A Xunta convoca os partidos e as entidades a un pacto para protexer e prestixiar o galego
Galicia
O conselleiro de Cultura presenta a campaña «Saca a lingua que levas dentro» e convida a «traballar xuntos por prestixiar» o galego. Anuncia cen cursos de lingua e cultura para a poboación nacida fóra de Galicia
09 Oct 2024. Actualizado a las 21:17 h.
Incrementar o uso do galego en todos os ámbitos sociais e que novos falantes se sumen a utilizalo. Eses son os dous obxectivos básicos da nova campaña Saca a lingua que levas dentro que pon en marcha a Xunta no marco das 50 medidas programadas para fomentar o idioma propio.
A esta estratexia dirixida á poboación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inclúe tamén medidas no ámbito político. «Non tería sentido se non nos circunscribimos tamén a un novo entorno de negociación sobre a lingua», afirmou o conselleiro. Por iso, convocou os partidos políticos con representación no Parlamento galego para o próximo día 24 a unha reunión de traballo co obxectivo de abrir o diálogo para consensuar un pacto pola lingua. Un proceso no que tamén participarán entidades como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, entre outras con relevancia neste ámbito.
«Espero que teñamos a altura de miras suficiente para poder chegar a un acordo, aínda que non sexa de máximos, que sexa de mínimos. Desbotemos aquilo que nos separa, que creo que é o que menos, e cingámonos a aquilo que nos une, que penso que é o que máis. Todas as formacións políticas e entidades sociais estamos convencidos de que debemos protexer o galego e traballar xuntos por prestixialo, así como de crear un clima amable para que a xente use o noso idioma», afirmou o conselleiro sobre a estratexia.
Sobre a campaña Saca a lingua que levas dentro, tanto José López como o secretario xeral de Lingua, Valentín García, destacaron que trata de promover dun xeito divertido e desenfadado o uso da lingua propia entre as distintas xeracións. «Todos temos algo de galego dentro», afirmou García. Amais da estratexia que se vai levar a cabo durante os próximos 15 meses a través de medios de comunicación e redes sociais, entre outros ámbitos, convidando a poboación en xeral, tamén haberá medidas específicas encamiñadas a buscar novos falantes, poñendo o foco «nos milleiros de persoas galegas de segunda e terceira xeración que volven á Galicia». Desde a consellería cifraron en máis de 120.000 os retornados nos últimos anos.
Para que estas persoas non nadas en Galicia coñezan o galego e «para transmitirlle o amor» por el, a Xunta ofertará máis de cen cursos de lingua e cultura, en modalidade presencial ou en liña. Nos dous casos haberá un sistema de matriculación previa. Neste ámbito tamén colaborarán con outros departamentos da Xunta, como as consellerías de Educación, Política Social e Emprego.
As iniciativas para impulsar o galego incidirán tanto no ámbito das competencias lingüísticas como no do prestixio social da lingua, procurando unha normalización no seu uso, principalmente nos ámbitos máis urbanos. Entre as medidas destinadas a novos falantes inclúense propostas desde o eido musical e o audiovisual, un apartado co que queren achegarse de xeito especial á mocidade. Tamén continuarán co proxecto Nós para fomentar o galego no ámbito da intelixencia artificial, estreitando lazos coa lusofonía e creando produtos tecnolóxicos orientados para o público infantil e xuvenil.