Un terzo dos rapaces menores de quince anos non saben falar galego, e o castelán xa é a lingua máis utilizada en Galicia
Galicia
A poboación que fala sempre en castelán xa supera a que o fai sempre en galego; en cinco anos, a situación inverteuse: os só castelanfalantes medran ata o 29,66 % e os só galegofalantes baixan ao 24,37 %. A Xunta recorda que o galego segue a ser a lingua cooficial máis empregada no Estado, e cre que nos datos inflúe a chegada de poboación de fóra
17 Nov 2024. Actualizado a las 13:49 h.
O galego perde espazo como lingua de comunicación habitual en Galicia. Segundo datos feitos públicos este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o castelán é actualmente o idioma más utilizado na comunidade. Xa son máis os residentes que falan sempre en español, un 29,66 %, que os que falan sempre en galego, un 24,37 %.
A información procede dun módulo específico da enquisa estrutural de fogares centrado no coñecemento e uso do galego, realizado a partir de case 10.000 enquisas. Os datos anteriores eran do 2018, e reflectían a situación inversa: un 30,57 % de falantes exclusivos en galego, fronte a un 24,40 % de falantes exclusivamente en castelán.
A situación non cambia se se engaden os que utilizan ambas as linguas, pero con predominio dunha delas. Así, sumando os que falan só galego e os que falan máis galego que castelán, a porcentaxe actual chega ao 46,23 %, seis puntos menos que hai cinco anos, os mesmos que medra a suma dos castelanfalantes permanentes e os que falan máis castelán, que son maioría na comunidade e representan o 53,77 %.
O estudo inclúe moitas máis variables, que permiten facer unha radiografía da situación da lingua en Galicia:
uso por idades
A máis pequenos, menos galego. Hai unha perda de galegofalantes nos grupos de menor idade. Entre os 5 e os 14 anos exprésanse só en galego o 7,04 % dos rapaces —hai cinco anos eran o dobre—, mentres que máis da metade (o 53,67 %) falan só en castelán. Porén, no grupo das persoas de 65 ou máis anos, os galegofalantes exclusivos son o 40,34 %, fronte a un 16,93 % de falantes de castelán sempre.
Chama a atención este uso do galego na infancia, dado que o 38,42 % dos habitantes de Galicia que teñen fillos manifestan falarlles en galego sempre, algo que semella non bastar para prender neles o uso habitual desta lingua. Na relación inversa, hai un 32 % de nenos que din falarlles sempre en galego aos seus pais, mentres que un 43 % elixen sempre o castelán nesas conversas.
nativos e foráneos
Caída de galegofalantes. A enquisa recolle a toda a poboación residente en Galicia, tanto os nacidos na comunidade coma os chegados doutras autonomías ou países. E a preferencia polo galego retrocede en todos os colectivos. Entre os nativos galegos, os que falan sempre na lingua propia perden 5,4 puntos respecto ao 2018, mentres os que empregan sempre o castelán medran 2,63 puntos. As diferenzas son moi leves nos chegados doutras comunidades autónomas (variacións que non chegan a un punto arriba ou abaixo en todos os ítems), mentres que entre os estranxeiros instalados en Galicia se dá o maior crecemento dos castelanfalantes exclusivos: aumentan case 15 puntos, ata ser tres de cada catro os que só falan na lingua de Cervantes.
distribución xeográfica
Cidades castelanfalantes. Nas sete urbes, o castelán gaña a partida ao galego, sendo o concello de Santiago o que ten máis presenza da lingua propia (o 44,52 % da poboación de 5 ou máis anos fálaa sempre ou de xeito predominante), e Vigo o de menor presenza (13,46 %). En Ferrol, a poboación que fala sempre en galego ou fala máis galego que castelán queda no 13,56 %; na Coruña, no 15,48 %; en Pontevedra, no 23,17 %; en Ourense, no 37,87 %; e en Lugo, a porcentaxe é do 39,25.
Por áreas xeográficas, a da comarca de Vigo, a área da Coruña (entendida como as comarcas de A Coruña e Betanzos) e a que comprende Ferrol, Eume e Ortegal son as que presentan menores porcentaxes de poboación que fala en galego sempre ou máis que en castelán, cun 20,13, un 25,04 e un 28,39 %, respectivamente. No outro extremo, a lingua galega é predominante na Costa da Morte (84,92 %) e na área da Coruña suroriental, que inclúe as comarcas de Arzúa, Ordes e Terras de Melide (82,97 %).
coñecemento
Baixo entre os máis novos. En canto a saber falar o galego, o 16,6 % da poboación confesa saber pouco ou nada, fronte ao 51,28 % que di saber falalo moito, e o 32,11 % que di que bastante. Outra vez, o dato máis salientable está entre os máis novos: un de cada tres rapaces de 5 a 14 anos (o 32,44 %) di saber falar pouco ou nada en galego.
No que atinxe a entender o idioma propio, hai unha porcentaxe moi ampla de poboación que o comprende moito ou bastante, o 93,37 %, aínda que a cifra diminúe lixeiramente respecto á enquisa anterior, cando era case o 95,5 %. Tamén neste ítem os peores datos están no grupo de menor idade: a rapazada menor de 15 anos que di entender o galego queda no 86,22 %, mentres que no 2018 era máis do 90 %.
