La Voz de Galicia

Ana Pontón: «Hai ganas de cambio, e para iso ten que unirse no BNG todo ese voto»

Galicia

rubén santamarta Santiago
Ana Pontón,  no patio do Parlamento de Galicia.

A líder do BNG preséntase para ser unha presidenta «coas mans libres», pero evita falar de pactos

10 Dec 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Ana Pontón (Sarria, 1977) vén de ser confirmada como candidata do BNG a unhas eleccións galegas que seguen sen data. Non era ningunha sorpresa que repetirá —por terceira vez— porque o Bloque ten depositadas nela todas as súas expectativas para volver tocar poder na Xunta.

—Por que esta vez si que pode ser vostede presidenta?

—Porque estamos nun momento no que este país necesita un cambio e hai miles de galegos e galegas que ven que o Partido Popular deixa unha Galiza peor da que encontrou. Nestes 14 anos os señores do PP, que presumen de ser grandes xestores, triplicaron a débeda mentres recortaban en sanidade e educación. Na industria estamos perdendo oportunidades, e preocúpame que teñamos unha taxa de investimento tan baixa. E se non hai investimento, non hai emprego e non hai futuro. O PP deixa unha Galiza na que o empresariado non confía porque non inviste. Hai ganas de cambio, e será clave para iso que se una no BNG todo o voto do cambio.

—Eses mesmos argumentos comentounos hai catro anos nunha entrevista preelectoral en La Voz. E o PP gañou de novo. Que é diferente agora para ese cambio?

—É evidente que a posición do BNG non é igual que a de hai catro anos. Hoxe lideramos a oposición e nestes anos viuse que o BNG ten un proxecto para darlle un futuro a este país. Somos capaces de facer as cousas mellor, e o que lle imos pedir aos galegos e galegas é confianza para demostralo. Non vou prometer imposibles, pero vou deixar a pel para darlle un futuro mellor a este país. O PP goberna pensando nos seus intereses e nos dos grandes poderes económicos. Preséntome para facer historia e ser a primeira presidenta do país.

—Pide concentrar todo o voto do cambio no BNG, como xa fixo no 2020, e lograron facelo. Pero o PP obtivo un resultado extraordinario. Esa concentración non é garantía de cambio sen outros partidos da esquerda...

—Creo que hai unhas posibilidades de avanzar nesa dirección. Temos unha organización unida que traballa para iso. As eleccións de hai catro anos eran diferentes, de entrada a posición do BNG non era a mesma. E foron unhas eleccións no medio dunha pandemia. Hoxe detecto que moita xente que apoiou o Partido Popular se decata de que deixa unha Galiza peor, que non conseguiu unha soa transferencia en 14 anos nin un só euro para proxectos tractores nos fondos europeos. Un Goberno sen iniciativa na transición enerxética nin no cambio climático. Só traballa para o lobby eléctrico. Hai moitísima xente que noutras eleccións non colleu a papeleta do BNG e que nesta ocasión mira cara a nós con expectativas.

—Preocúpalle que haxa tres, catro marcas na esquerda?

—Como demócrata non me preocupa que haxa outras formacións que queiran presentarse. Que logo a cidadanía decida. A quen vexo preocupado por que forzas se presentan é ao PP, que o expresou con toda claridade. Ese nerviosismo delata o PP.

—O certo é que hai conversas entre partidos de esquerdas para as autonómicas. Iso non delata nese caso debilidade pola esquerda fronte ao PP?

—Vexo que haberá moitas opcións [de candidaturas], tamén no ámbito da dereita. O BNG ten un proxecto claro, sólido e definido para que estas sexan unhas eleccións do cambio liderado polo Bloque.

—O BNG está negociando con algún partido?

—Nós temos unha folla de ruta definida, saímos a ter a Presidencia da Xunta e tendemos a man a todas as persoas que queren que este país teña unha presidenta coas mans libres.

—Pregúntolle doutro xeito: están negociando con Anova [escisión do BNG desde o 2012, con Beiras e Martiño Noriega como principais figuras] para integrarse no Bloque?

—Creo que estou sendo bastante clara. O BNG vaise presentar como BNG, e temos unha folla de ruta clara, e tendemos a man a todas as persoas que queren que este país teña unha presidenta coas mans libres.

—Coas siglas do BNG, pode haber dentro das listas persoas doutros partidos?

—Noutras eleccións xa incorporamos a independentes.

—Nas listas estarán exconselleiros como Teresa Táboas ou Alfredo Suárez Canal, que participaron en actos recentes do partido?

—Non estamos falando de listas neste momento.

—Pero vostedes din que teñen todo preparado por se Rueda convoca. E non ten perfiladas as listas?

—O proceso de listas ábrese cando se convocan as eleccións. Agora estamos traballando coa sociedade para facer o noso programa de goberno.

—Conta con todos os deputados do BNG no Parlamento para que repitan nas listas?

—Todos e todas fixeron un traballo extraordinario, estou moi contenta de ter ese equipo. Pero insisto, non estamos falando de listas.

—Algunha persoa lle trasladou que non quere seguir na seguinte lexislatura?

—É que non estamos falando de listas. 

 

—Falou con xente de Sumar, por exemplo, para acordos poselectorais?

