«Non podo estar de vacacións mentres 50 persoas non saben onde van estudar»
Galicia

Celso Rodríguez, vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), aposta por unha listaxe única en España para acceder a todas as carreiras
14 Aug 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Familias de toda España, aínda que os seus fillos non estuden na Universidade de Santiago, destacan o traballo de Celso Rodríguez (Cartelle, 1952), vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia e delegado do reitor da USC. É un firme defensor de que haxa unha listaxe única para acceder ás universidades públicas e evitar semanas de espera aos estudantes de graos moi demandados, como Medicina.
—As familias destacan o traballo de Galicia para que en Medicina nunca quede unha vacante.
—Eu pretendo en agosto, e aínda arriscando un pouco, convocar os alumnos nas prazas que poida haber e que saiban así onde están matriculados para non ter que estar buscando piso a última hora. O 15 de outubro paramos de convocar, pero facemos cálculos para que aínda que haxa anulacións nunca quede ningunha vacante. Corremos o risco de quedarnos con algúns alumnos de máis, pero deste xeito os estudantes saben que teñen praza moito antes. Agora teño o compromiso de matricular ata 450 persoas e temos 403 prazas, pero sei que moitos se van dar de baixa. Escríbolles e incluso lles digo cantos teñen diante.
—Por que ese esforzo de escribir en pleno mes de agosto, as dez ou once da noite?
—A miña forma de ser non me permite estar de vacacións mentres hai corenta ou cincuenta persoas que non saben onde van estudar. Sempre defendín que as universidades non debían pechar matrícula en agosto, poderiamos estar pendentes algunhas persoas de garda, pero non quero romper o consenso, polo que aínda que a matrícula pecha ata o 1 de setembro, respondo aos correos.
—Propoñen as familias facer unha listaxe única para Medicina en toda España, para evitar todos estes problemas.
—Penso que no caso de Medicina e no caso de todo, non se perde autonomía por ter unha aplicación que se estenda por España.
—Pero outros graos non teñen estas complicacións.
—Todo está ligado. Cando se move a lista de Medicina, móvense outros graos. Eu convoquei a tres estudantes de Enfermería e un de Odontoloxía que van deixar catro vacantes, por exemplo. Por iso convocamos máis alumnos que prazas, para que saiban o antes posible onde poderán estudar. ¿Que quedamos con algúns alumnos de máis? Pode ser, pero iso permite non ter que estar buscando residencia en setembro.
—As notas da EBAU non son iguais en todas as comunidades. En Andalucía adoitan ser altas e en Galicia non tanto, pero como a nota de corte de Medicina aquí é máis baixa, din as familias que copan as prazas. Están os galegos en inferioridade de condicións co distrito aberto?
—Vou dicir algo que ao mellor é politicamente incorrecto. O numero de estudantes de Medicina que temos en Galicia por poboación é proporcional, pero son 403 prazas e iso fai que teñamos unha nota de corte máis baixa que se tiveramos 50. Tamén pode ser que noutras comunidades sexa algo máis fácil a EBAU, e despois hai autonomías que ponderan máis materias para entrar en Medicina, e iso produce que no sur haxa un maior número de estudantes con notas altas.
—Entón é certo.
—Non o nego, pero tamén insisto en que con 403 prazas a nota de corte é lóxico que sexa máis baixa. Podo confirmar que non é certo que haxa moitos portugueses en Medicina, como se dicía antes, pero si hai moitos andaluces.
—Sería bo entón listaxe única para todas as carreiras.
—Claro. Nós en Galicia usamos a mesma aplicación e non temos transvasamento. Podíase facer a nivel estatal e acabar nun día, en Portugal o acceso faise nun día. Antes de comezar discusións máis complicadas como a EBAU única que ten moitos matices, porque aquí habería que examinarse das materias de Galego igual e parte dos contidos dependen da comunidade, eu empezaría por unha aplicación única.
—¿Chéganlle moitos agradecementos das familias?
—Nos últimos días si que recibo bastantes correos de agradecemento, nunca os recibira.