Queremos Galego chama a participar este domingo na concentración de Santiago ante a «emerxencia lingüística extrema»
Galicia
Será ás doce da mañá na praza da Quintana e ao remate actuarán Tanxugueiras. Dende a plataforma instan á Xunta a iniciar un proceso «transparente, amplo e coa participación das entidades sociais galegas»
13 Nov 2024. Actualizado a las 16:56 h.
Colectivos políticos, sindicais e diferentes asociacións fixeron un chamamento para que os galegos participen este domingo nunha concentración e «gran asemblea multitudinaria» na praza da Quintana de Santiago, ante a «emerxencia lingüística extrema» que vive a lingua.
Aínda que nun principio a Plataforma Queremos Galego convocou unha manifestación para o 17 de novembro, os seus representantes explicaron nunha rolda de prensa este mércores que a concentración mantén o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego e será unha «gran convocatoria» polo galego. Comezará as doce da mañá na praza, onde tamén rematará.
O portavoz da plataforma, Marcos Maceira, subliñou os detalles do acto e avanzou que se lerá unha declaración unitaria, que aínda continúa aberta e que xa asinaron 167 colectivos «de moi diferente tipo». Estes instan á Xunta a iniciar un proceso «transparente, amplo e coa participación das entidades sociais galgas», que conte cun calendario de aplicación inmediata, mecanismos de avaliación e recursos.
Segundo a xornalista Tereixa Navaza, o proceso debe partir dos obxectivos que se contemplan na Lei de Normalización Lingüística, a Lei Paz Andrade e o Plan Xeral de Normalización do 2004. Navaza insistiu en que, sen a presión da sociedade polo futuro da lingua, «o goberno non fará absolutamente nada».
Actuación de Tanxugueiras
Marcos Maceira explicou que este é o comezo dun movemento moito máis amplo e que a concentración do domingo contará coa actuación de Tanxugueiras. Nesta «gran asemblea», dixo, tamén se decidirán as liñas xerais de acción para os próximos meses para lograr o «cambio de rumbo que o galego precisa». O portavoz da Plataforma Queremos Galego subliñou que un dos obxectivos do acto é comezar outro proceso de activación da sociedade galega «pola lingua que a une», e que «nunca máis» se vaia cara atrás na normalización.
«Non pode haber nunca máis pasos atrás para a lingua galega. Os desprezos e ataques á lingua propia de Galicia impulsados pola Xunta nos últimos 15 anos non poden repetirse», afirmou Maceira, que criticou a falta de respostas do Goberno galego ás solicitudes para reunirse con entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística, «o que non axuda a confiar en que teñen verdadeira intención de iniciar ningún tipo de proceso».
O próximo 30 de abril, avanzou Maceira, estarán nas Nacións Unidas para denunciar «os incumprimentos dos acordos nacionais e internacionais» ou determinados aspectos relacionados cos dereitos humanos ou o uso do galego.