega es ‘‘salud duradera’’».
—Que acaído para estes tempos!
—Ha, ha, ha. Toca madeira! Pero é que ademais a derivación ao castelán vén dunha beatificación, de Cayo Crispo Salustio, que foi o primeiro gobernador ibérico do Imperio Romano que abrazou o cristianismo.
—E vostede quedaba tranquilo con esa explicación?
—Si! Eu dicía: «Pois que rían».
—Cun nome así, tiña que estar chamado a algo grande...
—Meu avó quería que fose bispo. Eu non era relixioso, pero sempre mo perdoaron porque me metera a científico: «Estes científicos preguntan o por que de todo. O da fe non lles entra...».
—Non acabou de bispo pero cinguiu o birrete de reitor...
—Ha, ha, ha. Meu avó era o alquimista da farmacia Bescansa, en Santiago. Dicíame: «Cando sexas maior apréndoche algunhas fórmulas».
—Anda! E acabou investigando no laboratorio. Como foi?
—Fixen a preinscrición en Medicina, pero a min tirábame a bioloxía porque era onde se descubrían os avances relacionados coa vida.
—E acabou en Vigo.
—Cando a segregación das tres universidades, todo o mundo quería voltar a Santiago, e eu marchei a Vigo. Parecíame un desafío construír a universidade de Vigo. Traballar por mellorar unha universidade de 500 anos era como gastar enerxía en labirintos de pirámides, nos que nunca chegas ao tesouro. Aquí o esforzo podíase ver.
—Xa lle tiraba a xestión, logo.
—Sempre fun un activista social.
—E iso que é?
—Pois que me gustaba estar coa xente, arranxar problemas. Era catequista a pesar dos meus temas coa relixión, monitor de tempo libre e de campamentos...
—Escoiteino falar algunha vez, sendo reitor, da xestión da vaidade. Conte.
—Nos postos nos que estiven a clave sempre foi facer unha xestión intelixente da vaidade. Todos somos vaidosos. Isto hai que poñelo en positivo, porque é querer destacar; aínda que en España lévase mal que o do lado destaque... Nun posto de responsabilidade o interesante é fotografar a xente para amosar o que se fai. E cando o fas, todo o mundo quere maquearse para saír o mellor posible na foto. Así sempre conseguín cousas.
—Iso pasa por que a universidade salte á sociedade.
—Efectivamente. Eu daba puntos e daba cartos en función de publicacións, pero tamén por divulgar, por dar conferencias, por colaborar con oenegués ou movementos veciñais...
—Como chegou á conclusión de que todos somos vaidosos?
—Cando vía que alguén sacaba unha oposición era como se lle crecese unha aureola ao seu redor e sentía un empoderamento tremendo. Hai que intentar non cruzar unha liña vermella, que é o elitismo. O elitismo é sectario.
—Ao saír dun posto de xestión, non queda certa melancolía polo que quedou sen facer?
—Nunca a tiven. Cando aceptaba un posto sabía cal era o meu ciclo temporal e intentaba conseguir os obxectivos nese ciclo. Sempre os conseguín. Pero marcábame máis metas... e entón quedaba á expectativa.
—Que investiga agora?
—Estou cun proxecto de biodegradabilidade de microplásticos, en concreto con bioplásticos, en solo, auga doce e salgada. Teño outro sobre o comportamento da vespa velutina. Ás veces chámannos de cooperativas ou asociacións e sempre axudamos. Non dá prestixio nin cartos, pero hai que axudar.
—Ser catedrático de zooloxía axudouno a entender o mundo político?
—Ha, ha, ha. Se pensas a que se debe o comportamento animal é fácil facer paralelismos e analizar a que se deben as actitudes na tribo...
—E volverá á política?
—A miña muller está que non o cre, porque conseguín dicir que non a dúas cousas: as empresas e, o máis difícil, a política. Dixen que non á alcaldía [de Vigo], a Madrid e ás autonómicas [é militante do BNG]. E agora será máis fácil porque todo o mundo me esqueceu. Creo que seguirei sendo capaz de dicir que non, pero non o digo moi literal porque me coñezo.
—Que o fai feliz no persoal?
—Facer cousas que sirvan para algo, sentirme útil. Agora estou nun anonimato feliz.