—Eses acordos, como di, son poselectorais, defíneos a cidadanía co seu voto. Non estamos nese momento. Estamos en presentar a nosa alternativa.

—Vostedes antes das eleccións pedían ao PP que aclarase os pactos coa extrema dereita. Por que non pode dicir o BNG se vai ter pactos con outros partidos?

—Primeiro habería que saber con que partidos podería ser. Obviamente non imos pactar coa dereita. Os cidadáns deciden.

—O BNG ten experiencia de goberno co PSdeG, agora tamén cunha filial de Sumar, Compostela Aberta, en Santiago. Como cre que funcionaría un tripartito?

—Non sei por que me fala dun tripartito. Neste momento hai unhas eleccións que non están convocadas e temos un proxecto para deixar atrás estes anos de goberno do PP. Sabemos que teremos que chegar a acordos coas forzas que teñan representación no Parlamento, pero presentamos un proxecto para liderar este país, para que Galiza non siga dando pasos para atrás. O que nos preocupa é pór en marcha o mellor goberno da nosa historia. Imos coa máxima ambición.

«Non me preocupa que haxa máis partidos, o que si nos preocupa é pór en marcha o mellor goberno da nosa historia»

 

 

—Non salva nada do traballo do PP en 14 anos?

—Todos os gobernos teñen luces e sombras. Pero o goberno do PP fixo que Galiza retrocedera e non foi quen de crecer en ámbitos claves. Estamos perdendo poboación, cando medra no Estado, non recuperamos o nivel de emprego do 2009, temos aos sectores industriais nun momento crítico, cun tecido produtivo que se desgaleguiza... E nos servizos públicos vemos que se deteriorou moito a sanidade, sobre todo a atención primaria, e non se construíu unha soa residencia pública.

—Retiraría a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos que aprobou o PP?

—O que faría é garantir que todos o nenos e nenas teñen unha praza garantida dunha escola pública de 0 a 3 anos, que non existe, e recuperaría a gratuidade dos libros de texto que suprimiu o PP como medida sectaria por desmontar todo o que fixo o goberno do BNG e o Partido Socialista.

—Ter esa rede de escolas non se consigue nin en un nin en dous cursos. Mentres, mantería a gratuidade?

—Nós defendemos a gratuidade de 0 a 3 dende hai anos. Pero é unha medida insuficiente.

A portavoz nacional do BNG, nun momento da entrevista, no seu despacho.VÍTOR MEJUTO

—Hai un mes asinaron o acordo para a investidura de Pedro Sánchez. Cando será a primeira reunión de seguimento do pacto entre o PSOE e o BNG para ver comon van eses acordos?

—Non está posta a data.

—Pois son reunións cuadrimestrais.

—Nós temos un acordo de goberno, moi positivo para Galiza, que abre a porta para ter máis competencias e mellorar a vida das persoas: rebaixas nas peaxes, xulgados contra a violencia machista, tren de proximidade ou algo moi importante como é a condonación de débeda a Galiza. Non é algo menor. Vanse liberar cartos que se poden empregar para sanidade e educación. Imos traballar no Congreso coas mans libres por Galiza, e o resto dos deputados e deputadas non poden dicir o mesmo. Todos van facer o que lles digan desde Madrid.

—Por que fiarse nesta ocasión do PSOE, cando, e díxoo expresamente o deputado do BNG, non cumpriron o pacto anterior asinado no 2000?

—Eu poño en valor as cousas que conseguimos cun só deputado, como rebaixas históricas na AP-9, a rexeneración da ría do Burgo, avanzar na electrificación do ferrocarril interior... Eu non sei o que conseguiron os demais. Hai cousas que quedaron, si, pero este é un acordo novo nun contexto novo. Temos unha posición máis determinante no Congreso, e imos seguir co cumprimento. O que sabemos, en todo caso, é que as forzas estatais, todas, secundarizan a Galiza.

—Hai dous temas que deberían avanzar este mes de decembro, segundo ese acordo firmado por vostede: a reunión da comisión mixta de transferencias Xunta-Estado e o proxecto do by-pass de Betanzos. Sabe como van?

—Estamos traballando. No tema das transferencias, o Goberno galego a ver que ten que dicir, porque boicotea que Galiza poida ter transferencias. Temos o Goberno máis antigalego da nosa historia.

—Ocorre que, nese acordo, PSOE e BNG puxeron unha data para unha comisión de traballo sen que o soubese unha das partes, a Xunta.

—Que diga o Goberno galego se a quere ou non.

—Falaron con eles antes?

—Por favor, é absurdo. Vou ter que falar con Rueda do que poño nun acordo? Non quere competencias? Eu creo que non quere máis competencias porque se verían as súas incompetencias.

—Imaxine que PP e PSOE pactan que o Concello de Pontevedra ten que reunirse cun deles. Que diría o alcalde?

—Se logo o Concello de Pontevedra non o quere, que o diga. Igual que aquí.

—O BNG foi historicamente un partido moi horizontal, e agora parece que se centra nunha soa figura, que se fixo máis personalista. Vostede apareceu ata en propaganda electoral das municipais, cando non se presentaba.

—O BNG é unha organización democrática e asemblearia. Vexo que hai unha confianza na persoa que encabeza esta organización, que é plural e diversa. O que parece é que, cando as mulleres, lideramos hai unha dobre vara de medir nestes temas.

 


Comentar