Unha xuíza especializada en violencia machista: «É moito máis frecuente que unha vítima non denuncie a que haxa unha denuncia falsa»
Galicia
Lorena Tallón leva seis anos nun xulgado de violencia machista e asume que queda moito por facer
24 Nov 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Leva dende o 2015 á fronte do xulgado número 1 de Noia, especializado en violencia machista, o que lle permite á xuíza Lorena Tallón García coñecer moi de preto unha realidade que, asegura, é cotiá nun partido xudicial como o noiés. Do que queda por mellorar dentro do sistema na atención ás vítimas, de empatía e da realidade xudicial fala en vésperas do 25N.
—Nos anos que leva especializada nos casos de violencia contra as mulleres, ve unha evolución no número de denuncias?
—Non se aprecia, de xeito global, un incremento da violencia, pero tampouco un retroceso. En todo caso, de existir unha certa tendencia, esta sería á alza, claramente. A situación de pandemia si que alterou esa dinámica, houbo unha pausa moi importante. En xeral as denuncias diminuíron de maneira substancial, e logo asistimos a unha clara repunta a partir do verán. O covid afectou a todo, tamén á actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado en casos de violencia machista e, polo tanto, diminuíron os casos que chegan a través dos seus atestados.
—Seguen chegando máis asuntos ao xulgado a través desa vía que por denuncias das vítimas?
—Chegan máis atestados por intervención das forzas de seguridade que denuncias directas diante do xulgado, seguro, incluso son máis as denuncias que as vítimas interpoñen ante as forzas e corpos de seguridade que directamente no xulgado, ou que simplemente demandan a súa intervención e a partir de aí ponse en marcha todo o proceso.
—Como é ese proceso? Existe o tópico de que se unha muller denuncia á súa parella automaticamente vai detido. É así?
—Se o proceso se inicia cunha chamada da vítima ás forzas e corpos de seguridade do Estado, eles interveñen, ponderan a situación, practican as dilixencias que consideren, formalizan todo iso nun atestado e remíteno ao xulgado, e pode ir acompañado da posta á disposición dun detido ou non. Como se trata dunha detención policial, é algo que valoran as forzas de seguridade en función da entidade dos feitos denunciados ou ben do que eles perciben dos feitos dos que teñen coñecemento a través da chamada dun veciño, por exemplo. Hai máis indicios cando se trata de lesións, menos cando é outro tipo de violencia.
—Hai máis denuncias agora por casos de violencia psicolóxica?
—A violencia física é máis fácil de percibir e tamén é máis fácil reaccionar fronte a ela, é algo moito máis tanxible e obxectivo. A violencia psicolóxica é máis complicada de identificar e de asumir pola vítima, e tamén para os operadores que intervimos no proceso é máis difícil de delimitar a súa intensidade e alcance. A experiencia dinos que os dous tipos de violencia tenden a ir da man, pero no caso da psicolóxica identificar esa situación, autorrecoñecerse como vítima, poñerlle un nome... É complexo e son pasos previos á denuncia.
—En partidos xudiciais máis pequenos como o de Noia hai recursos suficientes?
—A nivel de persoal, no noso caso, eu creo que non fai falla xuíz de apoio. En canto a recursos materiais, as carencias son moi superiores ás das grandes cidades. Non contamos cun equipo de psicólogos de apoio, son os servizos sociais dos Concellos os que fan ese labor con gran voluntarismo pola súa parte, o que facilita a resposta que se lles dá ás vítimas. Desde ese punto de vista si que temos carencias, e témolas tamén de tipo estrutural. Non hai unhas dependencias nas que a muller poida interactuar co letrado, por exemplo, ou simplemente agardar os tempos de espera, iso resulta singularmente gravoso para elas, esperar nun corredor non é a situación ideal.
—Hai sectores que insisten nas denuncias falsas que chegan aos xulgados, cal é a realidade?
—A denuncia falsa é unha realidade que non só ten que ver coa violencia sobre as mulleres, senón con calquera outro delito. O uso dun proceso xudicial con fins torticeros non é alleo a ningún tipo penal. É unha posibilidade que está aí, e non se dá con maior intensidade no eido da violencia machista. E para iso estamos nós aquí, a nosa función é evitar que un proceso se utilice con esa finalidade, valorar e ponderar as circunstancias que se denuncian e, en función diso, aplicar os resortes que prevé a lei. En todo caso, é moito máis frecuente, moitísimo máis frecuente, que unha vítima non denuncie a que haxa unha denuncia falsa.