Volvendo ao conxunto dos residentes en Galicia, a familia segue a ser a principal vía de aprendizaxe do galego: case o 80 % dos enquisados din que aprenderon o idioma no ámbito familiar. Con todo, entre a poboación menor de cincuenta anos gaña peso a escola, chegando ao extremo de que entre as persoas de 5 a 29 anos a inmensa maioría (o 95,74 %) atribúe o seu coñecemento do galego ao sistema educativo.
escrita
Falar si, escribir non. A escrita do galego atáscase máis que a súa comprensión ou o seu emprego oral. A información do IGE revela que un 4,23 % das persoas que din entender o galego non son quen de falalo. Hai cinco anos, esa porcentaxe era do 1,88 %. Ademais, entre os que si din saber falalo, hai un 10,96 % que aseguran non sentirse aptos para escribilo, unha porcentaxe bastante similar á do ano 2018.
Máis alá de saber ou non saber escribir o galego, o certo é que as enquisas indican que o castelán segue a ser a lingua habitual de escritura para a maioría da poboación. Só o 15,33 % dos consultados dixeron escribir habitualmente en galego.
Que implica isto? Que ata entre os galegofalantes hai un número moi importante de persoas que renuncian á lingua propia á hora de poñela en negro sobre branco. Un dato: un 61,38 % dos que din falar sempre en galego empregan o castelán á hora de escribir.
libros e internet
Domina o castelán. É o que predomina á hora das escollas que fan os lectores. O 56,42 % da poboación de Galicia só le libros en lingua española, mentres que os que optan polo galego de xeito exclusivo ou preferente á hora de elixir as súas lecturas representan apenas o 7,96 %.
A porcentaxe é aínda máis baixa ao falar de navegar por internet, cun 6,72 % de escolla do galego como lingua única ou maioritaria. Iso si, o dato é mellor que o de hai cinco anos, cando representaba un 5 %.
E que sucede se se elimina o factor de que existe unha maior oferta de contidos na rede en lingua castelá? Pois que as porcentaxes de escolla do galego melloran, aínda que seguen a ser minoritarias. Non chegan a dous de cada dez consultados (concretamente o 18,8 %) os que optan de xeito habitual polo galego cando poden escoller en que idioma navegar polo ciberespazo.
En canto á lingua empregada para participar nas redes sociais, o 4,75 % da poboación utiliza só o galego, mentres que outro 12,68 % usa máis galego que castelán. Os que optan polo castelán en exclusiva soben ata o 60,26 %, mentres que aqueles que optan máis polo castelán que polo galego son o 22,31 %.
Iso si, algo máis da metade dos consultados (o 51,45 %) din que lles gustaría atopar máis contidos en galego en internet, e un 54,53 % avogan por máis produtos audiovisuais neste idioma.
usos sociais e laborais
Máis galego cos amigos, e menos cos profesores. Dentro do ámbito social, o uso exclusivo do galego está especialmente estendido nas relacións entre amigos, segundo esta macroenquisa. Un 28,4 % dos consultados din empregar sempre esta lingua para falar coas súas amizades. Tamén é bastante empregado para relacións comerciais (24,79 %). No extremo contrario, a interacción na que menos xente utiliza sempre o galego son as conversas cos profesores dos seus fillos (o 17 %).
No ámbito laboral, o castelán en exclusiva é a opción máis habitual para dirixirse aos superiores. Así o recoñecen o 37,73 % dos enquisados que estaban ocupados no momento de responder, mentres que un 19,95 % sempre fala cos seus xefes en galego. Cos clientes, un 26,67 % sempre usa o castelán; outro 30,34 % usa as dúas linguas con preferencia da española; un 27,09 % combina, pero empregando máis o galego; e o 15,9 % só utiliza a lingua propia de Galicia.
A Xunta relaciona os datos coa chegada de poboación do exterior
O secretario xeral de Lingua da Xunta, Valentín García, destacou que segundo os datos do IGE, sete de cada dez galegos din empregar algunha vez o galego. Respecto ao avance do castelán nos últimos cinco anos, vinculouno coa chegada de residentes dende o exterior, que cifrou en 115.000 persoas no período analizado (2018-2023). «Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose tamén nun nicho de potenciais neofalantes, para os que desde a Administración autonómica estamos deseñando medidas como son os cursos específicos que anunciamos esta mesma semana», valorou.
García, que fixo estas consideracións no acto de presentación en Santiago dos novos recursos do portal Neofalantes.gal, tamén considerou que o galego «continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio, sendo un 29,2 % os que manifestan utilizar unicamente o castelán de maneira habitual», mentres que «practicamente o 100% da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida». Así, asegurou que o 94,6 % da poboación di dominar a expresión oral, e o 84,4 % di ter competencias escritas, mentres que o 93,4 % entende o galego falado, e o 96,4 % di poder ler neste idioma.
En opinión de García, os datos do IGE reflicten «unha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos».