O secretario xeral da Lingua insiste en que o galego «non está en perigo» e ve «menos consistentes» os datos nos menores de 15 anos
Galicia
Os grupos políticos ofrecen consenso de cara ás negociacións do pacto pola lingua, pero a oposición recorda que hai plans anteriores e medidas sen poñer en marcha
17 Oct 2024. Actualizado a las 20:44 h.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, compareceu este xoves na comisión parlamentaria de Educación e Cultura. Acudía a petición propia para informar sobre as políticas lingüísticas da Xunta, pero a recente publicación da enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso das linguas en Galicia, que amosa que o castelán xa é máis falado que o galego na comunidade, foi a principal protagonista da súa intervención. Insistiu García en que o galego «non está nunha situación urxente nin de emerxencia, non ten ningún tipo de perigo da súa existencia e do seu futuro». A palabra que el empregou para definir a situación da lingua galega foi «situación dinámica».
Facendo fincapé nos datos do estudo que indicaban unha caída do uso e do coñecemento da lingua entre os máis novos —segundo a enquisa, un terzo dos menores de quince anos saben falar pouco ou nada en galego—, o secretario xeral destacou que é o dato «menos consistente» do estudo. Argumentouno en que non é legal facer enquisas a menores de 16 anos, polo que as respostas foron dadas por familiares dos rapaces, e animou a coller ese dato «con cautela».
Insistiu tamén en dar importancia a unha «realidade nova» como é, ao seu xuízo, a crecente chegada de poboación desde o exterior, aos que atribuiu o «subidón de monolingües en castelán», que debuxa o estudo. «A enquisa dá un dato que non nos gusta a ninguén: que os que falan só en galego ou máis galego que castelán xa son menos que ao contrario; pero se esa porcentaxe se calcula só entre os nacidos en Galicia, o galego segue a ser a lingua maioritaria, un 52 % fronte a un 48 %. A estatística dá a volta ao incorporar á xente que, por sorte, viu vivir a Galicia», aseverou.
Con todo, remarcou a necesidade de traballar en moitas áreas, desde as novas tecnoloxías ata os ámbitos de socialización da rapazada, e confiou en que o diálogo coas distintas forzas políticas que se abrirá a vindeira semana para acadar un pacto pola lingua achegue solucións «pensadas e complexas», e contribúa á que a poboación «sinta orgullo» do seu idioma, a pesar de que, recordou «non é fácil intervir na lingua na que se comunica a xente».
«Triquiñuelas metodolóxicas»
A explicación non convenceu aos representantes da oposición. Julio Abalde, do PSdeG, falou de «triquiñuelas metodolóxicas» para xustificar o «panorama desolador» e a «traxedia cultural» que para os socialistas reflicte a enquisa do IGE. «O galego está en situación límite», afirmou, sinalando que «non é froito só da emigración nin dos cambios sociais inevitables, senón consecuencia de decisións políticas concretas que ignoraron a nosa lingua». Nese sentido, reclamou «cambiar o rumbo» e ter un Goberno autonómico «que crea no galego», atribuíndo ao uso da lingua como arma política por parte do PP a situación de «descrédito do idioma». «Volvemos a unha situación social que eu vivín no franquismo de considerar o galego unha lingua de segunda», lamentou.
A representante do BNG, Iria Taibo, quixo centrar a súa intervención máis en pedir e repasar medidas que en debatir sobre o estudo, pero afeou que o PPdeG só concorde coas partes da enquisa «que o benefician» e considerou que a propia estatística desmente o peso da inmigración porque «a cifra de galegofalantes cae o triplo do que cae a poboación nacida en Galicia».
En calquera caso, tanto Abalde como Taibo, e tamén os representantes de Democracia Ourensan, Armando Ojea, e do PPdeG, José Luis Ferro Iglesias, amosaron a súa boa disposición para dialogar e chegar a consensos encol do idioma. Iso si, a deputada do Bloque empregou unha afirmación do propio secretario xeral nos medios para remedar: «Dicía vostede que unha lei non o vai arranxar todo; podemos probar por unha vez a ver qué pasa se a cumprimos».
Nese senso, a nacionalista recordou que o Plan de Normalización Lingüística do 2004 contou co apoio de todas as forzas políticas, pero que boa parte das medidas que incluía seguen sen aplicarse a día de hoxe, como por exemplo as referidas á promoción do uso do idioma na Administración pública, nos medios ou no cinema, e mesmo á propia chegada de inmigrantes.
O secretario xeral da Lingua agradeceu todas as achegas realizadas polos distintos deputados, eloxiando a súa boa disposición ao diálogo e para retirar o galego do confrontamento político. O vindeiro día 24 comezarán as reunións do conselleiro de Cultura, José López Campos, cos distintos grupos parlamentarios, inicialmente por separado, para poñer en marcha o que a Xunta deu en chamar un pacto polo idioma.